Ollade que chegan os días —é o Señor quen fala— en que farei abrollar de David un xermolo lexítimo, será rei de verdade e comportarase con prudencia, administrará o dereito e a xustiza no país.
Relouca, filla de Sión, grita de ledicia, filla de Xerusalén. Velaí chega o teu rei, é xusto e protexido do Señor, humilde e montado nun burro, si, nun burriño fillo dunha burra.
Véxoo, pero non neste intre; eu avístoo, pero non de cerca: saíu unha estrela de Xacob, e xurdiu un caxato de Israel; crebou as ladeiras de Moab e abateu todos os fillos de Xet.
Díxolle entón Pilato: Logo ti es Rei? Xesús respondeu: Tal como o estás dicindo, eu son Rei: para iso nacín e para iso vin ó mundo, para dar testemuño da verdade; todo o que está aberto á verdade, escoita a miña voz.
Eu, Xesús, mandeivos o meu anxo, para que vos dese testemuño de todo isto que se refire ás igrexas. Eu son o renovo e a descendencia de David, o luceiro brillante da mañá".