Zacarías 12 - Biblia SEPTDÉUTERO-ZACARÍAS SEGUNDA PARTE Salvación e purificación de Xerusalén e Xudá coa morte do "Traspasado" 1 Oráculo. Palabra do Señor acerca de Israel. Oráculo do Señor que estende os ceos e que cimenta a terra, que forma o espírito dos homes no seu interior. I. Castigo universal pola opresión contra Xerusalén 2 Velaí: eu converto a Xerusalén en cunca que emborracha a todos os pobos do arredor. Tamén lle tocará a Xudá, cando sexa o asedio contra Xerusalén. 3 Sucederá no día aquel que converterei a Xerusalén en pedra de xogo: todos os pobos andarán a levantala. Todo o que a queira levantar, ferirase, e uniranse a ela todas as nacións da terra. 4 No día aquel —é o Señor quen fala— atordarei a golpes a todos os cabalos; e ós seus cabaleiros, coa loucura. Cos meus ollos inspeccionarei a casa de Xudá, pero ferirei a todos os cabalos das nacións coa cegueira. 5 Entón os xefes de Xudá pensarán nos seus corazóns: a forza dos habitantes de Xerusalén está no Señor dos Exércitos, o seu Deus. 6 No día aquel converterei os xefes de Xudá nun braseiro con paus acendidos, e nun fachuco de restrollo aceso: devorarán cara á dereita e cara á esquerda a todas as nacións de arredor. Xerusalén volverá reinar no seu lugar, en Xerusalén. II. Salvación de Xudá e Xerusalén 7 O Señor salvará primeiro as tendas de Xudá, para que non se levante sobre Xudá o orgullo da casa de David e o orgullo dos que rexen en Xerusalén. 8 No día aquel o Señor protexerá ó que rexe en Xerusalén. Aquel día o que máis cambalee de entre eles será coma David, e a casa de David será coma divina, igual có Anxo do Señor á fronte deles. III. Purificación de Xerusalén coa lamentación polo "Traspasado" 9 No día aquel tratarei de destruír a todos os pobos que entran en Xerusalén. 10 Estenderei sobre a casa de David e sobre os habitantes de Xerusalén un espírito de graza e de súplica: mirarán atentamente ó meu Poderoso, a quen traspasaron. Farán lamentación por el, coma a lamentación diante do único Deus, e chorarán amargamente por el, coma o amargarse por un primoxénito. 11 No día aquel será grande a lamentación en Xerusalén coma a lamentación de Hadad-Rimón no val de Meguido. 12 O país lamentarase, familia por familia, separadamente: a familia da casa de David, e as súas mulleres; a familia da casa de Natán, e as súas mulleres, 13 A familia da casa de Leví e as súas mulleres; a familia de Ximí e as súas mulleres. 14 Todas as restantes familias, familia por familia, e as súas mulleres separadamente. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)