Xosué 24 - Biblia SEPTO Testamento de Xosué e a Alianza de Xequem 1 E xuntou Xosué a todas as tribos de Israel en Xequem, e chamou ós anciáns de Israel, ós xefes, ós xuíces e mais ós oficiais, e presentounos diante de Deus. 2 E Xosué falou a todo o pobo deste xeito: —"Así di o Señor, Deus de Israel: os vosos devanceiros viviron desde sempre na outra banda do río (Térah, o pai de Abraham e mais de Nahor) e serviron a deuses alleos. 3 E collín a voso pai Abraham da outra banda do río, e leveino por toda a terra de Canaán, e multipliquei a súa semente dándolle a Isaac. 4 E a Isaac deille a Xacob e mais Esaú. A Esaú deille en herdanza a montaña de Seir, namentres que Xacob e seus fillos baixaron a Exipto. 5 E enviei a Moisés e mais a Aharón, e ferín a Exipto coas obras que fixen naquela terra, e despois logrei tirarvos de alí. 6 Saquei ós vosos devanceiros de Exipto e chegastes ó mar. Os exipcios perseguiron ós vosos devanceiros con carros e cabaleiros ata o Mar Rubio. 7 E clamaron os vosos ó Señor, e interpuxo a tebra entre vós e Exipto, e botou sobre os outros o mar, que os enguliu. Ben viron os vosos ollos o que fixen con Exipto; e despois morastes moito tempo no deserto. 8 Logo leveivos á terra dos amorreos, que habitaban na outra banda do Xordán. Eles loitaron contra vós, e eu púxenos nas vosas mans para que herdásedes a súa terra, e desbarateinos diante de vós. 9 Entón ergueuse Balac, fillo de Sipor, rei do Moab, e loitou contra Israel; e mandou chamar a Balaam, fillo de Beor, para que vos botase unha maldición; 10 pero eu non quixen dar ouvidos a Balaam, que rematou bendicíndovos, e dese xeito, salveivos da súa man. 11 Logo pasastes o Xordán e chegastes a Xericó; e loitaron contra vós os veciños de Xericó —os amorreos, os perizitas, os cananeos, os hititas, os guirgaxitas, os hivitas e os iebuseos—, e púxenos nas vosas mans. 12 E enviei diante de vós avésporas, que tiraron de diante os dous reis amorreos, sen intervención da vosa espada nin do voso arco; 13 e deivos unha terra que non traballastes, e cidades que non edificastes e que as habitades; viñas e oliveiras que non plantastes, en tanto que comedes delas. 14 Agora, pois, temede ó Señor, e servídeo abofé, con lealdade; arredade os deuses ós que serviron vosos pais na outra banda do río e en Exipto, e servide ó Señor. 15 E, se vos anoxa servir ó Señor, escollede hoxe a quen ides servir: se ós deuses que serviron vosos pais na outra banda do río, ou ós deuses dos amorreos, os da terra que habitades. Eu e mais a miña familia serviremos ó Señor". 16 E respondeu o pobo: —"Lonxe de nós arredármonos do Señor para servir a outros deuses, 17 pois o Señor, o noso Deus, fíxonos subir a nós e a nosos devanceiros da terra de Exipto, da casa do asoballamento, e fixo diante de nós aqueles grandes prodixios e protexeunos ó longo de todo o camiño que percorremos, e mais por todos os poboados por onde pasamos; 18 e botou o Señor de diante de nós a todos os pobos, e ós amorreos que habitaban este país. Así que tamén nós serviremos ó Señor, pois El é o noso Deus". 19 E dixo Xosué ó pobo: —"Vós non sodes quen para servirdes ó Señor, pois El é un Deus santo e dado ós celos e non aturaría as vosas rebeldías nin os vosos pecados. 20 Se vos arredades do Señor e servides a deuses alleos, tornarase contra vós ata carrexarvos o mal e esnaquizarvos despois de tanto ben como vos fixo". 21 Respondeulle o pobo a Xosué: —"Non!, pois nós serviremos ó Señor". 22 Dixo entón Xosué ó pobo: —"Vós sodes testemuñas contra vós mesmos de que escollestes servir ó Señor". E dixeron eles: —"Certo, somos testemuñas". 23 —"Daquela —dixo Xosué—, botade fóra os deuses alleos que hai entre vós, e apegade o voso corazón ó Señor Deus, e escoitaremos a súa voz". 24 Respondeu o pobo: —"Serviremos o Señor, o noso Deus, e escoitaremos a súa voz". 25 Selou así Xosué o pacto co pobo no día aquel e forneceuno de leis e costumes en Xequem. 26 E escribiu aquelas palabras no libro da Lei de Deus e colleu unha pedra grande, e erixiuna alí, debaixo da aciñeira que hai no santuario do Señor. 27 E dixo a todo o pobo: —"Velaquí esta pedra que será testemuña contra nós, pois ela escoitou todas as palabras que o Señor nos proclamou e será testemuña contra vós, para que non reneguedes do voso Deus"". 28 De seguido, Xosué despediu o pobo e foi cadaquén para a súa herdanza. Morte e sepultura de Xosué 29 Xa despois daquilo morreu Xosué, fillo de Nun, servo do Señor, ós cento dez anos de idade, 30 e sepultárono no territorio da súa herdanza, en Timnat—Sérah, que queda na serra de Efraím, na parte norte do monte Gaax. 31 Israel serviu ó Señor durante toda a vida de Xosué e a dos anciáns que lle sobreviviron e que ollaran todas as obras que o Señor fixera con Israel. As cinsas de Xosé 32 E os ósos de Xosé, que trouxeran os fillos de Israel de Exipto, sepultáronos en Xequem, no agro que comprara Xacob ós fillos de Hamor, pai de Xequem, por cen pezas de prata, e foron herdanza dos fillos de Xosé. Morte e sepultura de Elazar 33 Tamén morreu Elazar, fillo de Aharón, e sepultárono nun outeiro pertencente a seu fillo Pinhás, a quen se lle dera a herdanza na serra de Efraím. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)