Xosué 17 - Biblia SEPTA partilla de Menaxés na banda occidental do Xordán 1 E tocoulle a partilla á tribo de Menaxés (pois el era o primoxénito de Xosé). A Maquir, primoxénito de Menaxés e pai de Galaad, por ser guerreiro, déuselle Galaad e Baxán. 2 E houbo tamén para o resto dos fillos de Menaxés, segundo as súas familias: para os fillos de Abiézer, para os de Hélec, que eran fillos de Asriel, os de Xequem, os de Héfer e os de Xemidá, todos eles fillos varóns de Menaxés —o fillo de Xosé—, segundo as súas familias. 3 Pero Selofhad, fillo de Héfer (o fillo de Galaad, o fillo de Maquir, fillo de Menaxés), non tivo fillos varóns, senón só fillas. Os nomes das súas fillas eran estes: Mahlah, Noah, Hoglah, Milcah e Tirsah. 4 E foron onda o sacerdote Elazar, onda Xosué o fillo de Nun, e mais onda os príncipes, dicindo: —"O Señor mandou a Moisés darnos herdanza no medio de nosos irmáns". E déronlles a partilla entre os irmáns de seu pai, de acordo co mandamento do Señor. 5 E tocáronlle a Menaxés dez partes, ademais da terra de Galaad e o Baxán (que está na outra banda do Xordán), 6 pois as fillas de Menaxés recibiron a herdanza no medio dos parentes del, sendo a terra de Galaad para os fillos varóns de Menaxés. 7 E o lindeiro de Menaxés ía desde Axer ata Micmetat (que está enfronte de Xequem), continuando cara a Iamín, onda os veciños de En—Tapúah. 8 A terra de Tapúah correspondeulle a Menaxés; pero a aldea —situada no extremo de Menaxés, pertencía ós fillos de Efraím. 9 E baixaba o lindeiro ó torrente de Canah polo sur do torrente. Esas cidades de Efraím estaban no medio das cidades de Menaxés e o lindeiro de Menaxés ía tamén polo norte do torrente ata saír ó mar. 10 Polo sur estaba Efraím; e polo norte Menaxés, tendo como lindeiro o mar; e atopábanse polo norte en Axer, e, polo leste, en Isacar. 11 E foron para Menaxés, en Isacar e en Axer, Bet—Xeán e as súas vilas, Ibleam e as súas vilas, e os veciños de Dor e das súas vilas, e os veciños de En—Dor e das súas vilas, e os veciños de Tanac e das súas vilas, e os veciños de Meguido e das súas vilas: tres outeiros. 12 Pero os fillos de Menaxés non puideron botar fóra ós veciños daquelas cidades; e viviron tranquilos os cananeos residindo naquela terra. 13 Cando os fillos de Israel se fortaleceron, impuxéronlles tributo ós cananeos; pero botar, non os botaron. 14 E protestaron os fillos de Xosé a Xosué, dicindo: —"Por que nos destes só unha parte da herdanza e da terra, sendo nós un pobo numeroso, bendicido por Deus ata o remate?" 15 Respondeulles Xosué: —"Se sodes un pobo numeroso, abride camiño na foresta, e preparade para vós alí, na terra dos perizitas e dos Refaím, xa que vos vén estreita a montaña de Efraím". 16 Dixeron entón os fillos de Xosé: —"O monte non é abondo para nós; e ademais todos os cananeos que habitan en terra cha teñen carros de ferro, tanto os que están en Bet—Xeán e nas súas vilas, como os que moran na chaira de Iezrael". 17 E dixo Xosué á casa de Xosé —a Efraím e a Menaxés—: "Ti es un pobo grande e tes moita forza: non levarás unha partilla soa, 18 pois o monte será para ti. Como hai madeira, cortarala e aproveitaraste dela: e os seus lindeiros serán teus, pois botarás fóra ós cananeos, aínda que teñan carros de ferro e sexan tamén eles fortes". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)