Xuíces 19 - Biblia SEPTSEGUNDO APÉNDICE (19, 1-21, 25) A infamia dos de Guibah 1 Naquel entón non había rei en Israel. E aconteceu que un home levita, que vivía no lindeiro da Serra de Efraím, colleu para si unha muller concubina de Belén de Xudá. 2 A concubina foille infiel e liscou de onda el para a casa de seu pai, en Belén de Xudá, e estivo alí durante catro meses. 3 E ergueuse seu marido e foi detrás dela para lle falar ó corazón e facela volver, levando consigo o seu criado e unha parella de asnos; entrou na casa do pai dela, viuno o pai da moza e aledouse do encontro. 4 E retívoo o seu sogro —o pai da moza— e ficou con el tres días: comeron, beberon e pasaron a noite alí. 5 O cuarto día erguéronse de mañanciña e el preparouse para marchar, mais dixo o pai da moza ó seu xenro: —"Conforta o teu corazón cun codelo de pan e despois partiredes". 6 Daquela sentáronse os dous e comeron e beberon un a carón doutro. E dixo o pai da moza ó marido: —"Anímate, ho, pasa aquí a noite, e que se alede o teu corazón". 7 O home incorporouse para marchar, pero, ó insistirlle o sogro, cedeu e pasou a noite alí. 8 O día quinto levantouse de mañanciña para marchar, e dixo o pai da moza: —"Anda, ho, conforta o teu corazón e demorade ata a caída do día". E aínda comeron os dous. 9 E dispúxose o home para marchar —el e a súa concubina e mais o criado—, e díxolle o sogro —o pai da moza—: —"Mira que o día vai declinando cara á escuridade. Pasade a noite aquí. Fíxate no devalo do día: pasa a noite aquí e aleda o teu corazón; e mañá madrugaredes para andar o voso camiño e irvos para o teu lar". 10 Pero o home non consentiu en pasar a noite alí. Ergueuse e foi e chegou fronte a Iebús —que é Xerusalén—, levando consigo os burros aparellados e tamén a súa concubina. 11 Cando estaban á altura de Iebús, ía o día moi adiantado e dixo o criado ó seu amo: —"Ande, faga favor, dirixámonos a esa cidade dos iebuseos e pasemos a noite nela". 12 E díxolle o seu señor: —"Non, non imos ir a unha vila allea, que non é dos fillos de Israel; 13 mellor será —insistiulle ó seu criado— que entremos nun deses lugares —en Guibah ou en Ramah—, e que fagamos noite alí". 14 Daquela pasaron de largo e foron adiante e púxoselles o sol cerca de Guibah de Benxamín. 15 E dirixíronse alá para entrar a pasar a noite en Guibah e foi, e estivo na praza da vila e ninguén os acolleu na súa casa para pasar a noite. 16 E velaquí que chegou un vello do seu traballo, polo serán, e o home era da serra de Efraím, forasteiro en Guibah, namentres que os veciños do lugar eran benxaminitas. 17 E botou unha ollada e viu ó home viaxeiro na praza da vila. E dixo o vello: —"Onde vas e de onde vés?" 18 E respondeulle: —"Nosoutros imos de camiño desde Belén de Xudá ata o lindeiro da serra de Efraím. De alá son eu. Fun ata Belén de Xudá, agora vou para a miña casa e ninguén me acolle no seu lar. 19 Levo palla e forraxe para os nosos burros e tamén levo comigo pan e viño para min, para a túa servidora e para o criado dos teus servos: non precisamos cousa ningunha". 20 E dixo o vello: —"Que haxa paz para ti, que de todas as túas necesidades coidarei eu; ti non pases a noite na praza. 21 E levouno á súa casa e botoulles palla ós burros; lavaron os pés, comeron e beberon". 22 Mentres eles aledaban os seus corazóns, velaquí que os homes da vila —homes fillos de Belial— rodeaban a casa e forcexaban na porta. E dixéronlle ó vello —o dono da casa—: —"Bota para fóra o home que entrou na túa casa, para nos aproveitar del". 23 E saíu onda eles o dono da casa e díxolles: —"Non, meus irmáns, non obredes mal: xa que este home veu á miña casa, non cometades esa infamia. 24 Velaquí que vos sacarei a miña filla virxe e mais a concubina del, para que as abaixedes e fagades con elas o que vos veña en gana; pero ó home este non lle fagades nin sequera un chisco de tal infamia". 25 Mais non quixeron escoitalo aqueles homes. Entón agarrou o home á súa concubina e botóullela fóra; aldraxárona, abusaron dela toda a noite ata a mañá e deixárona ó abrente. 26 E chegou a muller ó romper do día e caeu á porta da casa do home onde estaba o marido, ata a alborada. 27 E ergueuse seu marido pola mañá e abriu as portas da casa, saíu para continuar o seu camiño e velaquí que a muller concubina xacía derrubada á entrada da casa coas mans na soleira. 28 El díxolle: —"Érguete e ímonos". Pero ela non respondeu. Entón colocouna enriba do burro, incorporouse o home e foi para a súa terra. 29 Entrou na súa casa, colleu un coitelo, e, agarrando a súa concubina, tallouna en anacos cos seus ósos —en doce cachos—, e espallouna por todos os lindeiros de Israel. E deulles ós mandadeiros a orde seguinte: —"Dirédeslle isto a todo home de Israel: 30 E logo aconteceu cousa semellante desde o día en que os fillos de Israel subiron da terra de Exipto ata o día de hoxe? Matinade sobre ela, cambiade impresións e pronunciádevos". E sucedeu que todos os que a vían, dicían: —"Non houbo nin se viu cousa semellante desde o día da subida dos fillos de Israel da terra de Exipto ata o día de hoxe". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)