Zacarías 11 - Biblia SEPTCanto da vitoria en forma de sátira contra os inimigos 1 Abre, Líbano, as túas portas, que o lume devora os teus cedros. 2 Fai lamentación, ti, ciprés, que o cedro xa caeu: as árbores espléndidas foron arrasadas. Facede lamentacións, aciñeiras de Baxán, que o bosque inaccesible se vén abaixo. 3 Berros de lamentación dos pastores! Porque a súa gloria quedou arrasada. Berros de ruxidos dos cachorros de león! Porque o esplendor do Xordán quedou arrasado. Ledicia dos pastores 4 Así fala o Señor, o meu Deus: "Pastorea o rabaño destinado á matanza. 5 Os seus compradores vano matar, e non se sentirán culpables. Del dirán os seus compradores: Bendito sexa o Señor, que me fago rico! En cambio os seus pastores non senten compaixón por el". 6 "Certo, eu non volverei a ter piedade dos habitantes do país —é o Señor quen fala— e velaí entrego os homes na man de cadanseu pastor, na man do seu rei; arrasarei o país e non o librarei das súas mans". 7 Entón eu pastoreei o rabaño destinado á matanza, en proveito dos seus traficantes. Collín dous caxatos, e a un chameille: "Bondade"; e ó outro chameille "Unión", e pastoreei o rabaño. 8 Logo fixen desaparecer a tres pastores nun só mes. Perdín a paciencia con eles, e eles tamén se anoxaron comigo. 9 Entón dixen: "Xa non vos pastorearei: as ovellas que teñan que morrer, que morran; as que teñan que desaparecer, que desaparezan; e as que queden, que cada unha devore a carne da súa compañeira". 10 Logo collín o caxato, a "Bondade", e partino, para romper a alianza que o Señor fixera con todos os pobos, 11 e quedou roto no día aquel. Os tratantes do rabaño, que me observaban, recoñeceron que isto era palabra do Señor. 12 Logo díxenlles: "Se vos parece ben, dádeme a miña soldada; e se non, deixádea". Pero eles pesaron a miña soldada: trinta moedas de prata. 13 Logo o Señor díxome: "Botádella ó fundidor de metais; é o espléndido prezo no que fuches taxado por eles". Entón collín as trinta moedas de prata e boteillas no templo do Señor ó fundidor. 14 Despois partín o segundo caxato, a "Unión", para romper a irmandade entre Xudá e Israel. 15 E díxome o Señor: "Procura as ferramentas dun pastor que sexa aparvado. 16 Pois, velaí, vou suscitar no país un pastor: das que van á ruína non se preocupará; pola descamiñada non buscará; á ferida, non a curará; da que aínda estea de pé non coidará, senón que comerá a carne da ovella gorda e arrincaralle as súas unllas". Crise purificadora na que é ferido o pastor, e que remata na nova alianza 17 "Ai do pastor de vento, que abandona o rabaño! Unha espada está contra o seu brazo e contra o seu ollo dereito. O seu brazo estase secando, o seu ollo dereito estase apagando. Espada, esperta contra o meu pastor, contra o home do meu acompañamento". 13,7 —É o Señor dos Exércitos quen fala—. "Fire ó pastor e que se esparexan as ovellas! Si, eu revolverei a miña man contra as súas crías. 13,8 Sucederá en todo o país —é o Señor quen fala— que de tres partes del, dúas desaparecerán e a terceira quedará. 13,9 Eu farei pasar polo lume esta terceira parte, purificareinos tal como se refina a prata, limpareinos tal como se purifica o ouro. El invocará o meu Nome e eu escoitareino. Direi: "El é o meu pobo". E el dirá: "O Señor é o meu Deus". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)