Xosué 6 - Biblia SEPTA conquista de Xericó 1 As portas de Xericó estaban ben pechadas e atrancadas por mor dos fillos de Israel: ninguén saía nin entraba. 2 E o Señor dixo a Xosué: —"Mira que poño nas túas mans a Xericó, o seu rei e mais os seus defensores. 3 Vós, todos os guerreiros, circundaredes a vila unha vez, dándolle un rodeo. E faredes así durante seis días. 4 Sete sacerdotes levarán sete trompetas de corno de carneiro, diante da Arca. O sétimo día circundaredes a vila sete veces, e os sacerdotes tocarán as trompetas. 5 E, cando soe o corno de carneiro, en escoitando vós o son da trompeta, bruará todo o pobo con grande berro. Entón virase abaixo o muro da vila, e subirá a eito todo o pobo". 6 Xosué, fillo de Nun, chamou polos sacerdotes e díxolles: —"Traede a Arca da Alianza e que sete sacerdotes leven sete trompetas de carneiro diante da Arca do Señor". 7 Logo díxolle ó pobo: —"Ide alá e circundade a vila e que os guerreiros pasen diante da Arca do Señor". 8 Logo que Xosué falou ó pobo, os sete sacerdotes que levaban sete trompetas de carneiro pasaron diante do Señor e sopraron nas trompetas e a Arca da Alianza do Señor ía detrás deles. 9 Os homes da vangarda ían diante dos sacerdotes que sopraban nas trompetas, namentres que a retagarda ía detrás da Arca do Señor; e camiñábase ó son das trompetas. 10 Xosué deulle ó pobo esta orde: —"Non berredes nin deixedes oír a vosa voz, nin saia sequera unha palabra da vosa boca, ata o día que vos diga bruade. Daquela, berraredes". 11 Fixo entón que a Arca da Alianza circundase a vila, dándolle o rodeo unha vez; despois, volveron para o campamento, e pasaron a noite alí. 12 Xosué ergueuse de mañanciña e os sacerdotes colleron a Arca do Señor. 13 Os sete sacerdotes que levaban sete trompetas de carneiro diante da Arca do Señor ían camiñando ó mesmo tempo que sopraban nas trompetas. A vangarda ía diante deles, e a retagarda ía detrás da Arca do Señor; e camiñábase ó son das trompetas. 14 E no segundo día tamén rodearon a vila unha vez, e volveron logo ó campamento. Así fixeron durante seis días. 15 No día sétimo erguéronse moi de mañanciña e rodearon a vila do mesmo xeito, sete veces. Só nese día circundaron a vila sete veces. 16 O sétimo rodeo sopraron os sacerdotes nas trompetas; e dixo Xosué ó pobo: —"Bruade, pois o Señor entrégavos a vila. 17 Facede exterminio dela e de canto haxa nela, para o Señor: tan só seguirán con vida Rahab —a prostituta—, e todo o que estea con ela na casa, pois acochou os mandadeiros que enviaramos. 18 Soamente vos digo: gardádevos ben de quedar con algo do consagrado ao exterminio, non sexa que, por cobiza, collades del porque traeriades a desgraza ao campamento de Israel. 19 Todo o que sexa prata, ouro ou vasos de bronce ou de ferro será consagrado ó Señor, e pasará ó tesouro do Señor". 20 Bruou o pobo, e sopraron nas trompetas; e, cando oíu a xente o soar da trompeta, deu o pobo un grande berro e derrubáronse os muros; subiu a eito o pobo á vila, e ocupárona. 21 E destruíron todo o que había na vila: homes e mulleres, mozos e vellos, bois, ovellas e asnos, co gume da espada. O respecto do xuramento feito a Rahab 22 Pero Xosué xa lles encomendara ós dous que foran pescudar o país: —"Entrade na casa da rameira, e sacade de alí á muller e a todo o que teña con ela, segundo lle xurastes". 23 Foron os mozos espías, e sacaron a Rahab, a seu pai e súa nai, a seus irmáns, e a todo o que tiña ela: sacaron toda a súa parentela, e puxéronos fóra do campamento de Israel. 24 Entón prendéronlle lume á vila, con todo o que había nela, fóra da prata, ouro e vasos de bronce e de ferro, que os puxeron no tesouro da casa do Señor. 25 En troques, deixou Xosué con vida a Rahab —a prostituta— xunto coa casa de seu pai e mais con todo o que tiña con ela; e residiu no medio de Israel ata o día de hoxe, pois acochou os mandadeiros que enviara Xosué para pescudar Xericó. Maldición para quen reedifique Xericó 26 Daquela, botou Xosué este xuramento: —"Sexa maldito diante do Señor quenquera que se poña a edificar esta vila de Xericó: comezará a edificala sobre o seu primoxénito, e sobre o fillo máis novo colocará as súas portas". 27 O Señor estivo con Xosué e a súa sona espallouse por todo o país. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)