Xuíces 11 - Biblia SEPTIefté, os seus paisanos e os amonitas 1 E Iefté, o galaadita, era un guerreiro valente, fillo dunha prostituta. Xerárao Galaad. 2 E a muller de Galaad deulle outros fillos; e fixéronse grandes os fillos da súa muller, e botaron fóra a Iefté, dicíndolle: —"non herdarás na casa de noso pai, pois es fillo doutra muller". 3 E liscou Iefté de onda seus irmáns, e estableceuse no país de Tob. E xuntáronse con Iefté homes ruíns, que saían canda el. 4 E aconteceu, co pasar do tempo, que os fillos de Amón guerrearon contra Israel. 5 E ó batallaren os fillos de Amón contra Israel, foron os anciáns de Galaad para traer a Iefté da terra de Tob. 6 E dixéronlle a Iefté: —"Ven, e serás o noso xefe e loitaremos contra os fillos de Amón". 7 E dixo Iefté ós anciáns de Galaad: —"Logo vós non me odiastes e me botastes da casa de meu pai? Como é que vides onda min agora, cando estades en apuro?" 8 E responderon os anciáns de Galaad a Iefté: —"Por iso tornamos agora onda ti, para que veñas connosco e loites contra os fillos de Amón e sexas o noso xefe e o de todos os veciños de Galaad". 9 E dixo Iefté ós anciáns de Galaad: —"Se me facedes volver para loitar contra os fillos de Amón, e os pon o Señor nas miñas mans, entón serei eu o voso xefe". 10 E dixeron os anciáns de Galaad a Iefté: —"O Señor sexa demandante contra nosoutros, se non facemos tal como dixeches". 11 E foi Iefté cos anciáns de Galaad, e o pobo constituíuno capitán e caudillo; Iefté soltou todo o que tiña que dicir, diante do Señor, en Mispah. 12 E enviou Iefté mensaxeiros ó rei dos fillos de Amón, para lle dicir: —"Que hai entre nós os dous, para que veñas loitar contra min na miña terra?" 13 E respondeu o rei dos fillos de Amón ós mensaxeiros de Iefté: —"O que hai é que Israel se apropiou da miña terra —ó subir el de Exipto—, desde o Arnón ata o Iaboc e o Xordán; agora, pois, volvédema, e quedamos en paz". 14 E Iefté volveu mandar mensaxeiros ó rei dos fillos de Amón, 15 manifestándolle: Iefté di isto: —"Non apreixou Israel a terra de Moab, nin a terra dos fillos de Amón, 16 senón que, ó subir de Exipto, estivo Israel polo deserto, ata o Mar Rubio, e chegou a Cadex. 17 E enviou Israel mensaxeiros ó rei de Edom, dicindo: Déixame pasar pola túa terra; pero o rei de Edom non quixo escoitar; e enviounos tamén ó rei de Moab e este non consentiu. Daquela habitou Israel en Cadex. 18 E foi polo deserto e rodeou o país de Edom e o país de Moab e chegou polo oriente do país de Moab e acampou na outra banda do Arnón, sen chegar ó lindeiro de Moab (pois o lindeiro de Moab é o Arnón); 19 e enviou Israel mandadeiros a Sihón, rei dos amorreos —rei de Hexbón—, e suplicoulle Israel: Déixame pasar polo teu país ata a miña terra; 20 e non consentiu Sihón que pasase Israel polos seus lindeiros, e convocou Sihón a todo o seu pobo, e acamparon en Iáhsah, e batallaron contra Israel. 21 E o Señor, Deus de Israel, puxo a Sihón e a todo seu pobo nas mans de Israel, de xeito que os venceron, e apropiouse Israel de todo o país dos amorreos, que habitaban aquela terra. 22 E tomaron posesión de todo o territorio dos amorreos desde o Arnón ata o Iaboc, e desde o deserto ata o Xordán. 23 E agora, cando o Señor Deus de Israel botou ós amorreos de diante do seu pobo Israel, vaste ti sobrepoñer? 24 E logo non acadaches ti o que Kemox, o teu deus, che fixo posuír? Pois tamén nosoutros acadamos o que tiñamos diante, e que o Señor, o noso Deus, nos fixo posuír. 25 E agora, es ti máis ca Balac, fillo de Sipor, rei de Moab?; e púxose el a preitear con Israel ou a loitar contra eles? 26 E levando Israel trescentos anos de permanencia en Hexbón e nos seus anexos, en Aroer e nos seus anexos, e en todas as vilas que están á beira do Arnón, por que non as recuperastes ó longo de todo ese tempo? 27 Daquela eu non pequei contra ti: es ti quen me fai mal batallando contra min. Que o Señor, o xuíz, xulgue hoxe entre os fillos de Israel e os fillos de Amón". 28 Pero o rei dos fillos de Amón non quixo escoitar a mensaxe que lle enviara Iefté. O voto de Iefté 29 E veu sobre Iefté o espírito do Señor e atravesou Galaad e Menaxés; e pasou a Mispah de Galaad e de Mispah de Galaad pasou onda os fillos de Amón. 30 E fixo Iefté un voto ó Señor, dicindo: —"Se de certo pos os fillos de Amón nas miñas mans, 31 o que saia das portas da miña casa ó meu encontro, ó volver eu vitorioso de onda os fillos de Amón, será para o Señor e ofrecereino en holocausto". 32 E púxose Iefté a batallar contra os fillos de Amón e entregounos Iave nas súas mans. 33 E desbaratounos desde Aroer ata a entrada de Minit (vinte cidades), e ata Abel—Que—ramim: unha desfeita grande abondo, de xeito que os fillos de Amón quedaron abaixados diante dos fillos de Israel. 34 E chegaba Iefté a Mispah, á súa casa, cando súa filla saíu ó seu encontro con pandeiros e con danzas (e era ela a única filla, pois non tiña el máis fillos nin fillas). 35 E, ó vela, rachou as súas vestiduras e exclamou: "Oh miña nena! Magoáchesme de verdade, e ti es a razón da miña mágoa, pois dei a miña palabra ó Señor e non podo botarme atrás". 36 E respondeulle ela: "Meu pai: se deches unha palabra ó Señor, fai comigo segundo o que prometiches, xa que o Señor che concedeu vingarte dos teus inimigos, os fillos de Amón". 37 E engadiu: "O que che pido é o seguinte: que me deixes dous meses ceiba, para que vaia vagando polos montes, chorando coas miñas amigas a miña virxindade". 38 E respondeulle el: "Vai!" E deixouna ir durante dous meses; e foi ela coas súas amigas e chorou polos montes a súa virxindade. 39 E, ó remate dos dous meses, volveu onda seu pai e este cumpriu con ela o voto que fixera (sen que ela chegase a intimar con varón). E fíxose costume en Israel 40 que fosen as mozas de Israel laiarse todos os anos pola filla de Iefté o galaadita catro días cada ano. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)