Xoel 2 - Biblia SEPTChamada a unha nova liturxia penitencial polo día do Señor 1 Tocade o corno en Sión, dade a alarma no meu santo monte, que estarrezan todos os habitantes do país, pois chega o día do Señor. Si, está preto 2 o día da escuridade e dos trebóns, o día de néboa e de escuras nubes, coma o Luceiro da Alba estendido sobre as montañas, forte, enorme e poderoso, coma el non o houbo xamais, e despois del non se volverá contar no sucederse de xeracións en xeracións. 3 Diante del un lume devora, detrás del un incendio consome. Antes del o país era coma un xardín de recreo, despois del, un deserto desolado, onde nin sequera haberá refugallo. 4 O seu aspecto é coma o dos cabalos, que corren coma corceis. 5 Coma o zunido dos carros de guerra, corren sobre os cumes dos montes, coma o estalar do lume no incendio que consome o restrollo, coma un pobo poderoso, preparado para a guerra. 6 Ante a súa presenza tremerán os pobos, todos os rostros se xuntarán ante esa maldición. 7 Pois soldados corren, guerreiros agatuñan pola muralla, cada un marcha polo seu camiño, non dan rodeos as súas filas. 8 Ningún lle estorba ó seu compañeiro, cada un dos soldados vai polo seu camiño. Aínda que sexa no medio de frechas, non caerán, nin romperán a fila. 9 Asaltan a cidade, corren pola muralla, soben ás casas, entran coma ladróns polas fiestras. 10 Na súa presenza treme a terra, estremécese o ceo, o sol e mais a lúa escurecen, as estrelas perden o seu resplandor. 11 Si, o Señor levanta a súa voz, diante do seu exército. Que enorme é o seu campamento! Que poderoso é o exército que cumpre o seu plan! Que grande é o día do Señor e enormemente terrible! Quen o soportará? Oráculo acerca das esixencias da proximidade do día do Señor 12 Pero, agora —é o Señor quen fala—, convertédevos a min de todo corazón, con xaxún, con lágrimas e con loito. 13 Esgazade o voso corazón, e non os vosos vestidos, convertédevos ó Señor, voso Deus, pois El é compasivo e misericordioso, é calmoso para o enfado e abondoso en bondade, e ten compaixón da desgraza. 14 Quizais cambie e teña compaixón, e deixe tras de si a súa bendición, a ofrenda e mais a libación, para o Señor, o voso Deus. Continúa a chamada á participación na liturxia penitencial 15 Tocade o corno en Sión, dedicádelle un tempo sagrado ó xaxún, convocade a asemblea. 16 Xuntade o pobo, consagrade a asemblea, reunide os anciáns, xuntade os rapaces, tamén os meniños de peito. Que saia o marido do seu cuarto, e a muller da súa alcoba. 17 Que choren entre o adro e o altar os sacerdotes, que digan os ministros do Señor: "Perdóalle, Señor, ó teu pobo, non entregues á burla a túa herdanza, de xeito que a dominen pobos alleos. Por que se vai dicir entre as nacións: Onde está o seu Deus?" Resposta oracular da acollida da liturxia penitencial 18 Entón ó Señor entráronlle celos do seu país, e perdoou ó seu pobo. 19 Respondeu o Señor dicíndolle ó seu pobo: "Velaí: vouvos mandar o trigo, o mosto e mais o aceite novo para que vos fartedes de todo iso, e non vos volverei entregar para servir de burla entre os pobos alleos, 20 senón que porei lonxe de vós o inimigo do norte, e botareino para un país reseco e deserto: coa súa vangarda cara ó mar do nacente, e coa súa retagarda cara ó mar do poñente; subirá o seu fedor, seguirá subindo a súa pestilencia, xa que quixo facer grandes cousas". 21 Non teñas medo, terra de cultivo, brinca de ledicia e alégrate, pois o Señor fai grandes cousas. 22 Non teñades medo, feras do campo, que agroman os pasteiros da estepa. Si, as árbores dan o seu froito, e a figueira e mais a vide agroman con forza. 23 Vós, fillos de Sión, brincade de alegría, alegrádevos polo Señor, o voso Deus, pois deuvos a chuvia conforme o seu compromiso, mandouvos chuvia abundante; a temperá e a serodia coma noutros tempos. 24 As eiras énchense de trigo e nos lagares reborda o mosto e o aceite novo. 25 Así compénsovos polos anos nos que as colleitas foron comestas pola eiruga que roe, a voadora, a que destrúe, e mais o saltón, o meu grande exército, que mandei contra vós. 26 Si, comeredes ata fartarvos, e loaredes o Nome do Señor, o voso Deus, que actuou convosco facendo milagres, deste xeito o meu pobo non se avergonzará endexamais. 27 Entón recoñeceredes que eu estou no medio de Israel. Si, eu, o Señor, o voso Deus, e ninguén máis ca min, e o meu pobo non se avergonzará endexamais. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)