Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xosué 22 - Biblia SEPT


Discurso de Xosué ás tribos de Galaad

1 Por aquel entón chamou Xosué ós rubenitas, ós gaditas e á media tribo de Menaxés,

2 e díxolles: —"Vós gardastes todo canto vos mandara Moisés, servo do Señor, e escoitastes a miña voz, todo canto eu vos mandei;

3 non abandonastes a vosos irmáns durante todo este tempo, ata o día de hoxe, senón que observastes con fidelidade o mandamento do Señor, o voso Deus.

4 E agora o Señor, o voso Deus, deulles acougo a vosos irmáns, como lles tiña prometido. Así que volvede e ídevos ás vosas tendas, á terra da vosa herdanza, que vos deu Moisés, servo do Señor, na outra banda do Xordán.

5 O que si habedes de coidar é cumprir o mandamento e a Lei que vos impuxo Moisés, servo do Señor, de xeito que amedes o Señor, o voso Deus, e vaiades polos seus camiños, e custodiedes os seus mandatos, para que vos afeccionedes a El e o sirvades de todo corazón e con toda a vosa alma".

6 E bendiciunos Xosué e despediunos e foron para as súas tendas.

7 E á media tribo de Menaxés déralle posesión Moisés no Baxán, namentres que á outra media lla deu Xosué entre os seus irmáns, nesta banda do Xordán, na do occidente. E, ó mandalos Xosué para as súas tendas, bendiciunos,

8 e díxolles: —"Tornades ás vosas tendas con moitos bens, con abonda facenda, con prata, ouro, cobre, ferro e vestidos en gran cantidade: repartide con vosos irmáns os despoxos dos vosos inimigos".

9 Daquela volveron os fillos de Rubén, os fillos de Gad e a media tribo de Menaxés, e deixaron Xiloh, onde estaban os fillos de Israel, na terra de Canaán, para se dirixiren á terra de Galaad, á terra da súa herdanza, que tiñan asignada pola palabra que dera o Señor por medio de Moisés.


O altar das tribos de Galaad

10 En chegando á beira do Xordán na terra de Canaán os fillos de Rubén, os fillos de Gad e a media tribo de Menaxés construíron alí un altar grande, para poderen contemplalo.

11 E chegou isto ós ouvidos dos fillos de Israel: —"Velaquí que os fillos de Rubén, os fillos de Gad e mais a media tribo de Menaxés edificaron un altar no extremo da terra de Canaán, á beira do Xordán, na banda dos fillos de Israel".

12 Entón xuntouse toda a asemblea dos fillos de Israel en Xiloh, para declararlles a guerra.

13 E enviaron os fillos de Israel onda os fillos de Rubén e os fillos de Gad e a media tribo de Menaxés, na terra de Galaad, a Pinhás, fillo do sacerdote Elazar,

14 xunto con dez príncipes, un por cada tribo de Israel, sendo cada un deles xefe da súa familia patriarcal, entre os milleiros de Israel.

15 E chegaron onda os fillos de Rubén, onda os fillos de Gad e onda a media tribo de Menaxés, na terra de Galaad, e faláronlles deste xeito:

16 —"Así se pronunciou toda a asemblea do Señor: Que deslealdade é esa que cometestes contra o Deus de Israel, arredándovos hoxe do seguimento do Señor, edificando un altar, e poñéndovos así hoxe contra Iavé?

17 Logo non nos era de abondo o pecado de Peor, do que non nos demos purificado ata o día de hoxe, e que trouxo a praga á congregación do Señor?

18 E vós arredádesvos hoxe do seguimento de Iavé, e, obrando así, —poñéndovos hoxe contra o Señor—, o día de mañá vaise alporizar contra toda a asemblea de Israel.

19 No caso de que consideredes impura a terra da vosa herdanza, pasádevos á terra da herdanza do Señor, onde mora o seu tabernáculo, e tomade posesión no medio de nós; pero non vos arrepoñades contra o Señor e contra nós: non vos rebeledes facéndovos un altar a maiores do altar do Señor, o noso Deus.

20 E logo non cometeu unha deslealdade co sagrado Acán, o fillo de Zérah, e ceibouse a cólera sobre toda a asemblea de Israel?; E non veu el morrer co seu pecado?"

21 Os fillos de Rubén, os fillos de Gad e a media tribo de Menaxés, responderon ós xefes dos milleiros de Israel:

22 —"El, Elohim, Iavé; El, Elohim, Iavé: El ben o sabe, e Israel hao saber. Se foi por rebelión ou por deslealdade ó Señor, que non pasemos de hoxe,

23 por construírmos un altar para arredarnos do seguimento do Señor: se foi para ofrecerlle holocaustos, presentar ofrendas ou ofrecerlle sacrificios pacíficos, que o mesmo Señor o inquira.

24 Ou se máis ben foi por inquedanza nosa, pensando: O día de mañá dirán vosos fillos ós nosos: que tedes que ver vós co Señor, Deus de Israel?

25 Pois o Señor puxo de lindeiro entre nós e vós —fillos de Rubén e fillos de Gad— o Xordán, non tedes parte co Señor; e así, vosos fillos farán afogar nos nosos o temor do Señor.

26 Foi por iso que dixemos: temos que construír un altar, non para holocaustos nin sacrificios,

27 senón para que sexa testemuña entre nós e vós, e entre as xeracións que nos seguirán, de que queremos ofrecer o culto ó Señor diante del, cos nosos holocaustos, e cos nosos sacrificios e coas nosas ofrendas pacíficas: e así non dirán vosos fillos o día de mañá ós nosos: non tedes parte co Señor.

28 E dixemos: acontecerá que, se o día de mañá nolo din a nós e ás nosas xeracións, responderemos: ollade o exemplar de altar do Señor que fixeron os nosos devanceiros non para holocaustos nin para sacrificios, pois testemuña é el entre nós e vós.

29 Líbrenos Deus de repoñernos contra El e de arredarnos hoxe do seguimento do Señor por construírmos un altar para os holocaustos, para as ofrendas e sacrificios, a maiores do altar do Señor, o noso Deus, que está diante da súa morada".

30 Cando o sacerdote Pinhás, os príncipes da asemblea e os xefes dos milleiros de Israel, oíron as palabras que dixeron os fillos de Rubén, os fillos de Gad e mais os fillos de Menaxés, quedaron conformes.

31 E dixo Pinhás —o fillo de Elazar o sacerdote— ós fillos de Rubén, ós fillos de Gad e ós fillos de Menaxés: —"Agora sabemos que o Señor está no medio noso, pois non cometestes tal deslealdade contra El, librando así ós fillos de Israel da man do Señor".

32 Cando Pinhás, fillo de Elazar o sacerdote, e mais os príncipes volveron de onda os fillos de Rubén e os fillos de Gad, da terra de Galaad, á terra de Canaán, onda os fillos de Israel, fixéronos sabedores do que lles acontecera.

33 E a resposta contentou ós fillos de Israel, que louvaron a Deus, e non falaron xa de loitar contra eles e asolar así a terra onde habitaban os fillos de Rubén e os de Gad.

34 E os fillos de Rubén e mais os fillos de Gad chamáronlle a aquel altar Ed, pois dixeron: é testemuña entre nós de que o Señor é Deus.

Lean sinn:



Sanasan