Eles colleron o becerro que lles deron, preparárono e estiveron invocando o nome de Baal desde a mañá ata o mediodía. Dicían: —"Baal, escóitanos". Mais non se oía voz ningunha nin había resposta. Pero eles seguían brincando arredor do altar que construíran.
Esa noite pasarei eu por todo o Exipto e ferirei de morte todos os primoxénitos, desde os dos homes ata os do gando. Farei cumprida xustiza con todos os deuses de Exipto. Eu, o Señor.
Oráculo contra Exipto. Velaí o Señor montado nunha nube lixeira; vai a Exipto, tremen os seus deuses por mor da súa presenza, o corazón de Exipto derrétese nos seus adentros.
O tallista animará ó ourive, ó que pule co martelo, ó que malla na zafra; diralle da lámina incrustada: "Está ben", e logo aseguraraa con cravos para que non se mova.
Levántano no ombreiro, e lévano; póñeno no seu lugar, e está firme no seu santuario, e non abanea. Algún clama cara a el, pero non responde, non o libra da súa angustia.
O Señor será terrible contra eles, pois El debilita o poder de todos os deuses da terra, e todas as nacións da costa, cada unha desde o seu sitio, prostraranse en adoración diante del.
Facede imaxes dos furunchos e dos ratos que estragaron o país, e rendédelle homenaxe ó Deus de Israel. Quizais entón alixeire a súa man sobre vós e sobre os vosos deuses e a vosa terra.