Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xoán 2 - Biblia SEPT


O primeiro signo nas vodas de Caná: 2, 1-11

1 O terceiro día houbo un casamento en Caná de Galilea, e estaba alí a nai de Xesús.

2 Tamén foi convidado Xesús e mais os seus discípulos ó casamento.

3 Chegou a faltar o viño e a nai de Xesús díxolle: Non che teñen viño.

4 Replicoulle Xesús: Muller que ten que ver iso comigo e contigo? Aínda non chegou a miña hora.

5 Súa nai díxolles entón ós servidores: Facede o que el vos diga.

6 Había alí seis tallas de pedra para as purificacións dos xudeus, que levaban ó pé de cen litros cada unha.

7 E ordenoulles Xesús: Enchede de auga as tallas. Eles enchéronas de todo.

8 Díxolles entón: Collede agora e levádelle a proba ó mestresala. Eles levárona.

9 E, cando o mestresala probou a auga volta viño, sen saber de onda viña (os servidores si que o sabían, que eles colleran a auga) falou co noivo

10 e díxolle: Todo o mundo pon de primeiras o viño bo e, cando xa están bébedos, o máis cativo; ti, en troques, deixáche-lo viño bo para agora.

11 Foi así como fixo Xesús o primeiro dos signos en Caná de Galilea; manifestou a súa gloria, e creron nel os seus discípulos.


Xesús en Cafarnaúm: 2, 12

12 Despois disto baixou a Cafarnaúm, con súa nai, seus irmáns e mais os seus discípulos, e quedou alí uns poucos días.


Expulsa os mercadores do templo: 2, 13-22

13 Estaba a chegar a Pascua dos xudeus e subiu Xesús a Xerusalén.

14 Atopou no templo os que vendían bois, ovellas e pombas e mais os cambiadores, sentados;

15 foi el e fixo un vergallo con cordas de xunco, botounos a todos fóra do templo e as ovellas e os bois tamén; guindou cos cartos e virou as mesas dos cambiadores

16 e ós que vendían as pombas, díxolles: Arredádeme de aquí estas cousas, non fagades da casa do meu Pai unha casa de negocio.

17 Lembráronse os seus discípulos de que estaba escrito: "O celo da túa casa devórame".

18 Pola súa parte, os xudeus preguntáronlle: Que sinal nos mostras, para faceres estes feitos?

19 Respondeulles Xesús: Derrubade este templo e erguereino en tres días.

20 Replicáronlle os xudeus: Corenta e seis anos levou edificar este templo e halo erguer ti en tres días?

21 Pero el dicíao referíndose ó templo do seu corpo.

22 Cando se ergueu de entre os mortos, lembraron os seus discípulos o que dixera e creron na Escritura e no dito de Xesús.


Fe imperfecta de moitos xudeus: 2, 23-25

23 Estando Xesús en Xerusalén pola festa da Pascua, moitos creron nel, vendo os signos que facía.

24 Pero, pola súa parte, Xesús non se fiaba deles, porque os coñecía a todos.

25 Non precisaba de que ninguén lle dese informacións de ninguén, que ben coñecía el o que había no home.

Lean sinn:



Sanasan