Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xosué 20 - Biblia SEPT


As vilas de refuxio

1 E díxolle o Señor a Xosué:

2 —"Fálalles ós fillos de Israel, e dilles: Escollede para vós as cidades de refuxio, tal como vos prometín por medio de Moisés,

3 de xeito que poida fuxir a elas o homicida que matase a alguén por erro, non de grado; e serviranvos de refuxio verbo do vingador do sangue.

4 O homicida fuxirá a unha desas cidades, e deterase no limiar da porta, e contaralles o seu caso ós anciáns da cidade aquela; e acollerano na vila e daranlle un lugar para morar entre eles.

5 E, aínda que o vingador do sangue o persiga, eles non entregarán o homicida nas súas mans, pois non de grado matou ó seu próximo, a quen antes non odiara.

6 E morará na cidade aquela ata que teña o xuízo da asemblea, e ata a morte do Sumo Sacerdote de entón. Daquela volverá o homicida e entrará na súa vila e na súa casa, na cidade da que fuxira".

7 E escolleron a Quédex, en Galilea, na serra de Naftalí, a Xequem, na serra de Efraím, e a Quiriat—Arbá —que é Hebrón—, na serra de Xudá.

8 E na outra banda do Xordán, ó oriente de Xericó, sinalaron a Béser, no deserto, á altura da tribo de Rubén; a Ramot, en Galaad, da tribo de Gad; e a Golán, no Baxán, da tribo de Menaxés.

9 Esas foron as cidades de refuxio para todos os fillos de Israel, e mais para o forasteiro que andase no medio deles, para fuxir alí todo o que mate a alguén non de grado, de xeito que non morra a mans do vingador do sangue, namentres non compareza diante da asemblea.

Lean sinn:



Sanasan