Xoán 6 - Biblia SEPTMultiplicación do pan e dos peixes: 6, 1-15 1 Despois disto foi Xesús á outra banda do Mar de Galilea (o de Tiberíades). 2 Seguíao unha chea de xente, porque viran os sinais que facía nos enfermos. 3 Subiu Xesús ó monte e sentou alí cos seus discípulos. 4 Estaba a chegar a Pascua, a festa dos xudeus. 5 Levantou a vista Xesús e, vendo vir tanta xente cara a el, díxolle a Filipe: Onde imos mercar pan, para que coma esta xente? 6 (Isto dicíao para tentalo, que el ben sabía xa o que ía facer). 7 Respondeulle Filipe: Nin medio ano de xornal chega para que cada un deles reciba un codelo. 8 Un dos seus discípulos, Andrés, o irmán de Simón Pedro, díxolle: 9 Hai aquí un rapaz que ten cinco bolos de pan de cebada e dous peixes. Claro que, que é iso para tantos? 10 Xesús ordenou: Facede sentar a xente. Había moita herba naquel sitio. E sentaron como uns cinco mil homes. 11 Entón colleu Xesús os pans e, dando grazas, repartiu ós sentados canto quixeron e o mesmo os peixes. 12 Cando se fartaron, díxolles ós seus discípulos: Recollede os anacos sobrantes, para que non se estrague nada. 13 Entón xuntáronos e encheron doce cestas cos anacos dos cinco bolos de pan de cebada, que lles sobraran ós que comeron. 14 O veren aqueles homes o sinal que fixera, dicían: "Este si que é o profeta que había de vir ó mundo". 15 Entón Xesús, decatándose de que o ían vir coller para proclamar o rei, retirouse só outra vez ó monte. Xesús camiña sobre o mar: 6, 16-21 16 Como xa caera a tarde, baixaron os seus discípulos ó mar, 17 e, montando nun bote, dirixíanse cara á outra beira, a Cafarnaúm. Xa era noite pecha e Xesús aínda non chegara onda eles. 18 O mar empezouse a picar, porque ventaba rexo. 19 Despois de levaren vogado unhas tres millas, viron a Xesús camiñando por riba do mar e, conforme se ía achegando ó bote, empezaron a coller medo. 20 Pero el díxolles: Son eu, non teñades medo. 21 Entón queríano facer subir ó bote, pero naquel instante o bote quedou varado no sitio onde ían. O discurso do "pan da vida": 6, 22-71 22 O outro día, a xente que quedara na outra banda do mar, decatouse de que alí non había máis ca un bote e que Xesús non montara nel cos seus discípulos, senón que estes marcharan sós. 23 Nisto chegaron algúns botes de Tiberíades, de cerca do sitio onde comeran o pan despois de o Señor dar grazas a Deus. 24 Así que, en vendo a xente que Xesús non estaba alí, nin tampouco os seus discípulos, montaron nos botes e chegaron a Cafarnaúm buscando a Xesús. 25 Atopárono na outra banda do mar e dixéronlle: —Rabbí, cando chegaches aquí? 26 Xesús contestoulles: Con toda verdade volo aseguro: buscádesme non porque vistes sinais, senón porque comestes pan ata vos fartar. 27 Traballade non polo pan que se acaba, senón polo que dura deica a vida eterna, o que vos dará o Fillo do Home: pois el é a quen o Pai Deus marcou co seu selo. 28 Eles preguntáronlle: Que temos que facer para realizar as obras de Deus? 29 Respondeu Xesús: Esta é a obra de Deus: que creades naquel que El mandou. 30 Replicáronlle: Que sinal fas ti, para que véndoo creamos en ti? Que podes facer? 31 Os nosos pais comeron o maná no deserto, conforme está escrito: deulles a comer pan do ceo. 32 Entón díxolles Xesús: Con toda verdade volo aseguro: non foi Moisés quen vos deu o pan do ceo; meu Pai é quen vos dá o verdadeiro pan do ceo: 33 pois o pan de Deus é o que baixa do ceo e que lle dá vida ó mundo. 