Xosué 11 - Biblia SEPTCoalición de reis contra Xosué 1 Cando o soubo Iabín, rei de Hasor, enviou unha mensaxe a Iobab —o rei de Madón—, ó rei de Ximrón, ó rei de Acxaf, 2 ós reis da parte norte da montaña e da terra cha, ó Sur de Quinerot, da Xefelah e dos outeiros de Dor, no occidente; 3 ós cananeos do oriente e do occidente, ós amorreos, ós hititas, ós perizitas, ós iebuseos da montaña, ós hivitas da baixada do Hermón, na terra de Mispah. 4 E saíron eles con todos os seus exércitos, unha multitude innumerable, coma a area da beira do mar, e con moitísimos cabalos e carros. 5 Coaligáronse todos aqueles reis, e foron acampar xuntos a pé das augas de Merom, para loitaren contra Israel. 6 E dixo o Señor a Xosué: —"Non lles teñas medo, pois mañá a estas horas deixareinos desfeitos ante Israel. Tronzarar os seus cabalos e prenderás lume ós seus carros". A batalla das Augas de Merom 7 Chegou Xosué con todo o exército onda as augas de Merom, e arremeteron de súpeto contra eles. 8 E púxoos o Señor nas mans de Israel, que os venceu e os perseguiu ata Sidón a Grande e deica Misrefot—Maim e o val de Mispah, no oriente. E esfarelounos ata o remate: non deixou nin rastro deles. 9 Fixo con eles Xosué tal como lle dixera o Señor: tronzou os seus cabalos e prendeu lume ós seus carros. Conquista de Hasor 10 Daquela volveuse Xosué e tomou Hasor, e fixo pasar pola espada ó seu rei, pois Hasor era antigamente a capital de todos aqueles reinos. 11 E matou a todo ser vivo que había nela; exterminounos co gume da espada, sen deixar un, e a Hasor plantoulle lume. Máis vitorias 12 E conquistou Xosué todas as cidades daqueles reis, e matou os seus reis, pasándoos polo gume da espada, segundo mandara Moisés, servo do Señor. 13 Soamente deixou Israel sen queimar as cidades emprazadas sobre outeiros, fóra de Hasor, que a queimara Xosué. 14 Os fillos de Israel colleron como botín para eles todos os despoxos das cidades aquelas, e os animais; pero ós homes pasáronos polo gume da espada, ata destruílos sen deixar rastro deles. 15 Como lle mandara o Señor a Moisés, o seu servo, así lle mandou Moisés a Xosué, e así fixo Xosué: e non esqueceu cousa de todo o que lle mandara o Señor a Moisés. Resume da conquista do país 16 Deste xeito conquistou Xosué todo aquel país: a montaña e todo o Négueb, toda a rexión de Goxén e mais a Xefelah e o deserto, e a montaña de Israel e mais a súa terra cha. 17 Desde o Monte Rapado, que leva a Seir, ata Baal—Gad, no val do Líbano, por baixo do monte Hermón, pillou a todos os seus reis e feriunos ata morreren. 18 Xosué estivera loitando con todos aqueles reis durante moitos anos. 19 E fóra dos hivitas, que habitaban en Gabaón, non houbo cidade que pactase cos fillos de Israel, e pilláronas todas na loita: 20 pois era cousa do Señor, que fixo endurecer os seus corazóns, de xeito que declarasen a guerra a Israel e fosen exterminados sen compaixón e aniquilados, como mandara o Señor a Moisés. 21 Chegou entón Xosué, e fendeu os anaquitas da montaña de Hebrón, os de Debir, os de Anab e os de toda a montaña de Xudá e de todas as montañas de Israel: exterminounos Xosué, xunto coas súas cidades. 22 Non quedaron xa anaquitas na terra dos fillos de Israel: só sobreviviron en Gaza, en Gad e en Axdod. 23 Así conquistou Xosué todo o país, segundo lle tiña dito o Señor a Moisés; e deullo en herdanza Xosué a Israel, segundo a súa distribución en tribos. E o país repousou da loita. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)