Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xosué 4 - Biblia SEPT


As pedras conmemorativas do paso

1 Despois de que toda a xente pasara o Xordán, díxolle o Señor a Xosué:

2 —"Escollede doce homes de entre o pobo, un por cada tribo,

3 e mandádelles isto: Erguede de aí, do medio do Xordán, do sitio onde estiveron firmes os pés dos sacerdotes, doce pedras; carrexádeas e fixádeas no lugar onde ides pasar a noite hoxe".

4 E chamou Xosué os doce homes que escollera de entre os fillos de Israel —un por cada tribo—,

5 e díxolles: —"Pasade diante da Arca do Señor, o voso Deus, ó medio do Xordán, e erguede nos ombros cada un de vós unha pedra, de acordo co número de tribos dos fillos de Israel,

6 para que isto sexa un sinal no medio de vós. E, cando o día de mañá vos pregunten vosos fillos que senso teñen para vós esas pedras?,

7 responderédeslles que as augas do Xordán estiveron cortadas diante da Arca da Alianza do Señor ó pasar o Xordán: cortáronse as augas do Xordán, e velaquí estas pedras como lembranza para os fillos de Israel decote".

8 E os fillos de Israel fixeron tal como mandara Xosué: colleron doce pedras do medio do Xordán, como indicara o Señor a Xosué, segundo o número de tribos dos fillos de Israel, e leváronas con eles, e fixáronas no lugar onde pasar a noite.

9 E Xosué fixo colocar doce pedras no medio do Xordán, no lugar onde se pousaran os pés dos sacerdotes que levaban a Arca da Alianza, e permaneceron alí ata o día de hoxe.

10 E os sacerdotes que levaban a Arca estiveron ergueitos no medio do Xordán, ata o remate de todo o discurso que o Señor mandou a Xosué proclamar ó pobo (segundo todo o que mandara Moisés a Xosué). Daquela, o pobo deuse présa e atravesou.

11 En pasando a totalidade do pobo, pasaron tamén a Arca do Señor e mais os sacerdotes e fóronse colocar diante do pobo.

12 E pasaron os fillos de Rubén e os fillos de Gad e mais a media tribo de Menaxés, armados, diante dos fillos de Israel, segundo lles tiña dito Moisés:

13 uns corenta mil soldados listos para a loita pasaron diante do Señor cara ás chairas de Xericó.

14 No día aquel engrandeceu o Señor a Xosué diante de todo Israel e respectárono como respectaron a Moisés todos os días da súa vida.

15 E dixo o Señor a Xosué:

16 —"Mandade que suban do Xordán os sacerdotes que levan a Arca do Testemuño".

17 E ordenoulles Xosué: —"Subide do Xordán".

18 E aconteceu que, en subindo do medio do Xordán os sacerdotes que levaban a Arca da Alianza do Señor, cando puxeron os pés en terra firme, tornaron as augas do Xordán ó seu sitio, e correron como antes por todas as súas ribeiras.

19 O pobo subiu do Xordán o décimo día do primeiro mes, e acampou en Guilgal, ó oriente de Xericó.

20 E Xosué mandou erixir en Guilgal as doce pedras aquelas que colleran do Xordán.

21 E díxolles ós fillos de Israel: "O día de mañá, cando vosos fillos pregunten a seus pais que senso teñen as pedras estas?,

22 instruiredes a vosos fillos, dicindo: por terra seca pasou Israel este Xordán,

23 pois o Señor, o voso Deus, fixo secar as augas do Xordán diante de vós ata que pasastes, como xa fixera co Mar Rubio, que o secou diante de nós ata que o atravesamos,

24 para que coñezan todos os pobos da terra que a man de Deus é poderosa, e para que temades decote ó Señor, o voso Deus".

Lean sinn:



Sanasan