Xuíces 7 - Biblia SEPTDesfeita de Madián 1 E ergueuse Ierubaal —que é Guideón— e todo o pobo co que contaba e acamparon onda a fonte de Harod; e o campamento dos madianitas estaba ó norte deles (onde Guibeat—Hamoreh), na terra cha. 2 E dixo o Señor a Guideón: —"A xente que tes contigo é abondosa de máis para que eu entregue os madianitas nas súas mans: non sexa que Israel se poña a gabarse diante de min, dicindo: salveime eu por min mesmo. 3 E agora fai favor de comunicar ós oídos do pobo o que segue: Quen teña medo e trema, que se volva e arrede do monte de Galaad". E volvéronse vinte e dous mil homes do pobo e quedaron dez mil. 4 E dixo o Señor a Guideón: —"Aínda o pobo é numeroso de máis: fainos baixar á auga e probareichos alí; e cando che diga: este irá contigo, el irá contigo; e de todo o que che diga: este non irá contigo, ese non irá". 5 E fixo baixar ó pobo á auga; e dixo o Señor a Guideón: —"A todos os que lamban a auga coa súa lingua —como a lamben os cans—, xuntaralos á parte dos que se axeonllen para beber". 6 E o número dos que lamberon na man foi de trescentos homes; e todo o resto do pobo axeonllouse para beber auga. 7 E dixo o Señor a Guideón: —"Cos trescentos homes que beberon lambendo, vouvos salvar, e porei ós madianitas nas túas mans; e o resto da xente, que vaia cadaquén para o seu sitio". 8 E o pobo colleu nas súas mans o fornecemento e mais as súas trompetas, e mandou Guideón a todos os homes de Israel para a súa tenda, e quedou soamente cos trescentos (e o campamento de Madián atopábase debaixo del, no val). 9 E aconteceu que aquela noite lle dixo o Señor: —"Érguete e baixa ó campamento, pois o entrego nas túas mans. 10 E se tes medo de baixares só ó campamento, baixade ti e mais Purah, o teu servo. 11 Escoita o que falan, e fortaleceraste e baixarás contra o campamento". E baixou el e máis Purah —o seu servo— ata o remate da vangarda do campamento. 12 E os madianitas, os amalecitas e todos os orientais estaban deitados pola terra cha (unha multitude como de lagostas, e a cantidade de camelos era abondosa como a area da beira do mar). 13 E cando chegou Guideón, velaquí que estaba un contándolle un soño ó seu compañeiro, e dicía: —"Velaquí o soño que tiven: Soñei que un molete de pan de cebada rodaba polo campamento de Madián e chegou ata a tenda, bateu contra ela e chimpouna por terra virándoa cara arriba, e despois a tenda estomballouse". 14 E respondeulle o compañeiro: —"Isto non che é outra cousa que a espada de Guideón, o fillo de Ioax, o israelita, pois Deus puxo nas súas mans a Madián e a todo o campamento". 15 E aconteceu que, cando oíu Guideón o relato do soño e mais a súa interpretación, prosternouse, e de contado volveu ó campamento de Israel, e dixo: —"Erguédevos, pois o Señor puxo nas vosas mans o campamento de Madián". 16 E distribuíu Guideón os trescentos homes en tres corpos, e puxo trompetas nas mans de todos eles, e mais canecos baldeiros e fachos para as bocas dos canecos. 17 E díxolles: —"Ollade para min, de xeito que fagades coma min. Velaquí que cando eu chegue á vangarda do campamento, o que eu faga habédelo de facer tamén vós. 18 Cando eu e mais todos os que estean comigo toquemos a trompeta, tocaredes as trompetas tamén vosoutros —os que esteades arredor de todo o campamento—, e bradaredes: Por Iavé e por Guideón!" 19 E chegou Guideón con cen homes á vangarda do campamento, ó comezo da segunda vela, xusto cando acababan de relevar ós vixías. E tocaron as trompetas e escacharon os canecos que levaban nas mans. 20 E tocaron as trompetas os tres corpos, e escacharon os canecos e premeron os fachos coa man esquerda, e coa dereita as trompetas, para tocaren. E berraron: —"Espada por Iavé e por Guideón!" 21 E estiveron quedos cada un no seu sitio, arredor do campamento, e todo o campamento rompeu a correr, a berrar e a fuxir. 22 E os trescentos fixeron soar as trompetas, e o Señor fixo que a espada de cada un dos outros fose contra o seu compañeiro e contra todo o campamento; e fuxiu o exército inimigo ata Bet—Xitah, cara a Sererah, e ata a beira de Abel—Meholah, a carón de Tabat. 23 E xuntáronse os israelitas de Naftalí, de Axer e de todo Menaxés, e perseguiron ós madianitas. 24 E Guideón mandou mensaxeiros por toda a serra de Efraím, dicindo: —"Baixade ó encontro dos madianitas e ocupade antes ca eles os baixíos ata Bet—Barah e o Xordán". E xuntáronse todos os homes de Efraím e ocuparon os baixíos ata Bet—Barah e o Xordán. 25 E pillaron a dous príncipes dos madianitas a Oreb e Zeeb, e mataron a Oreb no Refuxio de Oreb; e a Zeeb, matárono no Lagar de Zeeb. E perseguiron ós madianitas e leváronlle da banda de alá do Xordán a Guidéon as cabezas de Oreb e de Zeeb. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)