Zacarías 9 - Biblia SEPTDÉUTERO-ZACARÍAS PRIMEIRA PARTE Un resto dos pagáns entrará no clan de Xudá 1 Oráculo. A palabra do Señor está no país de Hadrac, e Damasco é a súa residencia, porque o mesmo Señor contempla a humanidade, o mesmo ca a todas as tribos de Israel, 2 igual Hamat e a súa fronteira, Tiro e Sidón. Que sabedoría tan grande! 3 Tiro construíu unha fortaleza e aumentou a súa prata coma a terra, e o seu ouro coma a lama dos camiños. 4 Velaí o Señor: apodéranse de Tiro e castiga co mar a súa riqueza, e con lume é consumido Tiro. 5 Axquelón verá isto e terá medo, e Gaza retorcerase de tanta dor, e tamén a Ecrón se lle reseca a súa esperanza. O rei desaparecerá de Gaza, e Axquelón non será habitada, 6 reinará un bastardo en Axdod. Deste xeito acabarei coa soberbia da Filistea, 7 retirarei da súa boca o sangue que ela verteu, e a abominación de entre os seus dentes. Tamén dela quedará para o noso Deus un resto que será coma un clan en Xudá, e Ecrón será como foron os iebuseos. 8 Eu acamparei no meu templo, coma defensor contra o que vai e contra o que volve; non volverá pasar por riba deles o opresor. Si, agora vino cos meus ollos. A chegada do Mesías, Rei humilde e pacificador 9 Relouca, filla de Sión, grita de ledicia, filla de Xerusalén. Velaí chega o teu rei, é xusto e protexido do Señor, humilde e montado nun burro, si, nun burriño fillo dunha burra. 10 Eu acabarei cos carros de Efraím e cos cabalos de Xerusalén, acabarase o arco de guerra e El anunciará a paz ás nacións, reinará desde un mar a outro mar, desde o Éufrates ós confíns da terra. Restablecemento de Israel na unidade e prosperidade 11 Por ti, pola alianza pactada contigo con sangue, librarei os teus prisioneiros do pozo que non ten auga. 12 Volvede á praza forte, prisioneiros que tendes esperanza! Si, hoxe declaro que vos devolverei o dobre. 13 Tensarei a Xudá como se fose o meu arco, cargarei a Efraím, o meu arco; incitarei ós teus fillos, Sión, contra os fillos de Iaván, farei de ti a espada dun guerreiro valente. 14 Si, o Señor farase ver contra eles e a súa frecha sairá coma un lóstrego. O Señor Deus tocará a trompeta, camiñará sobre os furacáns do sur. 15 O Señor dos Exércitos protexeraos, pero as pedras da súa fonda devorarán e esmagarán; si, beberán sangue coma viño, e encheranse coma a copa dos sacrificios, coma os cornos do altar. 16 O día aquel o Señor, o seu Deus, salvaraos, porque eles son o rabaño do seu pobo, porque as pedras da súa diadema relocen sobre a terra. 17 Que feliz será o seu pobo! Que fermoso será! O trigo fará medrar os mozos, o viño novo fará medrar as mozas. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)