Zacarías 2 - Biblia SEPTSegunda visión: os catro cornos e os catro ferreiros 1 Erguín os ollos e tiven unha visión: e velaí catro cornos. 2 Logo díxenlle ó anxo que falaba comigo: "Que é isto?" El contestou: "Estes son os cornos que espallaron a Xudá, a Israel e a Xerusalén". 3 Logo o Señor fíxome ver catro ferreiros. 4 Eu dixen: "Que veñen facer estes?" El respondeume: "Aqueles son os cornos que espallaron a Xudá, de xeito que ninguén puido levantar a súa cabeza e estoutros veñen para espantalos, para botar fóra os cornos das nacións, que levantaron o seu corno contra o país de Xudá para o espallaren". Terceira visión: Xerusalén será unha vila aberta 5 Logo erguín os meus ollos e tiven unha visión: Velaí un home e na súa man un cordel de medir. 6 Díxenlle: "Onde vas ti?" e el contestou: "Medir a Xerusalén, para ver cal é a súa longura e cal é a súa anchura". 7 O anxo que falaba comigo saíu, e outro anxo veu ó seu encontro, 8 e díxolle: "Corre e fálalle a ese mozo nestes termos: Xerusalén debe seguir sendo cidade aberta. Por mor do fato de homes e animais que haberá dentro dela. 9 Eu voume converter —oráculo do Señor— na súa muralla de lume todo arredor e convertereime na súa gloria no medio dela". Chamada ós que quedaron en Babilonia 10 Ai! Ai!, fuxide do país do norte —é o Señor quen fala—, que vos vou esparexer coma os catro ventos do ceo —é o Señor quen fala—. 11 Ai, Sión!: escapa, ti que habitas na casa de Babilonia. 12 Porque así fala o Señor dos Exércitos, quen despois da súa manifestación gloriosa me enviou contra as nacións que vos teñen saqueado: "Si, quen vos fere, fere a meniña do meu ollo. 13 Velaquí que eu movo a miña man contra eles, e serán presa dos seus servos: entón recoñeceredes que o Señor dos Exércitos me mandou". Alégrate, filla de Sión 14 "Exulta e alégrate, filla de Sión, pois, velaí, eu chego, e habitarei no medio de ti —é o Señor quen fala—. 15 No día aquel pobos numerosos uniranse ó Señor, serán o meu pobo. Habitarei no medio de ti, e entón recoñecerás que o Señor dos Exércitos me mandou onda ti. 16 O Señor collerá en herdanza a Xudá, que é o seu quiñón na Terra Santa, tamén volverá escoller a Xerusalén. 17 Silencio, carne toda, por mor da presenza do Señor! Si, esperta e sae da súa Morada Santa!" |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)