Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xosué 7 - Biblia SEPT


Violación do exterminio

1 Pero os fillos de Israel foron desleais no tocante ao exterminio, por colleren del Acán, fillo de Carmí, fillo de Zabdí, fillo de Zérah, da tribo de Xudá. Entón prendeu a ira do Señor contra os fillos de Israel.


Primeiro ataque a Ai e desfeita de Israel

2 Xosué enviou homes desde Xericó a Ai —que está a carón de Bet—Aven, ó oriente de Betel—, dicíndolles: —"Subide e ollade a zona". Foron os homes e recoñeceron a vila.

3 E volveron onda Xosué, e dixéronlle: —"Que non suba todo o pobo; que suban dous ou tres mil homes, e baterán a Ai; non canses a todo o pobo facéndoo ir aló, pois eles son poucos.

4 Entón subiron uns tres mil de entre o pobo, e fuxiron diante dos homes de Ai.

5 E os homes de Ai matáronlles uns trinta e seis e perseguíronos desde diante da porta ata Xebarim, baténdoos na baixada. Daquela, disolveuse o corazón do pobo, e fíxose coma auga.

6 Xosué rachou as súas vestiduras e prostrouse co rostro por terra ata o serán diante da Arca do Señor, el e mais os anciáns de Israel; e botaron po nas súas cabezas.

7 E dixo Xosué: —"Ah, meu Señor Iavé!: Por que fixeches pasar o Xordán a este pobo, para poñéresnos nas mans dos amorreos e acabar connosco? Oxalá tivésemos quedado na outra banda do Xordán!

8 Meu Señor! E que hei de dicir, despois de que Israel volveu o lombo diante dos seus inimigos?

9 Oirano os cananeos e todos os veciños do país, e estreitarán o cerco contra nós e borrarán da terra o noso nome. E que farás ti do teu grande nome?"

10 E dixo o Señor a Xosué: —"Érguete! Por que fas iso: abatéreste sobre o teu rostro?

11 Pecou Israel, fenderon o meu pacto, o que lles encomendara; botaron man do consagrado, roubándoo e acochándoo, e poñéndoo despois cos seus arreos.

12 Por iso os fillos de Israel non poderán levantar cabeza diante dos seus inimigos; volveranlles o lombo, pois fixéronse obxecto do exterminio. Non continuarei estando convosco, se non quitades do medio de vós o consagrado.

13 Ti érguete, purifica o pobo, e dilles: Mantédevos puros para mañá, pois así di o Señor, Deus de Israel: Non poderás estar rexo fronte ós teus inimigos, ata que non fagades desaparecer o consagrado do medio de vós.

14 Achegarédesvos na mañá, por tribos; e a tribo que de nós sinale o Señor, virá por familias; e a familia que escolla o Señor, comparecerá por casas; e a casa que de entre nós sinale o Señor, acudirá por varóns.

15 E aquel que fose pillado co consagrado será queimado na fogueira —el e todo o que lle pertence—, pois rompeu a Alianza do Señor e fixo unha ruindade en Israel".


A ruindade de Acán

16 Xosué ergueuse pola mañanciña, e mandou comparecer a Israel, segundo as súas tribos; e foi designada a tribo de Xudá.

17 E fixo acudir as familias de Xudá, e escolleu a familia do Zarhí; e fixo achegarse a familia do Zarhí por casas, e foi escollida a casa de Zabdí;

18 e fixo comparecer a súa casa por varóns, e foi sinalado Acán, fillo de Carmí, fillo de Zabdí, fillo de Zérah, da tribo de Xudá.

19 E díxolle Xosué a Acán: —"Anda, filliño, dá gloria e loanza ó Señor, Deus de Israel, e cóntame o que fixeches, sen me ocultares cousa".

20 Respondeu Acán a Xosué: —"De certo, pequei contra o Señor, Deus de Israel, e fixen isto e mais isto:

21 vin nos despoxos un bo manto de Xinar, douscentos siclos de prata e mais un lingote de ouro de cincuenta siclos de peso. Cobiceinos e collinos. Están agachados en terra, no medio da miña tenda, cos cartos por debaixo".

22 E enviou Xosué mandadeiros, que correron en dirección á tenda; e velaquí que estaba todo acochado na súa tenda, cos cartos por debaixo.

23 Colléronos do medio da tenda, e leváronllelos a Xosué e a todos os fillos de Israel, e puxéronos no chan, diante do Señor.


Castigo de Acán

24 E colleu Xosué a Acán, fillo de Zérah, cos seus cartos, o manto, o lingote de ouro, seus fillos e fillas, o seu asno, o seu gando, a súa tenda e todo o que tiña en presenza de todo Israel, e leváronos ó Val de Acor.

25 E dixo Xosué: "Como nos angustiaches dese xeito? Pois que o Señor te desgracie hoxe a ti!" E todos os israelitas apedrárono, e queimáronos na fogueira, e amorearon pedras enriba deles,

26 e fixeron alí un monte grande de pedras, que permaneceu ata o día de hoxe. E depuxo o Señor a súa ira. Por iso chaman a aquel sitio aínda hoxe o Val de Acor.

Lean sinn:



Sanasan