Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Zacarías 8 - Biblia SEPT


Setenario de oráculos de restauración

1 Veu a palabra do Señor nestes termos:

2 "Así fala o Señor dos Exércitos: Sinto grandes celos por Sión, con grande paixón sinto celos por ela.

3 Así fala o Señor: Volvo a Sión, e habitarei no medio de Xerusalén: Xerusalén chamarase cidade fiel; e a montaña do Señor dos Exércitos, Montaña Santa".

4 Así fala o Señor dos Exércitos: "Volverán sentar os vellos e mais as vellas nas prazas de Xerusalén, con cadanseu bastón na man durante moitos días.

5 E as prazas da cidade encheranse de mozos e mozas, xogando nas súas prazas".

6 Así fala o Señor dos Exércitos: "Se isto é admirable ós ollos do resto deste pobo, naqueles días tamén será admirable ós meus ollos" —é o Señor dos Exércitos quen fala—.

7 Así fala o Señor dos Exércitos: "Velaí, eu serei quen salve o meu pobo do país do nacente e tamén do país do solpor.

8 Traereinos e habitarán no medio de Xerusalén, serán para min o meu pobo, e eu serei para eles o seu Deus, na fidelidade e na xustiza".

9 Así fala o Señor dos Exércitos: "Que as vosas mans se fortalezan, vós que nestes días escoitades estas palabras da boca dos profetas; nestes días nos que se poñen os alicerces do templo do Señor dos Exércitos para reconstruír o santuario.

10 Certo que antes destes días, non se atopaba xornal para os homes, nin había xornal para os animais, e tanto quen saía coma quen entraba non tiña paz por culpa do perseguidor, pois botara a todos os homes, a cada un contra o seu próximo.

11 Pero agora eu non serei para o resto deste pobo, coma nos tempos de antes" —é o Señor Deus dos Exércitos quen fala—.

12 "Velaí a sementeira da fartura: a viña dará o seu froito, a terra, o seu produto; e o ceo o seu orballo; darei en herdanza todo isto ó resto deste pobo.

13 Resultará que o mesmo que fostes maldición entre as nacións, casa de Xudá e casa de Israel, así tamén eu vos salvarei e seredes unha bendición. Non teñades medo! Que se fortalezan as vosas mans!".

14 Así fala o Señor dos Exércitos: "O mesmo que eu determinei a desgraza contra vós, cando os vosos pais me anoxaran —fala o Señor dos Exércitos— e non tiven compaixón,

15 Así, me arrepentín e tracei nestes días facerlles ben a Xerusalén e á casa de Xudá. Non teñades medo!

16 Estas son as cousas que habedes de practicar: Dicide a verdade cada un ó seu próximo. Sentenciade con fidelidade e con xuízo de paz nas vosas portas.

17 Non maquinedes cada un no voso corazón o mal contra o seu próximo, non lles collades gusto ós xuramentos falsos, porque é precisamente todo isto o que eu aborrezo" —é o Señor quen fala—.


O xaxún converterase en festa de ledicia

18 Veume a palabra do Señor nestes termos:

19 "Así fala o Señor dos Exércitos: O xaxún do cuarto mes, o do quinto, o do sétimo e o do décimo converteranse para a casa de Xudá en xúbilo, en ledicia e en asembleas de festa gozosa. Pero amade a fidelidade e a paz.

20 Certo, aínda virán aquí as nacións e os habitantes das grandes cidades e os habitantes dunha cidade irán a outra para dicir:

21 Marchemos a implorar a presenza favorable do Señor, a buscar o Señor dos Exércitos. Tamén vou eu.

22 Virán pobos numerosos e nacións poderosas, buscar o Señor dos Exércitos en Xerusalén, e implorar a súa presenza favorable".

23 Así fala o Señor dos Exércitos: "Nos días aqueles collerán dez homes de todas as linguas das nacións, si, collerán a un xudeu pola beira do manto dicíndolle: Queremos ir canda vós, porque oímos que Deus está convosco".

Lean sinn:



Sanasan