Xonás 1 - Biblia SEPTA fuxida de Xonás 1 Veulle a palabra do Señor a Xonás, fillo de Amitai, nestes termos: 2 Érguete e vai a Nínive, a gran cidade, e proclama contra ela oráculos de como subiu á miña presenza a ruindade dos seus habitantes. 3 Pero Xonás ergueuse para fuxir a Tárxix lonxe da presenza do Señor. Baixou a Iafa, onde atopou un barco que marchaba para Tárxix. Pagou o billete do barco e colleuno para marchar nel a Tárxix, lonxe da presenza do Señor. 4 Entón o Señor lanzou un forte vento contra o mar, e armouse unha grande tempestade de xeito que parecía que ía partir o barco. 5 Colleron tal medo os mariñeiros, que cada un lles pedía auxilio a berros ós seus deuses; logo botaron ó mar todos os obxectos que había a bordo, para alixeiraren o barco do seu peso. Mentres tanto, Xonás, que baixara ó fondo do barco, estaba deitado e durmía un sono profundo. 6 Entón o capitán chegouse a xunto del e díxolle: Que che pasa a ti para durmires un sono profundo? Érguete e pídelle auxilio a berros ó teu Deus. Quizais ese Deus se preocupe de nós e non perezamos. 7 E dicían entre eles: Veña! Botemos as sortes, para podermos coñecer por causa de quen nos acontece esta desgraza. Botaron as sortes e tocoulle a Xonás. 8 Entón dixéronlle: Fai o favor de nos dicir: Por causa de quen nos vén esta desgraza? Cal é a túa misión? De onde vés? Cal é o teu país? De que pobo es ti? 9 Respondeulles el: Son hebreo e adoro a Iavé, o Deus do ceo, que fixo o mar e mais a terra firme. 10 Cheos de temor sagrado, os homes aqueles dixéronlle: Que é o que fixeches? Pois dábanse de conta de que fuxía da presenza de Iavé (pois xa llelo dixera). 11 Preguntáronlle: Que faremos contigo para que o mar deixe de estar contra nós? Pois o mar seguía embravecéndose. 12 Respondeulles: Collédeme en peso e botádeme ó mar, pois eu ben sei que é culpa miña esta grande tempestade que está contra vós. 13 Entón os homes aqueles remaban para volver á terra firme, pero non eran capaces, xa que o mar seguía embravecéndoselles cada vez máis. 14 Pero invocaron a Iavé con esta súplica: Ai, Señor, que non perezamos por culpa dos planos deste home. Non nos fagas responsables de sangue inocente, pois ti obras tal como queres. 15 Levantaron en peso a Xonás, botárono ó mar, e o mar aplacou o seu embravecemento. 16 Entón os homes sentiron un grande respecto polo Señor, fixéronlle un sacrificio e ofrecéronlle votos. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)