Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Zacarías 1 - Biblia SEPT


PROTO-ZACARÍAS PRIMEIRA PARTE: OCTONARIO DE VISIÓNS Chamada á conversión

1 No mes oitavo do ano dous de Darío, veulle a palabra do Señor a Zacarías, fillo de Berequías, fillo de Idó, nestes termos:

2 "O Señor está moi anoxado contra vosos pais".

3 Has de lles dicir: así fala o Señor dos Exércitos: "Volvede cara a min —oráculo do Señor dos Exércitos—, e eu volverei a vós" —díxoo o Señor dos Exércitos.

4 Non sexades coma vosos pais, contra os que os profetas do pasado clamaron dicindo: "Así fala o Señor dos Exércitos: volvédevos dos vosos malos vieiros e das vosas obras ruíns". Pero non me fixeron caso nin me prestaron atención —é o Señor quen fala—.

5 Os vosos pais onde están?; e os profetas, vivirán eternamente?

6 As miñas palabras e os meus decretos, que eu encarguei ós meus servos os profetas, non lles chegaron ós vosos pais? Eles convertéronse e dixeron: "Tal coma o Señor dos Exércitos pensou facernos a nós, conforme ós nosos vieiros e ós nosos feitos, así nolo fixo".


Primeira visión: o anxo e os cabalos que están entre os mirtos

7 O día vinte e catro do mes undécimo, o mes de Xebat, no ano segundo de Darío, veulle a palabra do Señor ó profeta Zacarías, fillo de Berequías, fillo de Idó, nestes termos:

8 Tiven unha visión durante a noite e velaí un home montado nun cabalo vermello. Estaba de pé entre os mirtos, que teñen as raíces nas profundidades, e detrás del había cabalos vermellos, cardosos e brancos.

9 Entón eu dixen: "Meu Señor, que son estas cousas?" O anxo que falaba comigo díxome: "Eu vouche facer ver o que son estas cousas".

10 E o home que estaba de pé entre os mirtos, respondeu: "Estes son aqueles a quen o Señor lles encargou que percorresen a terra".

11 Entón eles dirixíronse ó anxo do Señor que estaba de pé entre os mirtos, dixéronlle: "Xa percorremos a terra, e velaí que toda a terra está habitada e tranquila".

12 Entón o anxo do Señor tomou a palabra, e dixo: "Señor dos Exércitos, ata que día non te vas compadecer de Xerusalén e das cidades de Xudá, coas que levas enfadado setenta anos?"

13 E o Señor respondeulle ó anxo, que falaba comigo, palabras boas e palabras consoladoras.

14 Entón o anxo que falaba comigo díxome: "Proclama isto: así fala o Señor dos Exércitos. Teño celos por Xerusalén e por Sión, grandes celos.

15 Estou moi anoxado coas nacións, fachendosas da súa tranquilidade. Si, estaba un pouco anoxado, pero eles axudaron co seu mal".

16 Por isto así fala o Señor: "Volvereime a Xerusalén con misericordia, e o meu templo será reconstruído por ela, —oráculo do Señor dos Exércitos— e o cordel de medir estenderase sobre Xerusalén".

17 Volve a clamar nestes termos: "Así fala o Señor dos Exércitos: as miñas cidades volverán a fartarse de bens. Si, o Señor volverase compadecer de Sión e volverá preferir a Xerusalén".

Lean sinn:



Sanasan