Xuíces 16 - Biblia SEPT1 E foi Sansón a Gaza e viu alí unha muller prostituta, e achegouse a ela. 2 E déuselles a noticia ós gazatitas, dicindo: —"Anda por aquí Sansón". E fixéronlle un cerco e axexárono toda a noite á porta da vila, agardando toda a noite, cavilando: —"ó chegar a luz da mañá, matarémolo". 3 E Sansón durmiu ata a media noite, ergueuse a media noite, agarrou as follas da porta da cidade, cos dous esteos, e arrincounas coa tranca, e púxoas enriba dos ombros, e subiunas ó cume do monte que está por riba de Hebrón. Dalilah traizoa a Sansón 4 E despois disto namorouse dunha muller, no val de Sorec, que se chamaba Dalilah. 5 E subiron onda ela os príncipes dos filisteos e dixéronlle: —"Sedúceo e pescuda de onde lle ven a súa forza e de que xeito lle poderemos, para amarralo e sometelo. Daquela darémosche cada un de nós mil cen siclos de prata". 6 E dixo Dalilah a Sansón: —"Móstrame de onde che vén a túa gran forza, e con que terías que ser amarrado para domearte". 7 E respondeu Sansón: —Se me amarrasen con sete nervios tenros —que non secasen aínda—, amolecería e sería coma un dos outros homes". 8 E leváronlle a ela os príncipes dos filisteos sete nervios tenros —que non secaran aínda—, e ela amarrouno con eles. 9 Había xente á espreita no seu cuarto e berroulle ela a el: —"Os filisteos vanche ó lombo, Sansón!" Entón el desfixo os nervios como se desfai un fío de estopa cando se lle achega o lume e non se descubriu o segredo da súa forza. 10 E díxolle Dalilah a Sansón: —"Velaquí que te mofaches de min e me contaches mentiras. Agora, anda móstrame con que habería que amarrarte". 11 Respondeulle el: —"Se amarrar me amarrades con cordas novas, coas que non se fixo ningún traballo, amolecerei e serei coma un dos outros homes". 12 E colleu Dalilah cordas novas, e amarrouno con elas, e gritoulle: —"Os filisteos vanche ó lombo, Sansón" (e había xente á espreita no cuarto dela). E el crebounas sobre os brazos, coma se fosen de fío. 13 E dixo Dalilah a Sansón: —"Ata agora me enganaches e contaches mentiras. Anda, móstrame con que terán que amarrarte". E respondeulle: —"Se teces os sete guedellos da miña cabeza con lizo e os fixas cos paus, amolecerei e serei coma un dos outros homes". 14 E ela adormeceuno, teceu os sete guedellos da súa cabeza co lizo e fixounos cos paus, e berrou: —"Os filisteos vanche ó lombo, Sansón!" Pero el espertando do sono, arrincou os fungueiros do tear e mais a urdido. 15 E díxolle ela: —"Como dis quérote, cando o teu corazón non está comigo? Van tres veces que me enganas, e non me mostras de onde che vén a túa gran forza". 16 E, como ela se poñía pesada coas súas queixas de todos os días e o atormentaba, ata chegar a ter anguria de morte o seu espírito, 17 entón el mostroulle todo o seu corazón, dicíndolle: —"Nunca subiu a navalla pola miña cabeza, pois son nazir de Deus desde o ventre da miña nai. Se fose rapado, arredaría de min a miña forza, e esmorecería, e sería coma un dos outros homes". 18 E viu Dalilah que lle abrira todo o seu corazón, e mandou chamar ós príncipes dos filisteos, dicindo: —"Subide, pois desta vez abriume todo o seu corazón". E subiron onda ela os príncipes dos filisteos, e levaron con eles a prata. 19 E adormeceuno á calor dela, e avisou a un dos homes, que lle cortou os sete guedellos da súa cabeza. Entón comezou a enfraquecer, ata perder a forza que tiña. 20 Ela berroulle: —"Os filisteos vanche ó lombo, Sansón!" Entón el espertou do sono e dixo: —"Sairei como as outras veces, e ceibareime" (sen saber que o Señor se arredara del). 21 E apreixárono os filisteos e sacáronlle os ollos, fixérono baixar a Gaza e amarrárono con cadeas e puxérono a moer no cárcere. 22 (Agora ben, o cabelo da súa cabeza comezou a medrar desde que fora rapado). Sansón morre matando 23 E os príncipes dos filisteos xuntáronse para ofreceren un gran sacrificio a Dagón, o seu deus, e para faceren festa. E dicían: —"O noso deus púxonos nas mans a Sansón, o noso inimigo". 24 E, ó velo o pobo, loaron ó seu deus, pois dicían: —"O noso deus púxonos nas mans ó noso inimigo, o que devastaba o noso país e multiplicaba os nosos mortos". 25 E, cando o corazón deles estaba contento, dixeron: —"Chamade a Sansón e que nos divirta". E chamaron a Sansón da cadea, e estivo diante deles facéndoos rir. Despois situárono entre as columnas. 26 E dixo Sansón ó rapaz que o levaba da man: —"Sóltame e déixame encostar nas columnas que sosteñen o edificio, para que descanse sobre elas". 27 (O edificio estaba cheo de homes e mulleres, e estaban alí todos os príncipes dos filisteos; na terraza había uns tres mil homes e mulleres presenciando os xogos de Sansón). 28 E clamou Sansón polo Señor deste xeito: —"Meu Señor Iavé, lémbrate de min, prégocho, e fortaléceme soamente por esta vez, oh Deus, de xeito que me vingue dos filisteos polos meus dous ollos". 29 E apalpou Sansón as dúas columnas do medio, nas que se apoiaba o edificio, e fixo forza sobre elas, nunha coa man dereita, e na outra coa esquerda. 30 E dixo Sansón: —"Morra eu cos filisteos!" E turrou con forza e caeu o edificio enriba dos príncipes e de todo o pobo que había nel. E así foron máis os que matou ó morrer dos que matara en vida. 31 E baixaron seus irmáns e toda a casa de seu pai, recollérono e subiron; sepultárono entre Sorah e Extaol, na sepultura de Manóah, seu pai. Sansón fora xuíz en Israel durante vinte anos. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)