Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xoán 8 - Biblia SEPT


Xesús perdoa a unha adúltera: 7, 53-8, 11

1 E Xesús saíu para o Monte das Oliveiras.

2 Pero á alborada, presentouse outra vez no templo e toda a xente veu onda el; el sentouse e empezou a ensinar.

3 Os escribas e fariseos trouxéronlle unha muller sorprendida en adulterio; puxérona no medio e medio e

4 preguntáronlle: Mestre, a esta muller collérona en flagrante adulterio.

5 Moisés, na Lei, mandounos apedrar a esta xente. Ti que dis?

6 Preguntábanllo á mala fe para teren así de que o acusar. Pero Xesús, abaixado, escribía co dedo na terra.

7 Como lle seguían preguntando, ergueuse e díxolles: Quen de entre vós non teña pecado, que lle tire a primeira pedra,

8 E, abaixándose outra vez, escribía na terra.

9 Pero eles, ó que o escoitaron, foron liscando un a un, comezando polos máis vellos. Quedou el só coa muller, que seguía no medio.

10 Ergueuse entón e preguntoulle: Muller onde van? Ninguén te condenou?

11 Ela respondeulle: Ninguén, Señor. Díxolle Xesús: Tampouco eu non te condeno: vaite e desde agora non peques máis.


Xesús, a luz do mundo: 8, 12-20

12 Xesús faloulles outra vez: Eu son a luz do mundo: quen me segue, non andará ás escuras, senón que terá a luz da vida.

13 Dixéronlle entón os fariseos: Ti fas de testemuña en causa propia: o teu testemuño non vale.

14 Xesús replicoulles: Aínda que eu faga de testemuña en causa propia, o meu testemuño é válido, porque eu ben sei de onde vin e a onde vou; mentres que vós non sabedes de onde veño nin onde vou.

15 Os vosos xuízos seguen normas humanas, mentres que eu non xulgo a ninguén.

16 E aínda que eu xulgase, o meu xuízo sería válido, porque non sería eu só a xulgar, senón eu e mais quen me mandou.

17 E na vosa Lei está escrito que o testemuño de dúas testemuñas é valedoiro.

18 Eu dou testemuño de min mesmo, pero tamén o dá o Pai que me mandou.

19 Entón eles preguntáronlle: Onde está teu Pai? Xesús respondeulles: Nin me coñecedes a min, nin a meu Pai; se me coñecésedes a min, coñeceriades tamén a meu Pai.

20 Estas cousas díxoas el cando ensinaba no templo, no adro do tesouro; e ninguén o prendeu, porque aínda non chegara a súa hora.


A onde vou eu, vós non podedes vir: 8, 21-30

21 Díxolles outra vez: Eu voume e habédesme buscar e morreredes no voso pecado: onde eu vou, vosoutros non podedes vir.

22 Dicían entón os xudeus: El irase matar, porque di "onde vou eu, vosoutros non podedes vir"?

23 El seguiulles dicindo: Vós sodes de aquí abaixo, eu son de alá arriba; vós sodes deste mundo, eu non son deste mundo.

24 Díxenvos que habedes morrer nos vosos pecados; como non creades que "Eu son", morreredes nos vosos pecados.

25 Preguntáronlle entón: Pero, logo, ti quen es? Xesús contestoulles: O que vos veño dicindo desde o comezo.

26 Moito tería que falar de vós e xulgalo; mais quen me mandou é veraz e eu só lle falo ó mundo do que lle oín a El.

27 Pero eles non coñeceron que lles falaba do Pai.

28 Entón Xesús continuou: Cando ergades o Fillo do Home, entón comprenderedes que "Eu son", e que non fago nada pola miña conta, senón que falo do que o Pai me ensinou.

29 E quen me mandou está comigo: non me deixou só, pois eu fago sempre o que a El lle agrada.

30 O dicir estas cousas, moitos creron nel.


A verdade faravos libres: 8, 31-38

31 E ós xudeus que creran nel dicíalles Xesús: Se permanecedes na miña palabra, seredes de verdade discípulos meus;

32 e coñeceredes a verdade e a verdade faravos libres.

33 Eles respondéronlle: Somos semente de Abraham e endexamais non fomos escravos de ninguén; como, logo, dis ti "seredes libres"?

34 Respondeulles Xesús: Con toda verdade volo aseguro: quen comete o pecado é escravo.

35 E o escravo non queda para sempre na casa; o fillo queda para sempre.

36 Logo, se o Fillo vos libera, seredes libres de verdade.

37 Ben sei que sodes semente de Abraham, pero tratades de me matar, porque a miña palabra non prende en vós.

38 Eu falo do que vin onda o Pai; e vós facedes o que oístes de voso pai.


Voso pai é o demo: 8, 39-48

39 Eles respondéronlle: O noso pai é Abraham. Xesús replicoulles: Se fósedes fillos de Abraham fariades as obras de Abraham,

40 mais agora procurades matarme, a min, que os dixen a verdade que oín de Deus: iso non o fixo Abraham.

41 Vós facedes as obras de voso pai. Dixéronlle: Nós non nacemos da prostitución: temos un pai, Deus.

42 Contestoulles Xesús: Se o voso pai fose Deus, amariádesme a min porque eu de Deus saín e veño. Pois non vin por min mesmo, senón que El me enviou.

43 Por que non comprendedes a miña fala? Porque non podedes escoitar a miña palabra.

44 Vós sodes de voso pai o Satán, e queredes realizar os desexos de voso pai. Este foi asasino desde o comezo e non afincou na verdade, que nel non hai verdade. Se fala falsidade, fala do seu, pois é mentireiro e pai da mentira.

45 Polo contrario, a min, porque vos digo a verdade, non me credes.

46 Veña! Que probe un de vós que estou en pecado! Se vos falo a verdade, por que non me credes?

47 Quen é de Deus, escoita as palabras de Deus; por iso vós non escoitades, porque non sodes de Deus.

48 Os xudeus replicáronlle: Non dicimos con razón que ti es un samaritano e que tes o demo no corpo?


Xesús, anterior a Abraham: 8, 49-59

49 Xesús respondeulles: Eu non teño demo ningún, eu respecto a meu Pai; e vós estádesme inxuriando.

50 Eu non procuro o meu prestixio: hai quen o fai xa, e El fará xustiza.

51 Con toda verdade volo aseguro: quen fai caso da miña palabra, non morrerá endexamais.

52 Entón dixéronlle os xudeus: Agora si que vemos que tes o demo: Abraham morreu e os profetas tamén, e ti dis "quen fai caso da miña palabra, non morrerá endexamais".

53 Seica es ti máis có noso pai Abraham, que morreu? E os profetas tamén morreron Por quen te queres facer pasar?

54 Xesús respondeu: Se eu me dou gloria a min mesmo, a miña gloria nada vale: pero quen me dá gloria é meu Pai, de quen vós dicides que é voso Deus.

55 Pero non o coñecedes, mentres que eu si o coñezo. Se dixese que non o coñezo, sería un mentireiro, coma vós; pero eu coñézoo e axústome á súa palabra.

56 Voso pai Abraham encheuse de ledicia na esperanza de ver o meu día; viuno e alegrouse.

57 Dixéronlle entón os xudeus: Aínda non tes cincuenta anos e xa viches a Abraham?

58 Xesús contestoulles: Con toda verdade volo aseguro: antes que Abraham chegase a existir, "Eu son".

59 Entón colleron pedras para llas tiraren, pero Xesús agachouse e saíu do Templo.

Lean sinn:



Sanasan