Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xuíces 9 - Biblia SEPT


Abimélec, rei

1 E foi Abimélec, fillo de Ierubaal, a Xequem, onda os irmáns de súa nai, e faloulles a eles e a toda a casa paterna de súa nai deste xeito:

2 —"Dicide, por favor, ós oídos de todos os señores de Xequem: Que vos parece mellor: que manden en vós setenta homes —todos os fillos de Ierubaal—, ou que mande en vós un só home? E lembrádevos de que eu son óso e carne vosa".

3 E os irmáns de súa nai contaron todo isto acerca del ós oídos de todos os señores de Xequem; e o corazón deles púxose do lado de Abimélec, pois dixeron "é noso irmán".

4 E déronlle setenta siclos de prata do templo de Baal—Berit, e con eles contratou Abimélec a homes miserables e falsos, que foron detrás del.

5 E chegou á casa de seu pai —a Ofrah— e matou a seus irmáns, fillos de Ierubaal: setenta homes, sobre a mesma pedra. Pero sobreviviu Iotam, o fillo máis novo de Ierubaal, porque se agachara.

6 E xuntáronse todos os señores de Xequem e de Bet—Miló e foron e proclamaron rei a Abimélec onda a aciñeira da estela que hai en Xequem.


A fábula de Iotam

7 E informaron a Iotam, e foise poñer no cume do Monte Garizim, e dispuxo a súa voz para falar ben alto. E dixo: —"Escoitádeme, señores de Xequem, e que Deus vos escoite tamén a vós:

8 Puxéronse en camiño as árbores para unxir un rei para elas, e dixéronlle á oliveira: reina sobre nós!

9 E respondeulles a oliveira: E hei de renunciar eu ó meu aceite, co que se honraron deuses e homes, para me ir abanear polas árbores?

10 Dixéronlle entón as árbores á figueira: ven reinar sobre nós!

11 E respondeulles a figueira: E vou renunciar eu á miña dozura e ós meus saborosos froitos, para me ir abanear polas árbores?

12 E dixéronlle as árbores á vide: ven reinar sobre nós!

13 E respondeulles a vide: E hei de renunciar eu ó meu viño, que fai poñer ledos a deuses e homes, para me ir abanear polas árbores?

14 Daquela dixeron todas as árbores á silveira: ven reinar sobre nós!

15 E díxolles a silveira ás árbores: se con sinceridade me unxides para ser o voso rei, vídevos acubillar á miña sombra; pero se non é así, que saia lume da silveira, que devore ós cedros do Líbano.

16 E agora, se procedestes con sinceridade e rectitude para constituír rei a Abimélec; se procedestes ben con Ierubaal e coa súa casa; e se lle recompensastes as obras das súas mans

17 (pois meu pai loitou por vós arriscando a propia vida, e librouvos das mans de Madián.

18 E vós erguédesvos hoxe contra a casa de meu pai, e matades a seus fillos setenta homes sobre a mesma pedra; e proclamades rei sobre os señores de Xequem a Abimélec, fillo da súa escrava, pois dicides é noso irmán...).

19 Pois ben, se procedestes con sinceridade e rectitude verbo de Ierubaal e da súa casa neste día, aledádevos por Abimélec, e que tamén el se alede por vós.

20 Pero se non foi así, que saia lume de Abimélec e que devore ós señores de Xequem e de Bet—Miló; e que saia lume dos señores de Xequem e de Bet—Miló, que devore a Abimélec".

21 Daquela Iotam botou a correr e fuxiu e foi a Beer, e habitou alí por medo de seu irmán Abimélec.


Gáal e os señores de Xequem contra Abimélec

22 E Abimélec levaba xa tres anos reinando sobre Israel,

23 cando Deus meteu un espírito ruín entre Abimélec e os señores de Xequem; e os señores de Xequem traizoaron a Abimélec.

24 (Para vingar deste xeito a violencia feita nos setenta fillos de Ierubaal, e botar o seu sangue sobre Abimélec, seu irmán, que os matara, e sobre os señores de Xequem, que enforteceran as mans daquel para matar a seus irmáns).

25 E os señores de Xequem puxéronlle emboscadas nos cumes dos montes, e saqueaban a cantos pasaban a carón deles polo camiño; e foille notificado a Abimélec.

26 E foi Gáal —o fillo de Ébed— e mais seus irmáns, e pasaron por Xequem; e confiaron nel os señores de Xequem.

27 E saíron ó campo, e vendimaron as viñas deles, e pisaron as uvas, e fixeron festa; e entraron na casa do seu deus, e comeron e beberon, e renegaron de Abimélec.

28 E dixo Gáal, o fillo de Ébed: —"Que hai entre Abimélec e Xequem para que teñamos que servilo? E logo o fillo de Ierubaal e mais Zebul —o seu lugartenente—, non serviron ós homes de Hamor, o pai de Xequem? E por que, entón, temos nós que servilo a el?

