Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xuíces 12 - Biblia SEPT


Loita entre Galaad e Efraím

1 E confabuláronse os homes de Efraím e pasaron o río cara a Safón, e dixéronlle a Iefté: —"Por que fuches batallar contra os fillos de Amón e non nos convocaches para irmos contigo? Ímoslle prender lume á túa casa contigo dentro".

2 E respondeulles Iefté: —"Tiven eu e mais o meu pobo unha gran loita contra os fillos de Amón e pedinvos axuda e non me salvastes das súas mans.

3 E cando vin que ti non me salvabas, arrisquei a miña vida e pasei contra os fillos de Amón e púxoos o Señor nas miñas mans. Daquela, por que subides hoxe contra min para me facerdes a guerra?"

4 E convocou Iefté a todos os homes de Galaad e arremeteu contra Efraím; e zorregáronlle os homes de Galaad a Efraím, por dicirlles: —"Os de Galaad sodes uns fugados de Efraím, no medio de Efraím e de Menaxés!".

5 E ocupou Galaad os baixíos do Xordán de diante de Efraím e aconteceu que, cando dicía un dos fuxitivos de Efraím "déixame pasar", preguntábanlle os homes de Galaad: —"Ti es efraimita". E respondía: —"Non".

6 Daquela dicíanlle: —"Fai favor de repetir Xibbólet. E dicía: Sibbólet (pois non conseguía pronuncialo ben)". Entón eles apreixábano e degolábano xunto ós areais do Xordán. E caeron naquel entón corenta e dous mil de Efraím.

7 E xulgou Iefté a Israel seis anos; e morreu Iefté o galaadita e sepultárono na vila de Galaad. Ibsán, Elón e Abdón

8 E despois del xulgou a Israel Ibsán de Belén.

9 Tiña trinta fillos e trinta fillas, ás que casou fóra de alí; e trouxo de fóra trinta mozas para seus fillos. Xulgou a Israel durante sete anos.

10 E morreu Ibsán e foi sepultado en Belén.

11 E despois del xulgou a Israel Elón, o zebulonita, quen xulgou a Israel ó longo de dez anos.

12 E morreu Elón o zebulonita e foi sepultado en Aialón, no país de Zebulón.

13 Despois del xulgou a Israel Abdón, fillo de Hilel, o piratonita.

14 Tiña corenta fillos e trinta netos, que cabalgaban sobre setenta asnos. E xulgou a Israel durante oito anos.

15 E morreu Abdón, fillo de Hilel, o piratonita, e foi sepultado en Piratón, no país de Efraím, na montaña dos amalecitas.

Lean sinn:



Sanasan