A lúa chea virará rubia de vergonza, e o sol do mediodía quedará branco de estupor. O Señor dos Exércitos reinará no monte de Sión e en Xerusalén: e a gloria aparecerá ante os seus anciáns.
Levantade os vosos ollos ó alto, ollade: Quen fixo esas cousas? O que fai saír con orde o exército celeste, e a todo el o chama polo nome, coa enormidade do seu poder, coa súa vigorosa forza, e non falta ningún.
Así fala o Señor, que establece o sol para luz do día, que establece as leis da lúa e das estrelas para luz da noite; o que alporiza ó mar e braman as súas ondas; o seu nome é Señor dos Exércitos:
Inmediatamente despois da calamidade daqueles días, o sol hase escurecer, a lúa deixará de aluar, as estrelas caerán do ceo e as potencias celestiais abalarán.
E cando levantes os ollos cara ao ceo e contemples o sol, a lúa e as estrelas, todas as constelacións celestes, non te deixes seducir, adorándoos nin dándolles culto, pois o Señor, o teu Deus, repartiunos entre todos os pobos que hai de debaixo de todo o ceo.