29 Quen puxera a este pobo nas miñas mans! Daquela botaría de aquí a Abimélec e diríalle: reforza o teu exército e sae!"

30 En oíndo Zebul —o gobernador da vila— as palabras de Gáal, o fillo de Ébed, acendeuse a súa ira,

31 e enviou mensaxeiros ás agachadas, dicindo: —"Velaquí que Gáal —o fillo de Ébed—, e mais seus irmáns, viñeron a Xequem e soerguen a vila contra ti.

32 Agora, pois, érguete de noite coa xente que tes contigo e arma unha emboscada no campo;

33 e pola mañá levantádevos á saída do sol, e lanzádevos contra a vila; e velaquí que, cando el e mais a xente que estea con el saian contra ti, farás con el o que che veña á man".

34 E ergueuse Abimélec coa xente que tiña con el, pola noite, e dispuxeron unha emboscada de catro corpos armados contra Xequem.

35 E saíu Gáal, o fillo de Ébed, e permaneceu á entrada da porta da vila; e xurdiu Abimélec da emboscada coa xente que tiña con el.

36 E viu Gáal a xente e dixo a Zebul: —"Velaí a multitude que baixa das cristas dos montes!" E respondeulle Zebul: —"Ti ves as sombras dos montes como se fosen homes!"

37 Continuou falando Gáal e dixo: —"Velaí xente baixando do Embigo da Terra, e outro grupo que vén polo camiño da Aciñeira dos Adiviños".

38 E díxolle Zebul: —"Onde vai agora a túa boca, coa que dicías quen é Abimélec, para que o sirvamos? Logo non é este o pobo que ti aldraxaches? Dálle, sae agora e loita contra el!"

39 E saíu Gáal á fronte dos señores de Xequem e loitou contra Abimélec.

40 E abouxouno Abimélec e fuxiu de diante del, e foron moitos os que caeron mortos ata a entrada da porta.

41 E habitou Abimélec en Arumah; e Zebul botou fóra a Gáal e a seus irmáns, vedándolles a residencia en Xequem.

42 O día seguinte, saíu o pobo ó campo, e notificáronllo a Abimélec.

43 E colleu o exército, e dividiuno en tres corpos, e montou unha emboscada no campo; e, ó ver que o pobo saía da vila, arremeteu contra eles e esgazounos.

44 E Abimélec e mais o corpo que estaba con el avanzaron e colocáronse á entrada da porta da vila, namentres que os outros dous corpos lanzábanse contra todos os que estaban no campo e esgazábanos.

45 E Abimélec estivo loitando contra a vila durante toda a xornada. E conquistouna e matou a xente que había nela; e arrasou a cidade e sementouna de sal.

46 E soubérono todos os señores da torre de Xequem, e entraron na fortaleza do templo de El—Berit.

47 E foille notificado a Abimélec que se reuniran todos os señores da torre de Xequem.

48 E subiu Abimélec ó Monte Salmón, con toda a xente que estaba con el; e colleu Abimélec unha machada na súa man e cortou unha póla de árbore, e, turrando dela, púxoa sobre o seu ombro, e díxolle á xente que estaba con el: —"O que me vistes facer, dádevos présa, e facede outro tanto".

49 E cortaron tamén todos eles cadansúa póla, e foron detrás de Abimélec, e colocáronas contra a fortaleza. Con elas prendéronlle lume á fortaleza, e morreron así todos os homes da torre de Xequem (uns mil, entre homes e mulleres).


Morte de Abimélec

50 E foi Abimélec a Tebés. E asediou Tebés e conquistouna.

51 Pero había un forte no medio da vila e fuxiran cara alí todos os homes e mulleres e todos os señores da vila, e pecháranse dentro, e subiran ata o teito da torre.

52 E chegou Abimélec ata o forte, e preparou a loita contra el; e achegouse ata a mesma entrada do forte, para prenderlle lume.

53 Daquela unha muller chimpou contra a testa de Abimélec unha pedra de moer e fendeulle o cranio.

54 E chamou axiña Abimélec polo mozo que lle facía de escudeiro e díxolle: —"Desenvaíña a túa espada, e mátame, para que non digan de min: matouno unha muller. E traspasouno o escudeiro e morreu".

55 E cando viron os israelitas que Abimélec morrera, foron para cadanseu lugar.

56 Devolveulle así Deus o mal que fixera Abimélec a seu pai matando a seus setenta irmáns;

57 e todo o mal dos homes de Xequem, fíxoo tornar Deus sobre as súas cabezas, vindo así sobre eles a maldición de Iotam, o fillo de Ierubaal.

Lean sinn:



Sanasan