Xosué 14 - Biblia SEPTAs partillas da banda occidental do Xordán 1 Estes son os eidos que herdaron os fillos de Israel na terra de Canaán, e que distribuíron Elazar o sacerdote, Xosué, fillo de Nun, e os xefes de familia das tribos dos fillos de Israel. 2 A súa herdanza asignouse por sortes, como establecera o Señor por medio de Moisés para as nove tribos e mais para a outra media, 3 pois Moisés dera xa herdanza a dúas tribos e media na outra banda do Xordán, pero ós levitas non lles dera eidos no medio deles. 4 Como os fillos de Xosé formaban dúas tribos —Menaxés e Efraím—, non deron parte ós levitas no país, fóra das cidades de residencia, cos arredores para a súa habenza e seu gando menor. 5 Tal como mandara o Señor a Moisés, dese xeito fixeron os fillos de Israel, e partillaron o país. A herdanza de Caleb 6 Achegáronse os fillos de Israel a Xosué en Guilgal, e díxolle Caleb, fillo de Iefuneh, o quenizeo: —"Ti ben sabes o que lle prometeu o Señor a Moisés, o home de Deus, verbo de min e mais de ti, en Cadex—Barnea. 7 Eu tiña xa corenta anos cando Moisés, o servo de Deus, me enviou desde Cadex—Barnea a percorrer o país, e, en volvendo, deille novas de acordo co meu corazón. 8 Meus irmáns, que subiron comigo, fenderon o corazón do pobo, namentres que eu camiñei detrás do Señor, o meu Deus. 9 E xurou Moisés naquel día, dicindo: a terra que pisaron os teus pés, logo non ha de ser decote eido para ti e para teus fillos?, pois camiñaches detrás do Señor, o meu Deus. 10 E agora, velaquí que o Señor retivo a miña vida, como prometera, durante corenta e cinco anos, desde que llo anunciou Moisés, cando Israel andaba polo deserto; e agora, velaquí que teño hoxe oitenta e cinco anos. 11 Non obstante, aínda agora estou forte como no día que me enviou Moisés para a loita, e para me desenvolver con soltura. 12 Rógoche, pois, que me deas a montaña esa á que se referiu o Señor naquel día, pois xa oíches entón que estaban alí os anaquitas, e que as cidades eran grandes e ben defendidas. Pero pode ser que o Señor estea comigo, de xeito que consiga botalos, como El dixo". 13 Entón Xosué bendiciuno e deulle Hebrón como herdanza a Caleb, fillo de Iefuneh. 14 Por iso Hebrón foi para Caleb, fillo de Iefuneh, o quenizeo, en herdanza, ata o día de hoxe, porque camiñou detrás do Señor, Deus de Israel. 15 O nome de Hebrón era antes Quiriat—Arbá (por mor do máis grande dos anaquitas). E o país repousou da loita. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)