Xuíces 5 - Biblia SEPTA Cántiga de Déborah 1 Aquel día púxose a cantar Déborah, á par que Barac —o fillo de Abinoam—, deste xeito: 2 —"Ó colleren as redes os líderes en Israel, cando o pobo se ofrece voluntario, loade o Señor! 3 Escoitade, reis; poñede oídos, príncipes. Para o Señor eu cantarei; eu tanxerei para o Señor, Deus de Israel. 4 Señor: cando saíches de Seir, no teu avanzar desde o campo de Edom, a terra tremeu; tamén os ceos zumegaron; mesmo as nubes deitaron auga; 5 os montes derretéronse diante do Señor: este Sinaí, diante do Señor, Deus de Israel. 6 Nos días de Xamgar, o fillo de Anat; nos días de Iael, desapareceran as vereas, e os camiñantes tiñan que andar polas corredoiras. 7 Acabaron os líderes: non volveu habelos en Israel, ata que se ergueu Déborah: xurdiu unha nai en Israel. 8 Elixíanse deuses novos: daquela, tiñan a guerra ás portas. E non se vía escudo nin lanza entre corenta mil en Israel. 9 O meu corazón para os capitáns de Israel; cando o pobo se ofrece voluntario, loade ó Señor! 10 Os que cabalgades sobre asnos brancos, os que vos sentades encima dos tapices, e mais os que ides de camiño, matinade. 11 Onde daban berros os capataces entre os augadoiros, alí cantarán as vitorias do Señor, as vitorias na súa terra ceibe, en Israel. Daquela o pobo do Señor baixou cara ás portas. 12 Esperta, esperta, Déborah; esperta, esperta, entoa unha cántiga! Érguete, Barac!, e leva os teus presos, fillo de Abinoam! 13 Entón baixou o sobrevivente, coma os adaís; o pobo do Señor baixou, o mesmo cós guerreiros. 14 Chegan os de Efraím, que arraiga en Amalec. Detrás del, Benxamín coas súas tropas; de Maquir baixaron os capitáns; e de Zebulón, os que levan o bastón de mando. 15 Os príncipes de Isacar están con Déborah: tanto Isacar como Barac, foron ó val, tralas súas pisadas. Nos clans de Rubén houbo grandes perplexidades no corazón. 16 Por que ficas entre os curros, para escoitar os asubíos dos pastores? Nos clans de Rubén houbo grandes perplexidades no corazón. 17 Galaad habitou para alá do Xordán; e Dan, por que viviu nos barcos?; Axer morou na beira do mar, estableceuse nos seus portos. 18 E Zebulón desafiou a morte, e tamén Naftalí nos outeiros do campo. 19 Chegaron reis e guerrearon; batallaron entón os reis de Canaán, en Zanac —onda as augas de Meguido—, sen que pillasen espolios de prata. 20 Desde os ceos loitaron elas: as estrelas, sen saíren do seu curso, loitaron contra Sísera. 21 O torrente Quixón arrebatounos: o torrente vello, o torrente Quixón. Camiña con forza, miña alma! 22 Entón resoaron os cascos dos cabalos, a galope, a galope dos seus poldros. 23 Maldicide a Meroz!, dixo o anxo do Señor; maldicide rexamente ós seus veciños, por non viren auxiliar ó Señor, a axudar ó Señor cos seus guerreiros! 24 Bendita sexa entre as mulleres Iael! —a muller de Héber, o quenita—, bendita entre as mulleres das tendas! 25 El pediu auga, e ela deulle leite; en copa de honra, ofreceulle requeixo. 26 A súa man ó fungueiro alongou, e a súa dereita ó martelo dos obreiros. Petoulle a Sísera, e fendeulle o cranio; mallou nel, e perforoulle as tempas. 27 Inclinouse ós pés dela e caeu deitado; ós seus pés abaixouse e caeu; onde se abaixou, alí caeu derreado. 28 Pola fiestra ollaba e laiaba a nai de Sísera, polo cancelo. Por que o seu carro demora tanto en chegar?; por que van tan a modo as rodas dos seus carros? 29 A máis sabia das súas damas, respóndelle: Certo!, e repítelle as mesmas palabras. 30 Non será que pillaron e repartiron os espolios? Unha ou dúas mozas para cada home!; espolios de tecidos de cores para Sísera; a presa de teas variadas; un ou dous panos de cores, para o pescozo das prisioneiras. 31 Así morran os teus inimigos, Iavé; e sexan os que te aman coma o sol cando se ergue, cheo de esplendor". E descansou o país durante corenta anos. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)