Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xoel 1 - Biblia SEPT


Título

1 Palabra do Señor, que lle veu a Xoel, fillo de Petuel.


I. A LITURXIA PENITENCIAL Chamada á participación litúrxica

2 Escoitade isto, vós, os anciáns, oídeo todos os gobernantes do país. Sucedeu algo semellante durante a vosa vida, ou durante a vida de vosos pais?

3 Contádellelo ós vosos fillos, e vosos fillos a seus fillos, e seus fillos á xeración seguinte.

4 Aquilo que lle sobrou á larva devoradora, comeuno a lagosta que roe; e o que lle sobrou á eiruga que destrúe, comeuno o saltón voador, e o que lle sobrou ó saltón voador, comeuno a eiruga que destrúe.

5 Espertade, borrachos, e póndevos a chorar, facede lamentacións, todos os que bebedes viño, por mor do viño novo, pois quítasevos da boca.

6 Velaí, un pobo sobe contra o meu país, poderoso e incontable, os seus dentes son dentes de león, e ten poutas de leoa.

7 Converteu a miña viña nunha desolación, e a miña figueira nun cango seco; escascouna completamente e botouna ó chan, as súas vides quedaron brancas.

8 Laméntate ti, coma virxe vestida de saco polo marido da súa mocidade!

9 Suprímase do templo do Señor a ofrenda e a libación; que fagan dó os sacerdotes, servidores do Señor.

10 O campo está arrasado, a terra de cultivo está de loito. Si, está arrasada a colleita, os acios están secos, resecan as oliveiras.

11 Volvédevos resecos de tristura, campesiños, lamentádevos, viñateiros, polo trigo e pola cebada pois perdeuse a colleita do campo.

12 A viña está seca e a figueira murcha, a granada, tamén a palmeira e mais a maceira, todas as árbores do campo están murchas. Si, secou a ledicia dos fillos de Adam.

13 Vestídevos para facer loito, sacerdotes, facede lamentacións, servidores do altar. Vinde pasar a noite vestidos de saco, servidores do meu Deus, porque a casa do Señor está privada da ofrenda e mais da libación.

14 Decretade un período sacro de xaxún, convocade a asemblea, xuntade os anciáns, a todos os que viven no país, no templo do Señor, o voso Deus, e pedídelle auxilios ó Señor.


Texto da participación do profeta na liturxia penitencial. Lamentación e oración

15 Ai dese día! Si, xa está preto o día do Señor, chega coma a ruína que vén do Omnipotente.

16 Acaso de diante dos nosos ollos non falta a comida e do templo do noso Deus a ledicia e mais a festa?

17 Murchou a semente debaixo dos seus sucos; están baleiras as arcas, están no fondo as tullas do gran, porque o trigo secou.

18 Como brúa o gando! Coma andan descarreirados os fatos de vacas! Si, non teñen quen as pastoree, si, os fatos de ovellas perecen.

19 A ti, Señor, pídoche auxilio, pois un lume consome os pasteiros do monte, e un incendio queima as árbores do campo.

20 Mesmo as feras do campo suspiran por ti, pois están secos os regueiros de auga, e o lume consome os pasteiros do monte.

Lean sinn:



Sanasan