Xuíces 21 - Biblia SEPTCastigo de Iabex e recuperación de Benxamín 1 Os homes de Israel fixeran en Mispah este xuramento: —"Ninguén de nós dará a súa filla como esposa a un de Benxamín". 2 Chegou o pobo a Betel e estivo alí ata o serán diante de Deus. E deron laídos e prorromperon en gran choro; 3 e dixeron: —"Por que, Iavé, Deus de Israel, aconteceu isto contra Israel, que lle falte hoxe a Israel unha tribo?" 4 O día seguinte madrugou o pobo e construíron alí un altar e ofreceron holocaustos e vítimas pacíficas. 5 E dixeron os fillos de Israel: —"Quen hai de entre todas as tribos, que non subira para a asemblea onda Iavé?" (Pois fixérase un xuramento solemne verbo de quen non subise onda Iavé a Mispah: que de certo había de morrer). 6 E, doídos os fillos de Israel polos de Benxamín, seus irmáns, dixeron: —"Hoxe foi arrincada de Israel unha tribo. 7 Que faremos con eles —cos restantes— para procurarlles casamento? (pois nós xuramos polo Señor non lles dar as nosas fillas por esposas)". 8 E dixeron: —"Quen hai de entre as tribos de Israel que non subise onda Iavé, a Mispah?" Velaquí que non houbo un de Iabex—Galaad que entrase no campamento para a asemblea. 9 (Pois fora contado o pobo e acontecía que non había alí ningún dos veciños de Iabex—Galaad). 10 E mandou alá a asemblea doce mil homes guerreiros, ós que lles deron esta encomenda: —"Ide e pasade polo gume da espada ós veciños de Iabex—Galaad, incluídas as mulleres e mais os nenos. 11 E isto é o que habedes de facer: poredes en entredito a todo home e mais a toda muller que entendera de deitarse con homes". 12 E atoparon entre os veciños de Iabex—Galaad catrocentas rapazas virxes, que non tiveran experiencia de se deitaren con homes. E leváronas ó campamento, a Xiloh (que está na terra de Canaán). 13 E toda a asemblea enviou mandadeiros ós fillos de Benxamín que estaban na Rocha de Rimón e anunciáronlles a paz. 14 Daquela volveron os benxaminitas e déronlles para eles as mulleres que sobreviviran de entre as mulleres de Iabex—Galaad; pero non eran abondas para eles. 15 E o pobo compadeceuse dos de Benxamín, pois Iavé fixera unha fenda nas tribos de Israel. 16 E dixeron os anciáns da asemblea: —"Que faremos para que os restantes teñan mulleres (pois as mulleres de Benxamín foron exterminadas)?" 17 E dixeron: —"Háselle dar herdanza ó resto de Benxamín, para que non desapareza unha tribo das de Israel; 18 pero nós non podemos darlles as nosas fillas como esposas (pois os fillos de Israel fixeran este xuramento: Sexa maldito quen lle dea unha muller ós de Benxamín)". 19 E dixeron: —"Velaquí que hai todos os anos unha festa de Iavé en Xiloh, ó norte de Betel, ó oriente do camiño que sobe de Betel a Xequem, ó sur de Lebonah". 20 E deron orde ós fillos de Benxamín, dicindo: —"Ide e facede unha emboscada nas viñas. 21 Estade á espreita e, cando saian as mozas de Xiloh para danzar no corro, saídes vós de entre as viñas e pillades cada un unha muller de entre as mozas de Xiloh e ídesvos para a terra de Benxamín. 22 E cando veñan seus pais ou seus irmáns a preitear contra vós, dirémoslles: Sede bos con eles, pois non puideron coller muller para cada home cando a guerra, pois non llelas destes a eles naquel entón, para non incorrerdes en culpa". 23 Fixeron así os fillos de Benxamín e tomaron esposas, de acordo co número deles, das bailadoras que pillaran. Entón marcharon e volveron así á súa herdanza; e refixeron as vilas e habitaron nelas. 24 Daquela foron tamén os fillos de Israel a cadansúa tribo e familia e saíron de alí cada un para a súa herdanza. 25 Naquel entón non había rei en Israel e cadaquén facía o que lle viña en gana. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)