Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xosué 8 - Biblia SEPT

1 E dixo o Señor a Xosué: —"Non temas nin te desanimes: colle contigo todo o teu exército e anda, sube contra Ai. Velaquí que entrego nas túas mans ó rei de Ai, o seu pobo, a súa vila e mais o seu país.

2 Farás con Ai e co seu rei como fixeches con Xericó e co seu rei. Soamente colleredes para vós, como botín, os seus despoxos e mais o seu gando. Faille unha emboscada á vila polas costas".

3 E ergueuse Xosué e todo o seu exército, para subir contra Ai; e escolleu Xosué trinta mil guerreiros, e enviounos de noite,

4 des—pois de ordenarlles: —"Fixádevos ben: poñede unha emboscada á vila, por detrás; non vos afastedes moito da vila, e estade á espreita.

5 Eu, e mais todo o pobo que vaia comigo, achegarémonos á vila, e, cando saian ó noso encontro, fuxiremos diante deles, como da outra vez.

6 Eles sairán detrás de nós ata que os arredemos da vila, pois dirán: foxen de nós como da outra vez; e fuxiremos diante deles.

7 Entón erguerédesvos da emboscada e ocuparedes a vila, pois o Señor, o voso Deus, púxovola nas mans;

8 e, cando a ocupedes, prenderédeslle lume; habedes de actuar de acordo coa palabra do Señor. Fixádevos no que vos mando".

9 E enviounos Xosué e foron poñer a emboscada, colocándose entre Betel e Ai, ó oeste de Ai. Aquela noite, durmiu Xosué entre o pobo.

10 Xosué ergueuse de mañanciña, pasou revista ás tropas e subiu el e mais os anciáns de Israel, fronte ó pobo de Ai.

11 Subiu tamén todo o exército que tiña con el, e avanzaron, ata chegaren fronte á vila. Acamparon ó oriente de Ai, quedando o val entre eles e Ai.

12 (E Xosué collera arredor de cinco mil homes, que os puxera na emboscada, entre Bétel e Ai, ó oeste da vila;

13 e o pobo estableceu todo o campamento ó norte da vila, e a súa retagarda ó oeste da vila. E Xosué pasou aquela noite no val).

14 O tal ver o rei de Ai, buliron axiña e espertaron os homes da cidade, que se ergueron cedo. E saíron a loitar contra Israel, o rei e todo o seu pobo, no tempo sinalado, fronte á Arabah, sen se decataren de que lles tiñan posta unha emboscada detrás da vila.

15 Xosué e mais todo Israel arredáronse de diante deles e colleron polo camiño do deserto.

16 E todo o pobo que estaba na vila sentiuse movido a perseguilos; e abouxaron a Xosué, e afastáronse da vila,

17 e non quedou un na vila que non saíse detrás de Israel: deixaron a vila aberta e perseguiron a Israel.

18 E dixo o Señor a Xosué: —"Brande a lanza que levas na man contra Ai, pois voucha entregar". E brandiu Xosué contra a vila a lanza que tiña na man.

19 Non ben estendeu Xosué a súa man, os da emboscada erguéronse axiña do seu refuxio, correron, e, entrando na vila, ocupárona; e de contado, prendéronlle lume.

20 Ollaron para atrás os homes de Ai, e viron que subía fume da vila cara ó ceo, e que non tiñan posibilidade de fuxir para parte ningunha , pois o pobo que collera cara ó deserto, tornou contra quen perseguía

21 (pois Xosué e todo Israel, ó se decataren de que os da emboscada tomaran a vila, e que subía fume dela, volveron e atacaron ós homes de Ai).

22 Os da emboscada saíron da vila contra os homes de Ai, de xeito que estes quedaron collidos por Israel por un lado e mais polo outro; e mallaron neles, ata non deixaren un sobrevivente nin un fuxitivo.

23 E colleron vivo ó rei de Ai, e leváronllo a Xosué.

24 E, cando Israel terminou de matar a todos os veciños de Ai que saíran ó campo, e no deserto —onde os abouxaran estes, caendo todos polo gume da espada—, volveu todo Israel a Ai, e pasárona polo gume da espada.

25 E os mortos naquel día, entre homes e mulleres, foron doce mil, toda a xente de Ai.

26 E Xosué non pousou a súa man, ata que exterminou a todos os veciños de Ai.

27 Os de Israel soamente colleron como botín para eles o gando e os despoxos daquela vila, de acordo co mandato do Señor a Xosué.

28 Xosué queimou Ai e fixo dela un monte asolado, ata o día de hoxe:

29 e ó rei de Ai colgouno dunha árbore ata o serán; e, cando se foi o sol, mandou Xosué que baixasen o seu cadáver da árbore, e que o chimpasen á entrada da porta da vila. E botáronlle enriba un monte grande de pedras, que quedou ata o día de hoxe.


O altar no Monte Ebal. Nova lectura da Lei

30 Entón construíu Xosué un altar ó Señor, Deus de Israel, no monte Ebal,

31 de acordo co mandado por Moisés, servo de Deus, ós fillos de Israel, como está escrito no libro da Lei de Moisés: un altar de pedras intactas, que non as traballase o ferro; e ofreceron nel holocaustos ó Señor, e sacrificios pacíficos.

32 E gravou alí nas pedras unha reprodución da Lei de Moisés, que escribira diante dos fillos de Israel.

33 E todo Israel os seus anciáns, os seus oficiais e os seus xuíces, estaban dunha e doutra banda da Arca, diante dos sacerdotes levitas que levaban a Arca da Alianza do Señor: como o nativo, así o forasteiro. A metade, de fronte ó monte Garizim, e a outra metade, de fronte ó monte Ebal, como establecera Moisés, servo do Señor, ó comezo, para bendicir o pobo de Israel.

34 Así dispostos, leu Xosué todas as palabras da Lei loanzas e maldicións, de acordo con todo o escrito no libro da Lei.

35 Non houbo palabra de todas as que mandou Moisés que non as lese Xosué diante de toda a asemblea de Israel, e mais diante das mulleres, dos nenos, e dos forasteiros que vivían entre eles.

Lean sinn:



Sanasan