Xudas 1 - Biblia SEPTSaúdo 1 Xudas, servidor de Xesús Cristo e irmán de Santiago, saúda ós chamados, os benqueridos de Deus Pai e gardados para Xesús Cristo: 2 Que a misericordia, a paz e o amor se realicen en vós con toda abundancia. Os falsos mestres 3 Queridiños, levado polo empeño que poño en vos escribir acerca da nosa común salvación, crin de necesidade dirixirme a vós para vos pedir un esforzo especial na loita pola fe que dunha vez por todas se lle entregou ó pobo santo. 4 Pois á disimulada metéronse algunhas persoas impías, xa de vello apuntadas para esta condenación, que converten en libertinaxe a graza do noso Deus e rexeitan o noso único Dono e Señor Xesús Cristo. 5 Aínda que estas cousas as teñades xa ben sabidas, quérovos, non obstante, lembrar que o Señor, despois de sacar o seu pobo da escravitude de Exipto, acabou logo cos que non creran. 6 E tamén que os anxos que non mantiveran a súa dignidade e abandonaran a súa morada, tenos gardados nas tebras, encadeados con cadeas eternas ata o día do gran xuízo. 7 O mesmo ca Sodoma e Gomorra e as cidades veciñas que, por se deixaren levar coma eles por inmoralidades e por vicios contrarios á natureza, están coma escarmento sufrindo o castigo do lume eterno. 8 Pois estes, igual: deixándose levar das súas matinacións, lixan a carne, aldraxan o Señorío e maldín os Seres Gloriosos. 9 O mesmo arcanxo Miguel, cando andaba ás retesías co demo, discutindo sobre o corpo de Moisés, non tivo o atrevemento de lle botar unha sentencia aldraxante senón que dixo: "Que o Señor te reprenda". 10 Pero estes, por unha banda, maldín do que non coñecen; e, pola outra, corrómpense naquelas cousas que como as bestas coñecen por instinto. 11 Pobres deles! Colleron polo camiño de Caín e polos cartos deixáronse caer no erro de Balaam e morreron na revolta de Coré. 12 Estes son os que deshonran os vosos xantares de irmandade, con enchentes desaxeitadas e cebándose; nubes sen auga, levadas polos ventos de acá para acolá; árbores outonizas sen froito, dúas veces mortas, desenraizadas; 13 Ardentías do mar que rebotan coma escuma as súas porcalladas; estrelas errantes, ás que lles agardan unhas tebras pechas para sempre. 14 Destes tamén profetizou Henoc, o sétimo despois de Adán, cando dixo: "Velaquí vén o Señor rodeado de milleiros de anxos, 15 para facer xuízo a todos e para demostrarlles a todos os malvados as impiedades todas que ruinmente fixeron e todos as insolencias que contra El esbardallaron estes impíos pecadentos". 16 Sonvos murmuradores, ándanse a queixar decote, camiñan seguindo as súas cobizas, os seus labios pronuncian verbas abraiantes, afagan as persoas buscando o propio interese. 17 Pero vós, queridiños, facede lembranza do que predixeron os apóstolos do noso Señor Xesús Cristo. 18 Eles dicíanvos que no intre derradeiro xurdirían homes burlóns, que camiñarían na impiedade, seguindo as súas cobizas. 19 Ben, pois estes sonvos os tales, provocadores de divisións, homes "animais" que non teñen espírito. 20 Pero vós, queridiños, edificádevos enriba dos alicerces da vosa fe santísima; rezade no Espírito Santo; 21 mantédevos no amor de Deus, agardando que a misericordia do noso Señor Xesús Cristo vos dará a vida eterna. 22 Compadecédevos dos que dubidan: 23 salvade a algúns, arrincándoos do lume; e dos outros tede piedade; pero con receo, aborrecendo mesmo a roupa lixada polos seus baixos vicios. Conclusión 24 A Aquel que é potente para vos gardar sen pecado e así presentarvos na súa presenza sen mancha e con alegría, 25 ó único Deus, noso Salvador por Xesús Cristo o noso Señor, a El, digo, deamos a gloria, a maxestade e a autoridade suprema desde o principio, agora e por todos os séculos dos séculos. Amén. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)