Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xosué 5 - Biblia SEPT


Os nativos, amedrentados ante Israel

1 Cando os reis amorreos da banda occidental do Xordán e todos os reis cananeos de onda o mar, souberon que o Señor secara as augas do Xordán diante dos fillos de Israel, ata que o atravesaron, desfaleceu o seu corazón e non quedou xa alento neles por mor dos fillos de Israel.


Xosué circuncida o pobo en Guilgal

2 Daquela, dixo o Señor a Xosué: —"Fai coitelos de pedra, e, unha vez máis, bótate a circuncidar os fillos de Israel".

3 E fixo Xosué coitelos de pedra, e circuncidou os fillos de Israel, no Outeiro dos Prepucios.

4 A razón pola que Xosué se puxo a circuncidar foi esta: todo o pobo que saíra de Exipto —os varóns, todos os guerreiros—, morreran no deserto, polo camiño, ó saíren de Exipto.

5 Así que fora circuncidada toda a xente que saíra de Exipto; pero a que nacera no deserto, polo camiño, na súa fuxida de Exipto, non estaba circuncidada.

6 De feito, os fillos de Israel botaron corenta anos polo deserto, ata o acabamento de toda a xeración de guerreiros saídos de Exipto, que non escoitaran a voz do Señor, polo que o Señor lles xurara privarlles de ver a terra que prometera a seus pais que había de nos dar, unha terra que deita leite e mel.

7 E foi a seus fillos —ós que xurdiron no sitio deles—, a quen circuncidou Xosué, pois eran incircuncisos, ó non seren circuncidados polo camiño.

8 E velaquí que, cando se rematou de circuncidar toda a xente, permaneceron nos seus postos no campamento, ata que sandaron.

9 E dixo o Señor a Xosué: —"Hoxe quiteivos de enriba o oprobio de Exipto". A aquel sitio, puxéronlle de nome Guilgal, e aínda hoxe se chama así.


A primeira Pascua na terra de Canaán

10 Os fillos de Israel acamparon en Guilgal e celebraron a Pascua no décimo cuarto día do mes, polo serán, nas chairas de Xericó.

11 No día seguinte á Pascua, comeron dos produtos do país: bolos ácimos e espigas torradas, no mesmo día.

12 E, ó día seguinte de comeren do froito da terra, cesou o maná, e en adiante xa non houbo maná para os fillos de Israel: aquel ano comeron do produto da terra de Canaán.


Deus, do lado de Xosué para comezar a conquista

13 Aconteceu que, estando Xosué en Xericó, ergueu os ollos e veu un home ergueito diante del, coa espada desenvaiñada na súa man. Xosué achegóuselle e díxolle: —"Ti es dos nosos, ou do inimigo?"

14 El respondeulle: —"Non: eu son o príncipe do exército do Señor, e acabo de chegar". Daquela, caeu Xosué de xeonllos en terra, e adorouno. E díxolle: —"Que quere mandar o meu Señor ó seu servo?"

15 Respondeulle o príncipe do exército do Señor a Xosué: —"Descálzate, pois o lugar onde te atopas é santo". E así fixo Xosué.

Lean sinn:



Sanasan