Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xoán 20 - Biblia SEPT


RESURRECCIÓN DE XESÚS: 20, 1-10

1 O día primeiro da semana María a Magdalena foi ó sepulcro moi cedo, cando aínda era escuro, e viu que a pedra do sepulcro estaba quitada.

2 Botou a correr e, chegando onda Simón Pedro e onda o outro discípulo a quen amaba Xesús, díxolles: Colleron do sepulcro ó Señor, e non sabemos onde o puxeron.

3 Pedro e mais o outro discípulo saíron correndo cara ó sepulcro.

4 Corrían os dous á par. Pero o outro discípulo correu máis lixeiro ca Pedro, e chegou primeiro ó sepulcro.

5 Abaixándose, viu que estaban os lenzos, pero non entrou.

6 Entón chegou tamén Simón Pedro, que o seguía, e entrou no sepulcro. Viu os lenzos pousados alí.

7 Pero o sudario que envolvera a súa cabeza, non estaba cos panos, senón á parte, enrolado noutro lugar.

8 Entón entrou tamén o outro discípulo, que chegara primeiro, ó sepulcro; viu e creu.

9 (Pois aínda non entenderan que, conforme a Escritura, era preciso que resucitase de entre os mortos).

10 Entón os discípulos volveron para a casa.


Aparición á Magdalena: 20, 11-18

11 Mentres tanto, María quedara ó pé do sepulcro, na parte de fóra, chorando. Sen deixar de chorar, abaixouse a ollar no sepulcro.

12 Viu dous anxos de branco, sentados, un á cabeceira e outro ós pés do sitio onde xacera o corpo de Xesús.

13 Eles preguntáronlle: Muller, por que choras? Ela respondeulles: Porque colleron ó meu Señor e non sei onde o puxeron.

14 Dito isto, virouse cara atrás e viu a Xesús alí de pé, pero sen se decatar de que era Xesús.

15 Xesús preguntoulle: Muller, por que choras? A quen buscas? Ela, coidando que era o xardineiro, díxolle: Señor, se o levaches ti, dime onde o puxeches, que eu o collerei.

16 Xesús díxolle: María! Ela, virándose, exclamou en hebreo: Rabbuni! (que quere dicir "Mestre").

17 Xesús díxolle: Sóltame, que aínda non subín onda o Pai; máis ben, vai onda os meus irmáns e dilles: "Subo onda meu Pai e voso Pai, o meu Deus e o voso Deus".

18 María Magdalena foilles contar ós discípulos que vira o Señor, e que lle dixera estas cousas.


Aparición ós discípulos: 20, 19-23

19 Naquel día, o primeiro da semana, ó serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús, e, poñéndose no medio, díxolles: Paz convosco.

20 Dito isto, mostroulles as mans e mais o costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor.

21 El díxolles outra vez: Paz convosco: coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.

22 E dito isto alentou sobre eles, e díxolles: Recibide o Espírito Santo:

23 A quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.


Aparición a Tomé: 20, 24-29

24 Pero Tomé, un dos Doce, o chamado Xemelgo, non estaba con eles cando chegou Xesús.

25 Dicíanlle entón os outros discípulos: Vimos o Señor. Pero el contestoulles: Como non vexa nas súas mans as furas dos cravos e non meta nelas o meu dedo; como non meta a miña man no seu costado, non crerei.

26 Oito días despois estaban outra vez dentro os discípulos, e Tomé con eles. Chegou Xesús, estando pechadas as portas, e poñéndose no medio, dixo: Paz convosco.

27 Despois díxolle a Tomé: Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado. Non sexas incrédulo, senón home de fe.

28 Tomé respondeulle: Meu Señor e meu Deus!

29 Xesús díxolle: Tes fe porque me viches? Benia os que creron sen veren!


Remate do Libro da Gloria: finalidade do Evanxeo: 20, 30-31

30 Moitos outros signos fixo Xesús diante dos seus discípulos, que non se escribiron neste libro.

31 Estes escribíronse para que creades que Xesús é o Mesías, o Fillo de Deus e, crendo, teñades vida nel.

Lean sinn:



Sanasan