Zacarías 4 - Biblia SEPTQuinta visión: o candelabro, o sacerdote e o príncipe mesiánico 1 O anxo que falaba comigo volveu e espertoume, como quen esperta do sono. 2 E díxome: "Que ves ti?" Contesteille: "Tiven unha visión, e velaí un candelabro todo el de ouro coa aceiteira na súa cima e sete lámpadas nel, e sete bicos nas lámpadas que tiña na súa cima. 3 O lado había dúas oliveiras, unha á dereita da aceiteira e outra á súa esquerda". 4 Logo collín a palabra e díxenlle ó anxo que falaba comigo: "Meu Señor, que son estas cousas? 5 E o anxo que falaba comigo respondeume: "Non sabes que son estas cousas? Eu díxenlle: "Non, meu Señor". 6 El repúxome: "Esta é a palabra do Señor acerca de Zerubabel, nestes termos: Non é polo poder, nin pola forza, senón polo meu Espírito —di o Señor dos Exércitos—. 7 Quen es ti, grande montaña? Diante de Zerubabel resultas ser unha chaira. Si, el é quen coloca a pedra da clave do arco. Hai clamores: Que bonita! Que bonita é!" 8 Veume a palabra do Señor nestes termos: 9 "As mans de Zerubabel puxeron os alicerces deste templo e as súas mans rematárono. Así recoñeceredes que o Señor dos Exércitos me encargou de vir a vós. 10 A quen desprezou o día dos pequenos comezos? Que se alegren ó ver a pedra da chumbada na man de Zerubabel. Estes sete bicos son os ollos do Señor que percorren toda a terra". 11 Eu collín a palabra e pregunteille: "Que significan esas dúas oliveiras á dereita do candelabro e á súa esquerda?" 12 Volvín coller a palabra de segundas e díxenlle: "Que significan as dúas pólas da oliveira, cos dous tubos de ouro que levan o aceite da primeira prensadura?" 13 El díxome así: "Non sabes o que significa?" Contesteille: "Non, meu Señor". 14 El dixo: "Estes son os dous que están marcados co aceite, e mantéñense de pé ó lado do Señor de toda a terra". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)