Zacarías 3 - Biblia SEPTCuarta visión A) Restauración do sumo sacerdocio de Iehoxúa 1 Apareceume en visión o sumo sacerdote Iehoxúa, de pé diante do anxo do Señor, e Satanás estaba á súa dereita para o acusar. 2 O Señor díxolle a Satanás: "O Señor reprenderate, Satanás; reprenderate o Señor, que escolle a Xerusalén. Acaso non é máis ca un tizón collido do lume?". 3 Iehoxúa ía vestido con roupas lixosas e estaba de pé diante do anxo. 4 Este colleu a palabra e díxolles ós que estaban diante súa: "Quitádelle as roupas lixosas". E a el díxolle: "Olla, retiro de sobre ti a túa iniquidade, pero trata de vestirte con vestidos limpos". 5 E engadiu: "Póndelle unha tiara limpa na cabeza". Colocáronlle a tiara limpa na súa cabeza e puxéronlle os vestidos. O anxo do Señor estaba alí de pé. 6 Logo o anxo do Señor fíxolle unha declaración a Iehoxúa nestes termos: 7 "Así fala o Señor dos Exércitos. Se camiñas polos meus vieiros e se gardas os meus mandamentos, ti gobernarás o meu templo e gardarás os meus adros e dareiche entrada libre entre estes que están aquí. 8 Escoita ben, Iehoxúa, sumo sacerdote, ti e os teus compañeiros que sentan na túa presenza porque eles son homes proféticos. Si, vede: vou traer o meu servo, o Refillo. B) Restauración do sacerdocio e do templo na perspectiva mesiánica 9 Si, velaí a pedra que puxen diante de Iehoxúa: sobre esta pedra única hai sete ollos: nela vou esculpir o seu gravado —é o Señor dos Exércitos quen fala— e no mesmo día quitarei a iniquidade deste país. 10 O día aquel —é o Señor dos Exércitos quen fala— invitaredes cada un ó seu compañeiro, debaixo da parra e debaixo da figueira". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)