Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xoán 4 - Biblia SEPT


Xesús deixa a Xudea: 4, 1-3

1 Xesús decatouse de que os fariseos oíran que el facía máis discípulos e bautizaba máis ca Xoán

2 (aínda que a verdade era que non bautizaba Xesús mesmo senón os seus discípulos).

3 Entón deixou a Xudea e partiu outra vez para Galilea.


Conversa de Xesús coa Samaritana: 4, 4-42

4 Necesitaba pasar pola Samaría.

5 Chegou, logo, a unha cidade da Samaría chamada Sicar, preto do terreo que lle deixara Xacob a seu fillo Xosé.

6 Estaba alí o pozo de Xacob. E Xesús, canso do camiño, sentou onda o pozo. Era ó pé do mediodía.

7 Chegou unha muller da Samaría sacar auga. E Xesús díxolle: Dáme de beber.

8 (Os seus discípulos foran á vila, mercar comida).

9 Preguntoulle entón a muller samaritana: Como é que ti, sendo xudeu, me pides a min, muller samaritana, que che dea de beber? (Porque os xudeus non se levan cos samaritanos).

10 Respondeulle Xesús: Se coñecése-lo don de Deus e quen é o que che di "dáme de beber", ti mesma lle pedirías a el e el daríache auga viva.

11 Replicoulle a muller: Señor, se ti nin sequera tes caldeiro e o pozo é fondo, de onde pensas quitar esa auga viva?

12 Seica es ti máis có noso pai Xacob, quen nos deu este pozo, do que beberon el, seus fillos e mais o seu gando?

13 Xesús contestoulle: Todo o que bebe auga desta, terá sede outra vez;

14 pero o que beba da auga que eu lle darei, nunca mais terá sede: a auga que eu lle darei, converterase dentro del nunha fonte que saltará ata a vida eterna.

15 A muller suplicou: Señor, dáme, logo, desa auga para non ter sede nin ter que vir aquí por ela.

16 Díxolle Xesús: Vai chamar polo teu marido e volve aquí.

17 A muller contestou: Non teño marido. Xesús díxolle: Falaches ben, dicindo "non teño marido";

18 tiveches cinco homes e o que tes agora non é teu marido. Desta si que falaches a verdade.

19 A muller respondeu: Señor, vexo que ti es profeta.

20 Os nosos pais adoraron neste monte e vós dicides que é en Xerusalén onde hai que adorar.

21 Xesús díxolle: Faime caso, muller: chega a hora en que nin neste monte nin en Xerusalén adoraréde-lo Pai.

22 Vós adoráde-lo que non coñecedes; nós adoramos o que coñecemos, pois a salvación vén dos xudeus.

23 Pero chega a hora é xa agora en que os verdadeiros adoradores adorarán o Pai en espírito e verdade, pois eses son os adoradores que procura o Pai.

24 Deus é espírito e cómpre que os que o adoran, o adoren en espírito e verdade.

25 Respondeu a muller: Sei que está para vir o Mesías, o chamado Cristo. Cando el veña, hanos anunciar todas as cousas.

26 Díxolle Xesús: Son eu, o que está falando contigo.

27 Nisto chegaron os seus discípulos e chamoulles a atención que falase cunha muller. Pero ningún lle preguntou: "Que pretendes?" ou "De que falas con esa?"

28 Entón, deixando a muller o seu cántaro, foi á vila e díxolles ós veciños:

29 Vide ver un home que me dixo todo canto eu fixen. Non será el o Mesías?

30 Eles saíron da vila e viñeron onda el.

31 Mentres, os seus discípulos insistíanlle: —Rabbí, come.

32 Mais el díxolles: Eu teño para xantar unha comida que vós non sabedes.

33 Dicíanse entón os discípulos, uns ós outros: Traeríalle alguén de comer?

34 Xesús díxolles: A miña comida é facer a vontade daquel que me mandou e levar a remate a súa obra.

35 Non dicides vós que aínda faltan catro meses para que chegue a seitura? Ben, pois mirade o que vos digo: erguede os vosos ollos e veredes que os campos están brancos para a seitura.

36 O que sega recibe a paga e recolle froito para a vida eterna; de xeito que se alegran tanto quen sementa coma quen sega.

37 Pois nisto é verdadeiro o dito de que un é quen sementa e outro quen recolle.

38 Eu mandeivos recolle-lo que vós non traballastes: outros traballaron e vós recolléste-lo froito do seu traballo.

39 Moitos samaritanos daquela vila creron nel, pola palabra da muller, que declaraba: "díxome todo canto eu fixen".

40 Por iso os samaritanos chegados onda el, rogábanlle que quedase con eles; e quedou alí dous días.

41 E creron aínda moitos máis polo que el lles dixo.

42 Dicíanlle despois á muller: Xa non cremos polo que ti nos dixeches: nós mesmos o escoitamos e sabemos que este é de verdade o Salvador do mundo.


Xesús en Caná: curación do fillo dun oficial: 4, 43-54

43 Pasados os dous días, saíu de alí para Galilea

44 (pois o mesmo Xesús afirmara que ningún profeta é honrado na súa patria).

45 Entón, cando chegou á Galilea, fórono esperar os galileos, pois, como tamén eles foran á festa, viran todo canto el fixera en Xerusalén ese día.

46 Volveu así de novo a Caná de Galilea, onde cambiara a auga en viño. Había en Cafarnaúm un funcionario que tiña o fillo enfermo.

47 Oíndo que Xesús viña da Xudea cara á Galilea, foino esperar, e rogáballe que baixase a curar o seu fillo, que estaba á morte.

48 Díxolle entón Xesús: Se non vedes sinais e prodixios, non credes.

49 O funcionario insistiu: Señor, baixa antes de que morra o meu meniño.

50 Xesús contestoulle: Vaite, o teu fillo vive. O home creu na palabra que lle dixera Xesús e foise.

51 E, cando xa el baixaba, saíronlle ó encontro os seus servos, para lle dicir que o neno xa se puxera ben.

52 Entón preguntoulles a que hora empezara a notar a melloría. Eles respondéronlle: Onte, a iso da unha baixoulle a febre.

53 Decatouse entón o pai de que aquela fora a hora na que lle dixera Xesús "o teu fillo vive", e creu el e mais toda a súa familia.

54 Este segundo signo fíxoo Xesús cando volvía da Xudea para a Galilea.

Lean sinn:



Sanasan