Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xoán 9 - Biblia SEPT


Curación dun cego de nacemento: 9, 1-12

1 Ó pasar, viu a un cego de nacemento.

2 Entón preguntáronlle os seus discípulos: Mestre, quen pecou, para que nacese cego: el ou seus pais?

3 Xesús respondeu: Nin pecou el nin os seus pais, senón que está cego para que se mostren nel as obras de Deus.

4 Precisamos facer as obras do que me mandou mentres é día; está a chegar a noite e daquela ninguén pode traballar.

5 Mentres eu estou no mundo, son a luz do mundo.

6 Dito isto, cuspiu na terra e fixo lama co cuspe e untouna polos ollos do cego,

7 dicíndolle: Vaite lavar na piscina de Siloé (que quere dicir "enviado"). El foi, lavouse e volveu con vista.

8 Entón os veciños e os que antes o viran andar a pedir preguntaban: Non é este o que estaba sentado pedindo?

9 Uns dicían: "éche o mesmo"; outros, "non, é un que se lle asemella"; e el dicía: "son eu".

10 Entón preguntábanlle: Daquela como se che abriron os ollos?

11 El respondeu: O home que se chama Xesús fixo lama, untoume os ollos, e díxome: "Vai a Siloé e lávate". Entón fun e, ó que me lavei, comecei a ver.

12 Preguntáronlle: Onde está ese? El contestou: Non o sei.

13 Levaron onda os fariseos o que fora cego.

14 (Era sábado o día que Xesús fixera lama e lle abrira os ollos).

15 E outra vez lle preguntaban tamén os fariseos como chegara a ver. El respondeulles: Untoume lama polos ollos, laveime e vexo.

16 Algúns dos fariseos dicían: "Este home non vén de Deus, que non garda o sábado". Outros, en cambio, dicían: "Como ía poder un home pecador facer estes sinais?" E había división entre eles.

17 Entón preguntáronlle outra vez ó cego: A ti que che parece ese home que lles deu a vista ós teus ollos? El contestou: Que é un profeta.

18 Os xudeus non lle creron que fose cego e que chegase a ver, ata que chamaron polos seus pais

19 e lles preguntaron: É este o voso fillo, o que vós dicides que naceu cego? Logo como é que agora ve?

20 Os pais responderon: Nós sabemos que este é o noso fillo e que naceu cego:

21 como é que agora ve, non o sabemos; nin sabemos tampouco quen lle deu a vista. Preguntádelle a el, que ten anos para falar en por si.

22 (Isto dixérono os pais, porque lles tiñan medo ós xudeus, pois xa se puxeran de acordo en que, se alguén o recoñecía coma Mesías, botábano da sinagoga.

23 Por isto dixeron seus pais: "Ten idade, preguntádelle a el").

24 Chamaron por segunda vez polo home que fora cego e dixéronlle: Dá gloria a Deus: nós sabemos que ese home é un pecador.

25 El entón respondeu: Eu non sei se é un pecador; só sei unha cousa: que eu antes era cego e que agora vexo.

26 Dixéronlle entón: Pero que foi o que che fixo? Como che deu a vista?

27 Respondeulles: Xa volo dixen e non me fixestes caso. Por que queredes oílo outra vez? Ou é que tamén queredes facervos discípulos del?

28 Eles enchérono de aldraxes e dixéronlle: Serás ti discípulo del; nós somos discípulos de Moisés.

29 Nós sabemos que a Moisés lle falou Deus; deste, polo contrario, non sabemos de onde é.

30 O home replicoulles: Pois nisto precisamente está o admirable: en que vós non sabedes de onde é e el deulles a vista ós meus ollos.

31 Sabemos que Deus non escoita os pecadores, pero se un é piadoso e fai a súa vontade, a ese escóitao.

32 Endexamais non se soubo de ninguén que dese vista a un cego de nacemento:

33 se este non viñese de Deus, non podía facer nada.

34 Respondéronlle eles: Ti naciches todo metido en pecados e vasnos ensinar a nós? E botárono fóra.


A cegueira espiritual: 9, 35-41

35 Oíu Xesús que o botaran fóra, buscouno e preguntoulle: Cres ti no Fillo do Home?

36 El respondeulle: E quen é, Señor, para que crea nel?

37 Díxolle Xesús: Éche o mesmo que estás vendo e que está a falar contigo.

38 El dixo: Creo, Señor. E prostrouse diante del.

39 Entón dixo Xesús: Para realizar un xuízo vin eu a este mundo: para que os que non ven, vexan; e os que ven, se volvan cegos.

40 Oíron isto algúns dos fariseos que estaban onda el, e preguntáronlle: E, logo, nós tamén estamos cegos?

41 Xesús contestoulles: Se estivésedes cegos, non teriades pecado; mais, como dicides que vedes, o voso pecado permanece.

Lean sinn:



Sanasan