"Vede que os vou xuntar de todos os países a onde os dispersei por causa da miña ira, da miña furia e do meu grande noxo, e farei que volvan a este lugar e que vivan con toda a seguridade.
Asentarán nela con tranquilidade, construirán casas e plantarán viñas e vivirán na tranquilidade, cando eu execute as sentencias contra todos os que ó seu arredor os desprezan. Entón recoñecerán que eu son o Señor, o seu Deus.
Pactarei con eles unha alianza de paz, e farei desaparecer do país os animais feroces, para que poidan vivir con tranquilidade no deserto, e adormecer na foresta.
Nunca máis volverán servir de botín para as nacións nin as feras do país os devorarán, senón que vivirán na tranquilidade sen que ninguén lles meta medo.
O cabo de moitos días recibirás unha orde miña; ó remate deses anos entrarás nunha nación, rescatada da espada, de entre moitos pobos. Congregada sobre os montes de Israel, foi unha continua desolación, pero logo foron sacados de entre as nacións e por último todos eles viviron na tranquilidade.
Feliz ti, Israel, quen coma ti?, pobo salvado polo Señor, escudo da túa axuda, espada da túa grandeza, os teus inimigos quixeron dominarte, pero ti triparás as súas costas".