Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xoán 7 - Biblia SEPT


Incredulidade dos parentes de Xesús: 7, 1-9

1 E despois disto, andaba Xesús pola Galilea, pois non quería andar pola Xudea, porque os xudeus queríano matar.

2 Estaba a chegar a festa dos xudeus chamada "das Tendas".

3 Dixéronlle entón seus irmáns: Sae de aquí e vai para Xudea, para que tamén os teus discípulos vexan as obras que fas;

4 porque quen quere ser famoso non actúa ás agachadas. Se fas esas cousas, móstrate ó mundo.

5 (Era visto que nin seus irmáns crían nel).

6 Xesús contestoulles: O meu tempo aínda non chegou, pero o voso sempre está á man.

7 Non pode o mundo aborrecervos a vós; pero a min aborréceme, porque eu testemuño contra el que as súas obras son ruíns.

8 Subide vós á festa: eu non subo, que aínda non chegou o meu tempo.

9 Despois desta conversa quedou na Galilea.

10 Pero cando seus irmáns xa subiran á festa, entón tamén el subiu, non manifestamente, senón en secreto.


Xesús na Festa das Tendas: 7, 10-52

11 Entón os xudeus buscábano na festa, e dicían: Onde está ese?

12 E polo baixo a xente falaba moito del. Uns dicían: "é un bo home"; outros, ó revés: "nada, nada: é un enredante".

13 Mais ninguén falaba del en público, por medo ós xudeus.

14 A iso da metade da festa, subiu Xesús ó templo e púxose a ensinar.

15 Admirábanse entón os xudeus, dicindo: Como é que este sabe todo o que sabe sen estudalo?

16 Respondeulles Xesús: A miña doutrina non é miña, senón daquel que me mandou.

17 Se alguén quere facer a vontade de Deus, distinguirá se esta doutrina vén de Deus ou se é que eu falo pola miña conta.

18 Quen fala pola súa conta, busca a propia gloria; polo contrario, quen procura o prestixio de quen o mandou, ese é veraz e non hai inxustiza nel.

19 Non vos deu Moisés a Lei? E, con todo, ningún de vós a garda. Por que me queredes matar?

20 Respondeu a xente: Seica tes o demo! Quen te quere matar a ti?

21 Xesús replicou: Fixen unha obra só, e todos vos marabillades.

22 Vexamos, logo, unha cousa. Moisés deuvos a circuncisión (que, ben mirado, non vén de Moisés, senón dos Pais) e, aínda que sexa sábado, vós circuncidades un home.

23 E se circuncidades un home en sábado, sen quebrantardes a Lei de Moisés, como é que vos alporizades comigo, porque curei en sábado a un home enteiro?

24 Non xulguedes pola aparencia, non; xulgade conforme á xustiza.

25 Algúns dos habitantes de Xerusalén comentaban: Non é a este ó que lle trataban a morte?

26 Pois mira como fala á vista de todo o mundo e mais non lle din nada. Será que de verdade as autoridades chegaron a recoñecer que el é o Mesías?

27 O caso é que este sabemos de onde é; mentres que o Mesías, cando veña, ninguén saberá de onde é.

28 Gritou entón Xesús, mentres ensinaba no templo: Así que a min coñecédesme e sabedes de onde son? Pois non vos vin pola miña conta; a min mandoume o Veraz, a quen vós non coñecedes.

29 Eu coñézoo, que de onda El son e foi El quen me mandou.

30 Daquela trataban de prendelo; pero ninguén lle botou man: aínda non chegara a súa hora.

31 Moita xente creu nel e dicía: E o Mesías, cando veña, fará máis sinais ca este?

32 Oíron os fariseos que o pobo andaba nestes falares e entón eles e mais os xefes dos sacerdotes mandaron gardas para o prenderen.

33 Dixo entón Xesús: Aínda estarei un pouquiño máis entre vós, e despois voume onda Aquel que me mandou.

34 Buscar buscarédesme, pero non me encontraredes, pois onde eu estea vós non poderedes vir.

35 Dixéronlles uns xudeus a outros: Para onde irá este, que non o poidamos atopar? Irá quizais para onda os emigrantes en terras dos gregos, predicarlles a eles?

36 Que significará iso que dixo, "buscar, buscarédesme, pero non me encontraredes", e "onde estea eu vós non poderedes vir"?

37 No derradeiro día, o máis grande da festa, púxose Xesús de pé, e gritou: Se alguén ten sede, que veña onda min e beba quen cre en min.

38 Como di a Escritura, deitaranlle do seu ventre regueiros de auga viva.

39 (Isto dicíao do Espírito que habían recibir cantos creran nel: pois aínda non había Espírito, porque Xesús non fora aínda glorificado).

40 Cando oíron isto, algúns de entre a xente, dicían: "Este é verdadeiramente o Profeta".

41 Outros: "Este é o Mesías". Outros, en cambio, dicían: "Pero é que o Mesías vai vir da Galilea?

42 Non di a Escritura que o Mesías ha vir da semente de David, e de Belén, a vila de onde era David?"

43 E houbo división no pobo, por causa del.

44 Algúns queríano prender, pero ninguén lle puxo enriba as mans.

45 Foron entón os gardas onda os xefes dos sacerdotes e os fariseos. Eles preguntáronlles: Por que non o trouxestes?

46 Responderon os gardas: Nunca ninguén falou así coma este home.

47 Respondéronlles os fariseos: Seica vos engaiolou tamén a vós?

48 Vistes que algún dos maxistrados ou dos fariseos crese nel?

49 Non. E a xente esa, que non coñece a Lei, son uns malditos.

50 Un deles, Nicodemo, o que fora primeiro onda el, dixo:

51 Desde cando a nosa Lei xulga un home sen antes escoitalo e investigar o que fixo?

52 Respondéronlle: Tamén ti es da Galilea? Pois estuda e verás como da Galilea non sae profeta ningún.

53 E fóronse cada un para a súa casa

Lean sinn:



Sanasan