Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xoán 21 - Biblia SEPT


APÉNDICE Aparición de Xesús á beira do lago: 21, 1-14

1 Máis adiante aparecéuselles outra vez Xesús ós seus discípulos onda o lago de Tiberíades. Foi deste xeito:

2 estaban xuntos Simón Pedro, Tomé o chamado Xemelgo, Natanael o de Caná de Galilea, os do Zebedeo, e mais outros dous discípulos seus.

3 Simón Pedro díxolles: Vou pescar. Eles contestaron: Imos nós contigo tamén. Saíron, e subiron a bordo. Pero aquela noite non colleron nada.

4 Xusto cando acababa de romper o día, presentouse Xesús na ribeira do lago. Pero non se decataron os discípulos de que era Xesús.

5 Xesús preguntoulles: Rapaces, tedes algo que comer? Eles responderon: Non.

6 Díxolles entón: Largade o aparello por estribor e atoparedes. Eles largárono, e xa non podían halalo a bordo, de tanto peixe.

7 Daquela, aquel discípulo a quen amaba Xesús díxolle a Pedro: É o Señor. Entón Simón Pedro, o escoitar que era o Señor, cinguiu o vestido pois estaba espido e botouse ó mar.

8 Os outros discípulos chegaron no bote, porque non estaban lonxe de terra senón a menos de cen metros, remolcando o aparello cos peixes.

9 Cando vararon en terra, viron que había unhas brasas cun peixe enriba, e mais pan.

10 Xesús díxolles: Traede peixes dos que acabades de coller.

11 Simón Pedro subiu ó bote e arrastrou para terra o aparello cheo de cento cincuenta e tres peixes grandes; e, con seren tantos, non rachou o aparello.

12 Xesús díxolles: Vinde comer. Ningún dos seus discípulos se atrevía a preguntarlle -ti quen es-, sabedores de que era o Señor.

13 Foi Xesús, colleu o pan e déullelo, e igualmente o peixe.

14 Esta foi a terceira vez que Xesús se manifestou ós seus discípulos resucitado de entre os mortos.


Misión de Pedro: 21, 15-19

15 Cando xa comeran, preguntoulle Xesús a Simón Pedro: Simón de Xoán ámasme máis ca estes? El contestoulle: Si, Señor, ti sabes que te quero. Xesús díxolle: Apacenta os meus años.

16 E de novo preguntoulle por segunda vez: Simón de Xoán, ámasme? El respondeulle: Si, Señor, ti sabes que te quero. Xesús díxolle: Apacenta as miñas ovellas.

17 E preguntoulle por terceira vez: Simón de Xoán, quéresme? Entristeceuse Pedro de que lle preguntase por terceira vez "quéresme?", e respondeulle: Señor, ti sábelo todo, ti ben sabes que te quero. Xesús díxolle: Apacenta as miñas ovellas.

18 Con toda verdade cho aseguro: cando eras novo vestíaste ti e ías onde querías; cando te fagas vello, estenderás as túas mans, e vestirate outro e levarate onde non queres.

19 Dixo isto para significar con que clase de morte había de dar gloria a Deus. E despois engadiu: Sígueme.


O discípulo amado: 21, 20-23

20 Virándose Pedro, viu que o seguía o discípulo a quen amaba Xesús, o que se recostara no seu peito na cea e lle preguntara "Señor, quen é o que te ha de entregar?"

21 O velo, preguntoulle Pedro a Xesús: E este, que?

22 Xesús contestoulle: Se quero que permaneza ata que eu veña, a ti que che importa? Ti sígueme.

23 Espallouse entón entre os irmáns a voz de que o discípulo aquel non morrería. Pero non dixera Xesús que non había de morrer, senón: "se quero que permaneza ata que eu veña, a ti que che importa?"


Conclusións: 21, 24-25

24 Este é o discípulo que dá testemuño destas cousas e o que as escribiu; e sabemos que o seu testemuño é verdadeiro.

25 Hai aínda moitas máis cousas que fixo Xesús, que, de escribilas unha por unha, coido que o propio mundo non podería conter os libros que se habían escribir.

Lean sinn:



Sanasan