Xosué 2 - Biblia SEPTRahab e os espías de Xericó 1 Xosué, fillo de Nun, enviou ás caladas desde Xitim a dous militares de a pé, dicíndolles: —"Ide ver o país, a Xericó". Eles foron e chegaron a casa dunha rameira chamada Rahab, e pararon alí. 2 Mais foille anunciado ó rei de Xericó: —"Velaquí que chegaron de noite algúns dos fillos de Israel, para pescudar o país". 3 O rei de Xericó mandou dicir a Rahab: —"Bota para fóra os homes que chegaron onda ti —que entraron na túa casa—, pois viñeron pescudar todo o país". 4 A muller collera os dous homes e acocháraos; e dixo: —"Certo, viñeron onda min eses homes, pero eu non adiviñei de onde eran, 5 e aconteceu que, estando para pechar as portas, á caída da tarde, saíron e non sei para onde foron. Correde axiña detrás deles, pois habédelos de atrapar". 6 (Pero ela fixéraos subir á azotea e acocháraos entre os feixes de liño que tiña amoreados na azotea). 7 Os perseguidores botaron a correr detrás deles polo camiño do Xordán, cara ós baixíos, e, en saíndo eles, de contado atrancaron as portas. 8 Aínda os espías non se deitaran, cando subiu Rahab onda eles, á azotea, 9 e díxolles: —"Ben sei que o Señor vos deu o país, e o temor a vós estarrece, de xeito que todos os veciños do país están amedrentados por causa vosa, 10 pois temos oído que o Señor secou o Mar Rubio diante de vós, cando saístes de Exipto; e tamén o que fixestes cos dous reis amorreos da outra banda do Xordán —con Sihón e con Og—, que os esnaquizastes. 11 Nada máis oílo, desfaleceron os nosos corazóns, e xa non quedou alento en ningún de nós, por causa vosa, pois o Señor, o voso Deus, é Deus enriba —nos ceos—, e abaixo, na terra. 12 E agora, volo suplico, xurádeme polo Señor que, xa que tiven misericordia convosco, habédela ter tamén vós coa casa de meu pai, e que me daredes un sinal seguro 13 de que deixaredes con vida a meu pai e a miña nai, a meus irmáns e irmás, e todo o que lles pertence, arredando as nosas vidas da morte". 14 Respondéronlle os homes: —"Vaia a nosa vida pola vosa!, sempre que non denunciedes o noso argallo, se, cando o Señor nos entregue o país, non temos contigo misericordia e lealdade". 15 Entón ela púxose a descolgalos cunha corda pola fiestra, pois a casa daba ó muro da vila (onda o muro vivía ela), 16 e díxolles: —"Ide para o monte —non sexa que dean convosco os perseguidores—, e acochádevos aló durante tres días, ata que volvan eles; e despois, continuaredes o voso camiño". 17 Dixéronlle entón os homes: —"Nós queremos cumprir este xuramento que nos fixeches facer. 18 Velaquí que, cando entremos no país, haberás de ter esta cinta de fío escarlata atada na fiestra pola que nos baixaches; e a teu pai, a túa nai, a teus irmáns e a toda a casa de teu pai, axuntaralos contigo na túa casa. 19 Mais se alguén chega a saír das portas da túa casa, apandará el co seu sangue, sendo nós inocentes; en troques, seremos nós os responsables de quen estea contigo na casa: se alguén lle pon a man enriba, o seu sangue caerá sobre nós. 20 Pero se denuncias o noso argallo, quedaremos libres do xuramento que nos fixeches facer". 21 Respondeu ela: —"Que aconteza como dicides!" E despediunos, e fóronse; e ela atou a cinta escarlata á fiestra. 22 Eles camiñaron e chegaron ó monte, e deixáronse estar alí tres días, ata que volveron os perseguidores. Estes rebuscaran por todo o camiño, pero non deran con eles. 23 E emprenderon retorno os dous homes. Baixaron do monte, pasaron o río, chegaron onda Xosué —o fillo de Nun—, e contáronlle todo o que lles acontecera. 24 E dixéronlle a Xosué: —"De seguro que o Señor puxo todo o país nas nosas mans, pois todos os veciños do país están amedrentados por causa nosa". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)