Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xuíces 8 - Biblia SEPT


Guideón na outra banda do Xordán

1 E dixéronlle os homes de Efraím: —"Que é iso que nos fixeches, de non convocáresnos cando fuches á guerra contra os madianitas?" E queixáronse rexamente contra el.

2 E respondeulles: —"E que fixen eu agora, comparado co que fixestes vosoutros? E logo non é mellor o rebusco de Efraím cá viña de Abiezer?

3 Nas vosas mans puxo Deus ós príncipes de Madián —a Oreb e a Zeeb—, e que podía eu facer en comparanza convosco?" Daquela, con estas palabras, amainou a ira que se alporizara contra el por aquel feito.

4 E chegou Guideón ó Xordán e pasouno cos trescentos homes, que ían derreados, pero abouxando decote.

5 E dixo ós veciños de Succot: —"Dádenos, por favor, uns moletes de pan para a xente que me segue, pois están derreados e estou abouxando a Zébah e Salmuná, reis de Madián".

6 E responderon os príncipes de Succot: —"E logo xa amarraches a Zébah e Salmuná, de xeito que lle deamos pan ó teu exército?"

7 E dixo Guideón: —"Daquela, cando Iavé poña a Zébah e Salmuná nas miñas mans, raspiñarei as vosas carnes con espiños e cardos do deserto".

8 E subiu de alí a Penuel, e faloulles do mesmo xeito. E os veciños de Penuel respondéronlle o mesmo cós de Succot.

9 E dixo tamén ós homes de Penuel: —"Cando volva vitorioso, derrubarei esta torre".

10 E Zébah e Salmuná estaban en Carcor co seu exército: uns quince mil, que eran todos os sobreviventes de todo o campamento de orientais (pois os mortos foran cento vinte mil homes, abatidos pola espada).

11 E subiu Guideón polo camiño dos que vivían en tendas ó oriente de Nóbah e de Iogbehah, e mallou no campamento, que entón estaba confiado.

12 E emprenderon a fuxida Zébah e Salmuná, e abouxounos, ata pillar os dous reis de Madián —Zébah e Salmuná—, enchendo así de terror a todo o campamento.

13 E tornou Guideón —o fillo de Ioax— da batalla pola costa de Heres,

14 e pillou a un mozo dos veciños de Succot, e preguntoulle a el, e el describiulle ós príncipes de Succot e ós seus vellos: setenta e sete homes.

15 E chegou onda os veciños de Succot e dixo: —"Velaquí a Zébah e a Salmuná, polos que me aldraxastes, dicindo: E logo xa amarraches a Zébah e Salmuná, de xeito que deamos pan ós teus homes derreados?"

16 E colleu ós vellos da vila, e espiños e mais cardos do deserto; e con eles fíxolles saber o que era bo ós veciños de Succot.

17 E derrubou a torre de Penuel e matou ós homes da vila.

18 Daquela, díxolles a Zébah e a Salmuná: —"Como eran os homes que matastes no Tabor?" E responderon: —"Como es ti, así eran eles: uns e outros semellaban fillos de reis".

19 E engadiu el: —"Eran meus irmáns, fillos de miña nai. Vive Iavé!, que, se os deixásedes vivir, non vos mataría".

20 E díxolle a Iéter, o seu primoxénito: —"Anda, mátaos!" Pero o rapaz non desenvaiñou a súa espada, pois tiña medo, por ser aínda moi novo.

21 E dixeron Zébah e Salmuná: —"Érguete ti e arremete contra nós, pois como é o home así é a súa forza". E ergueuse Guideón e matou a Zébah e a Salmuná, e colleu as medias lúas que penduraban dos pescozos dos seus camelos.


Prevaricación de Israel e morte de Guideón

22 E dixeron os homes de Israel a Guideón: —"Manda ti sobre nós —ti e mais teu fillo e o fillo de teu fillo—, pois nos salvaches das mans dos madianitas".

23 E respondeulles Guideón: —"Non mandarei eu sobre vós, nin tampouco mandará meu fillo: será o Señor quen mande sobre vós".

24 E engadiu Guideón: —"Pídovos unha cousa: que cada un me deades un anel dos vosos espolios" (xa que os espoliados tiñan aneis de ouro, pois eran ismaelitas).

25 E dixeron: —"De certo darémoschos". E tenderon un manto e botaron alí cadanseu anel dos espolios.

26 E foi o peso dos aneis de ouro que pediu mil setecentos siclos de ouro, á parte das medias lúas, os pendentes e vestidos de púrpura que levaban os reis de Madián, e á parte dos colares que pendían do pescozo dos seus camelos.

27 E Guideón fixo un efod e colocouno no seu pobo —en Ofrah—, e prostituíuse alí todo Israel detrás del, resultando así un lazo para Guideón e para a súa casa.

28 E quedou humillado Madián ante os fillos de Israel e xa non levantou cabeza. E o país quedou tranquilo durante corenta anos nos días de Guideón.

29 E foi Ierubaal —o fillo de Ioax— e habitou na súa casa.

30 E Guideón tivo setenta fillos —nacidos todos del—, pois tiña moitas mulleres.

31 E a súa concubina —a que estaba en Xequem—, pariulle tamén un fillo e púxolle de nome Abimélec.

32 E morreu Guideón —o fillo de Ioax— en boa vellez; e foi sepultado na sepultura de Ioax —seu pai— en Ofrah de Abiezer.

33 E aconteceu que, en morrendo Guideón, volveron ás andadas os fillos de Israel e prostituíronse detrás dos baales, e tiveron como deus a Baal—Berit.

34 E non se lembraron os fillos de Israel do Señor, o seu Deus, que os librara das mans de todos os seus inimigos do arredor.

35 Nin tiveron misericordia coa casa de Ierubaal (Guideón) despois de tanto ben como fixera con Israel.

Lean sinn:



Sanasan