Xosué 21 - Biblia SEPTAs vilas dos levitas 1 E achegáronse os cabezas de familia dos levitas ó sacerdote Elazar e a Xosué, fillo de Nun, e ós cabezas de familia das tribos de Israel, 2 e faláronlles en Xiloh, na terra de Canaán, deste xeito: —"O Señor, por medio de Moisés, mandou que se nos desen pobos para residirmos, con pradairos para o noso gando". 3 E déronlles os fillos de Israel ós levitas da súa herdanza, pola palabra do Señor, estas vilas e as súas praderías: 4 Saíu a sorte para as familias dos quehatitas e sacaron para os fillos levitas do sacerdote Aharón trece vilas, do lote da tribo de Xudá, da tribo de Simeón, e da tribo de Benxamín. 5 E para os restantes fillos de Quehat, das familias da tribo de Efraím, da tribo de Dan e da media tribo de Menaxés correspondéronlles na sorte dez vilas. 6 E para os fillos de Guerxón, das familias da tribo de Isacar, da tribo de Axer, da tribo de Naftalí e da media tribo de Menaxés no Baxán tocáronlles en sorte trece vilas. 7 Para os fillos de Merarí, segundo as súas familias, da tribo de Rubén, da tribo de Gad, e da tribo de Zebulón, doce vilas. 8 E deron os fillos de Israel ós levitas estas vilas cos seus pastos en sorte, segundo mandara o Señor por medio de Moisés. 9 E déronlles, da tribo dos fillos de Xudá e da tribo dos fillos de Simeón, esas vilas que van chamadas polo nome: 10 Para os fillos levitas de Aharón, das familias dos quehatitas —pois a eles correspondera o primeiro lote—, 11 déronlles Quiriat—Arbá (a vila do pai de Anoc —que é a cidade de Hebrón—, na serra de Xudá), coas praderías dos seus arredores. 12 Pero a zona verde da cidade e das súas aldeas déronllas a Caleb, fillo de Iefuneh, en propiedade. 13 E ós fillos sacerdotes de Aharón déronlles Hebrón (para cidade de refuxio do homicida) e os seus pastos, e Libnah e os seus pastos. 14 Iatir cos seus pastos, Extemoa cos seus pastos, 15 Holón cos seus pastos, Debir cos seus pastos, 16 In cos seus pastos, Iutah cos seus pastos, e Bet—Xémex cos seus pastos: nove vilas, escolmadas daquelas dúas tribos. 17 E da tribo de Benxamín, Gabaón cos seus pastos, Gueba cos seus pastos, 18 Anatot cos seus pastos e Almón cos seus pastos: catro cidades. 19 Todas as cidades dos sacerdotes fillos de Aharón, eran trece, cos seus pastos. 20 E ás familias dos levitas fillos de Quehat —os outros fillos de Quehat—, déronlles un lote de cidades escolmadas da tribo de Efraím: 21 Xequem (para cidade de refuxio do homicida, na serra de Efraím) cos seus pastos, Guézer cos seus pastos, 22 Quibsaim e os seus pastos, e Bet—Horón e os seus pastos: catro cidades. 23 E da tribo de Dan, Eltequé e os seus pastos, Guibetón e os seus pastos, 24 Aialón e os seus pastos, e Gat—Rimón e os seus pastos: catro cidades. 25 E da media tribo de Menaxés, Taanac e os seus pastos, e Ibleam e os seus pastos: dúas cidades. 26 No total, dez, cos seus pastos, para as restantes familias dos fillos de Quehat. 27 E para as familias dos levitas fillos de Guerxón partillaron da media tribo de Menaxés Golán (no Baxán, como cidade de refuxio do homicida) cos seus pastos, e Bet—Axtarah cos seus pastos: dúas cidades. 28 E da tribo de Isacar, Quixón, cos seus pastos, Daberat cos seus pastos, 29 Iarmut cos seus pastos e mais En—Ganim cos seus pastos: catro cidades. 30 E da tribo de Axer, Mixal cos seus pastos, Abdón cos seus pastos, 31 Helccat cos seus pastos, e Rehob cos seus pastos: catro cidades. 32 E da tribo de Naftalí, Quédex (en Galilea, para cidade de refuxio do homicida) cos seus pastos, Hamot—Dor cos seus pastos e Cartán cos seus pastos: tres cidades. 33 Todas as cidades dos guerxonitas, segundo as súas familias, eran trece, cos seus pastos. 34 E para as familias do resto dos levitas fillos de Merarí, escolmaron da tribo de Zebulón Iocneam cos seus pastos, Cartah cos seus pastos, 35 Dimnah cos seus pastos e Nahalal cos seus pastos: catro cidades. 36 Da tribo de Rubén, Béser e os seus pastos, Iahsah e os seus pastos, 37 Quedemot e os seus pastos e Mefáat e os seus pastos: catro cidades. 38 E da tribo de Gad, Ramot (en Galaad, para cidade de refuxio do homicida) cos seus pastos, Mahanaim e os seus pastos. 39 Hexbón cos seus pastos, Iazer cos seus pastos: no total, catro cidades. 40 A suma de todas as cidades que lles tocaron ós fillos de Merarí para as súas familias —para os que quedaban das familias de levitas—, foi de doce cidades. 41 E o número de cidades dos levitas na propiedade dos fillos de Israel, foi de corenta e oito cos seus pastos: 42 como tiña cada unha os pastos arredor, así os tiña o resto delas. Conclusión teolóxica 43 E deu o Señor a Israel toda a terra que xurara ós seus devanceiros que había de darlles: e herdárona e viviron nela. 44 E o Señor deulles acougo á redonda, como prometera ós seus devanceiros, e non houbo inimigo que resistise diante deles: o Señor púxoos a todos nas súas mans. 45 Non fallou unha de todas as boas promesas que fixera o Señor á casa de Israel: todiñas se cumpriron. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)