Xuíces 4 - Biblia SEPTDéborah, Barac e Sísera 1 En morrendo Ehud, volveron os fillos de Israel facer o mal diante do Señor, 2 e o Señor entregounos nas mans de Iabín, rei de Canaán, que reinou en Hasor, e que tiña de capitán do seu exército a Sísera, que vivía en Haróxet dos Xentís. 3 E berraron os fillos de Israel ó Señor, pois aquel tiña novecentos carros de ferro, e el xa oprimira fortemente ós fillos de Israel durante vinte anos. 4 Había unha muller profetisa —Déborah—, muller de Lapidot; e ela xulgaba a Israel naquel entón. 5 Vivía debaixo da palmeira de Déborah, entre Ramah e Betel, na serra de Efraím. E ían onda ela os fillos de Israel para consultala. 6 E mandou ela chamar a Barac, fillo de Abinoam, de Quédex de Naftalí, e díxolle: —"E logo non mandou o Señor, Deus de Israel, vai e mora no monte Tabor, e colle contigo dez mil homes de entre os fillos de Naftalí e de Zebulón, 7 e eu empurrarei onda ti, xunto ó torrente Quixón, a Sísera —o capitán do exército de Iabín—, e mais ós seus carros e á tropa, e poreino nas túas máns?" 8 E respondeulle Barac: —"Se vés ti comigo, vou; pero se non vés comigo, non vou". 9 E dixo ela: —"De certo, que irei contigo; soamente que o recoñecemento no camiño que emprendas non será para ti, pois nas mans dunha muller porá o Señor a Sísera". E ergueuse Déborah e foi con Barac a Quédex. 10 E convocou Barac a Zebulón e a Naftalí en Quédex, e subiu con dez mil homes consigo; e tamén foi con el Déborah. 11 Mais Héber, o quenita, arredárase dos outros quenitas —dos fillos de Hobab, o sogro de Moisés—, e foi montar a súa tenda alá onda a aciñeira de Saanaim, onda Quédex. 12 E notificóuselle a Sísera que Barac, o fillo de Abinoam, subira ó monte Tabor. 13 E xuntou Sísera todos os carros —novecentos carros de ferro—, e a todo o pobo que tiña, desde Haróxet dos Xentís ata o torrente Quixón. 14 E dixo Déborah a Barac: —"Érguete, pois é este o día no que puxo o Señor a Sísera nas túas mans. E logo non vai o Señor diante de ti?" E baixou Barac do monte Tabor cos dez mil homes que o seguían. 15 E o Señor destrozou a Sísera con todos os seus carros e mais o exército polo gume da espada diante de Barac. E Sísera baixou do seu carro e fuxiu a pé. 16 E Barac perseguiu os carros e o exército ata Haróxet dos Xentís, e caeu todo o exército de Sísera polo gume da espada: non quedou sequera un. 17 E Sísera fuxiu a pé á tenda de Iael, a muller de Héber, o quenita, pois había paz entre Iabín —o rei de Hasor— e a casa de Héber, o quenita. 18 E saíu Iael ó encontro de Sísera, e díxolle: —"Vén, meu señor, vén a carón de min, non teñas medo". E foi onda ela, á súa tenda, e ela tapouno cun cobertor. 19 E díxolle el: —"Fai favor, dáme de beber un pouco de auga, pois teño sede". Ela destapou a ola do leite, deulle de beber, e volveuno tapar. 20 E díxolle el: —"Ponte á entrada da tenda, e, se chega un e che pregunta Hai alguén aquí?, ti respóndeslle: Non". 21 Daquela, Iael —a muller de Héber— colleu un fungueiro da tenda, botou man dun martelo, achegouse onda el ás caladiñas, e chantoulle o fungueiro nas tempas, e foise espetar no chan (e el, que xa non se tiña, morreu). 22 E velaquí que Barac ía perseguindo a Sísera, e saíu Iael ó seu encontro e díxolle: —"Vén, que che mostro o home que buscas". E el entrou onda ela, e velaquí que Sísera xacía morto co fungueiro nas tempas. 23 E dese xeito abateu Deus no día aquel a Iabín, rei de Canaán, diante dos fillos de Israel. 24 E a man dos fillos de Israel fíxose cada vez máis pesada contra Iabín, rei de Canaán, ata que esnaquizaron a Iabín, rei de Canaán. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)