34 Dixéronlle entón: Señor, dános sempre dese pan. 35 Xesús respondeulles: Eu son o pan da vida: quen vén onda min, non pasará fame e quen cre en min, endexamais non terá sede. 36 Pero xa vos dixen que, aínda que vistes, non credes. 37 Todos os que o Pai me entregou, virán onda min; e a quen vén onda min, non o botarei fóra. 38 Pois eu baixei do ceo non para facer a miña vontade, senón a vontade daquel que me mandou. 39 Esta é a vontade daquel que me mandou: que non perda a ningún dos que me entregou, senón que os resucite no derradeiro día. 40 Esta é, polo tanto, a vontade do meu Pai: que todo aquel que ve ó Fillo e cre nel, teña vida eterna e eu resucitareino no derradeiro día. 41 Entón os xudeus comezaron a murmurar del, porque dixera "Eu son o pan que baixou do ceo", 42 e dicían: Non é este Xesús, o fillo de Xosé? Non lle coñecemos o pai e mais a nai? Como di, logo "Eu baixei do ceo"? 43 Xesús respondeulles: Non esteades aí a murmurar. 44 Ninguén pode vir onda min se non o trae o Pai que me mandou, e eu resucitareino no derradeiro día. 45 Está escrito nos Profetas: todos serán ensinados por Deus: todo aquel que escoita ó Pai e aprende, vén onda min. 46 Non porque alguén vise ó Pai; o único que viu ó Pai é o que estaba onda Deus. 47 Con toda verdade volo aseguro: quen cre, ten vida eterna. 48 Eu son o pan da vida. 49 Os vosos pais comeron o maná no deserto, pero morreron. 50 Este é o pan que baixa do ceo, para que quen coma del non morra. 51 Eu son o pan vivo que baixou do ceo: se alguén come deste pan, vivirá para sempre; e o pan que eu darei, é a miña carne, para a vida do mundo. 52 Discutían entón entre eles os xudeus: Como pode este darnos a comer a súa carne? 53 Díxolles entón Xesús: Con toda verdade volo aseguro: se non comedes a carne do Fillo do Home e non bebedes o seu sangue, non teredes vida en vós. 54 Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, ten vida eterna e eu resucitareino no derradeiro día. 55 Pois a miña carne é verdadeira comida e o meu sangue é verdadeira bebida. 56 Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, permanece en min e eu nel. 57 Así coma o Pai, que me mandou, vive e eu vivo polo Pai, así tamén quen me coma vivirá por min. 58 Este é o pan que baixou do ceo; non coma o que comeron os pais que mesmo así morreron: quen come este pan, vivirá para sempre. 59 Dixo estas cousas ensinando na sinagoga, en Cafarnaúm. 60 Cando tal oíron, moitos dos seus discípulos dixeron: Que dura é esta doutrina! Quen pode admitir tal cousa? 61 Comprendendo Xesús que os seus discípulos murmuraban do asunto, díxolles: Escandalízavos iso? 62 E logo se vísedes o Fillo do Home subindo a onde estaba antes? 63 O espírito é quen dá vida, a carne non vale para nada; as palabras que eu vos falei, son espírito e son vida. 64 E, aínda así, hai algúns de vós que non cren. Pois ben sabía Xesús desde o principio quen eran os que non crían e mais quen o había de entregar. 65 E proseguiu: Por iso téñovos dito que ninguén pode vir a min, se non llo concede o Pai. 66 Desde aquela moitos dos seus discípulos botáronse para atrás, e xa non andaban con el. 67 Preguntoulles entón Xesús ós Doce: Vós tamén vos queredes ir? 68 Respondeulle Simón Pedro: Señor, e onda quen imos ir? Ti tes palabras de vida eterna, 69 e nós cremos e recoñecemos que ti es o Santo de Deus. 70 Xesús dixo aínda: Non vos escollín eu os Doce? E mais un de vós é un Satán. 71 (Falaba de Xudas, o de Simón o Iscariote, pois este, sendo como era un dos Doce, habíao de entregar). |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)