Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xoán 3 - Biblia SEPT


Conversa de Xesús con Nicodemo: 3, 1-21

1 Había entre os fariseos un home chamado Nicodemo, maxistrado dos xudeus.

2 Este veu onda el pola noite e díxolle: —Rabbí: sabemos que viñeches de Deus coma mestre, pois ninguén pode facer estes signos que ti fas, non sendo que Deus estea con el.

3 Respondeulle Xesús: Con toda verdade cho aseguro: como un non naza de novo, non pode ve-lo Reino de Deus.

4 Replicoulle Nicodemo: Como pode un home nacer, sendo vello? Pode entrar outra vez no seo da nai e nacer?

5 Respondeulle Xesús: Con toda verdade cho aseguro: como un non renaza pola auga e o Espírito, non pode entrar no Reino de Deus.

6 O que naceu da carne, é carne; e o que naceu do Espírito, é espírito.

7 Non che estrañe que eu che dixese "é necesario que vós nazades de novo".

8 O vento sopra onde quere e ti séntelo zoar pero non sabes de onde vén nin para onde vai. Así pasa con todo aquel que naceu do Espírito.

9 Replicoulle Nicodemo: Como se pode facer isto?

10 Respondeulle Xesús: Ti es mestre de Israel e non o sabes?

11 Con toda verdade cho aseguro: falamos do que coñecemos e testemuñamos o que vimos, pero vós non aceptáde-lo noso testemuño.

12 Se dicíndovos cousas terreas, non credes, como iades crer dicíndovos cousas celestiais?

13 E ninguén subiu ó ceo, fóra do que baixou do ceo, o Fillo do Home.

14 Coma Moisés alzou a serpente no deserto, así debe ser alzado o Fillo do Home,

15 para que todo o que cre nel, teña vida eterna.

16 Pois de tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna.

17 Non mandou Deus o Fillo ó mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo.

18 O que cre nel, non é xulgado; mais o que non cre, xa está xulgado, porque non creu no Fillo Unixénito de Deus.

19 Nisto consiste o xuízo: en que, vindo a luz ó mundo, os homes escolleron a tebra en vez da luz, pois as súas obras eran ruíns.

20 Pois todo o que fai o mal, odia a luz e non vén cara á luz, para que non o delaten as súas obras.

21 Polo contrario, o que obra a verdade vén cara á luz, para que se vexan as súas obras porque están feitas como Deus quere.


Derradeiro testemuño de Bautista: 3, 22-30

22 Despois disto, foi Xesús cos seus discípulos á terra de Xudea, e alí vivía con eles e bautizaba.

23 Estaba tamén Xoán bautizando en Ainón, preto de Salén, porque había alí moita auga e viñan moitos a se bautizar

24 (pois aínda non meteran a Xoán na cadea).

25 Houbo entón unha porfía dos discípulos de Xoán cuns xudeus a propósito da purificación.

26 Foron onda Xoán e dixéronlle: —Rabbí, fíxate, aquel que estaba contigo para alá do Xordán, de quen ti deches testemuño, está bautizando e todos van onda el.

27 Xoán contestou: Ninguén pode recibir nada, se non lle vén dado do ceo.

28 Vós mesmos sodes testemuñas de que eu dixen: "Eu non son o Cristo, senón que me mandaron diante del".

29 A esposa tena o esposo; con todo, o amigo do esposo que está presente e o escoita alégrase de todo corazón coa súa voz. Así é a miña alegría, que agora chega ó seu máximo.

30 El debe medrar, e eu minguar.


Xesús completa as palabras de Xoán: 3, 31-36

31 Quen vén de arriba, está por riba de todos; quen é da terra, á terra pertence e da terra fala. O que vén do ceo, está por riba de todos;

32 do que viu e oíu, disto dá testemuño; pero ninguén acepta o seu testemuño.

33 Quen acepta o seu testemuño, confirma que Deus é verdadeiro.

34 Porque aquel a quen Deus mandou, fala as palabras de Deus, que non dá o Espírito cunha medida limitada.

35 O Pai ama o Fillo e púxolle todas as cousas nas súas mans.

36 Quen cre no Fillo, ten vida eterna; pero quen non obedece ó Fillo non verá a vida, que a ira de Deus pesa enriba del.

Lean sinn:



Sanasan