Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xonás 2 - Biblia SEPT


O Señor salva a Xonás

1 Mentres, o Señor dispuxo un grande peixe para que engulise a Xonás. Estivo nas entrañas do peixe tres días e tres noites.

2 Desde as entrañas do peixe rezoulle Xonás ó Señor, o seu Deus:

3 Desde a miña angustia chamei ó Señor e escoitoume; desde o ventre do abismo pedín auxilio, e escoitaches a miña voz.

4 Botáchesme nas profundidades, no corazón do mar; e envolvíame a corrente. Os teus golpes de mar e mais s túas ondas pasaron todas sobre min.

5 Pero eu pensei: apartáronme lonxe da presenza dos teus ollos; como poderei seguir mirando cara ó teu santo templo?

6 Asolagoume a auga ata a gorxa, envólveme o abismo; as algas ensaríllanse na cabeza,

7 onde enraízan as montañas. Baixei ó profundo da terra: o seu ferrollo pechouse tras de min para sempre. Pero sacaches a miña vida da foxa, Señor, meu Deus.

8 Cando se debilitaban os meus folgos, lembreime do Señor, e a miña oración chegou a ti, ó teu santo templo.

9 Os fanáticos dos ídolos que nada son, abandonan a súa fidelidade.

10 Pero eu ofrecereiche un sacrificio cantando a miña acción de grazas. O que prometín cumprireino. A salvación está no Señor.

11 Entón o Señor deulle orde ó peixe, e este vomitou a Xonás en terra firme.

Lean sinn:



Sanasan