Xoán 19 - Biblia SEPTXesús condenado a morte: 19, 1-16 1 Entón Pilato colleu a Xesús e mandouno azoutar. 2 Os soldados, tecendo unha coroa con espiños, puxéronlla na cabeza, vestíronlle un manto de púrpura, 3 e, inclinándose diante del, dicíanlle: "Salve, Rei dos Xudeus!". E dábanlle labazadas. 4 Pilato saíu outra vez fóra e díxolles: Mirade, tráiovolo fóra, para que vos decatedes de que non atopo nel culpa ningunha. 5 Entón saíu fóra Xesús, levando a coroa de espiños e o manto de púrpura. Pilato díxolles: Velaquí o home. 6 Cando o viron, os sumos sacerdotes e os gardas berraron: Crucifícao, crucifícao! Pilato respondeulles: Collédeo vós e crucificádeo, que eu non atopo culpa nel. 7 Os xudeus replicaron: Nós temos unha Lei, e conforme a Lei debe morrer, por se facer Fillo de Deus. 8 Cando Pilato oíu estas palabras, colleu moito medo, 9 entrou outra vez no Pretorio e preguntoulle a Xesús: De onde es ti? Pero Xesús non lle deu unha fala. 10 Entón Pilato insistiu: Comigo non falas? Non sabes que teño poder para soltarte e poder para crucificarte? 11 Xesús respondeulle: Non terías ningún poder sobre min, se non cho desen de arriba. Por iso, o que me entregou a ti ten maior pecado. 12 Despois disto Pilato procuraba liberalo. Pero os xudeus berraban: Se soltas a ese, non es amigo do César: todo o que se fai rei, oponse ó César. 13 Pilato, oídas estas palabras, levou para fóra a Xesús e sentouno no tribunal, no sitio nomeado "O lousado", en hebreo "gábaza". 14 (Era o día da Preparación da Pascua, alá contra as doce do día). Díxolles ós xudeus: Velaquí o voso rei. 15 Pero eles berraban: Fóra, fóra! Crucifícao! Pilato preguntoulles: Pero como vou crucificar o voso rei? Os sumos sacerdotes insistiron: Non temos máis rei có César. 16 Daquela, entregóullelo para que o crucificasen. Entón colleron a Xesús. Crucifixión de Xesús: 19, 16-27 17 Cargando el mesmo coa cruz, saíu para o lugar chamado da Caveira, que se di Gólgota en hebreo. 18 Alí o crucificaron, xunto con outros dous, un a cada lado, e Xesús no medio. 19 Escribiu Pilato un título e púxoo na cruz. O escrito era: Xesús o Nazareno, o Rei dos Xudeus. 20 Moitos dos xudeus leron este título, porque o sitio onde Xesús foi crucificado estaba cerca da vila, e estaba escrito en hebreo, latín e grego. 21 Os sumos sacerdotes dixéronlle a Pilato: Non escribas "O Rei dos Xudeus", senón que el dixo "Son Rei dos Xudeus". 22 Pilato respondeu: O escrito, escrito está. 23 Entón os soldados, cando crucificaron a Xesús, colleron a roupa del e fixeron catro partes, unha parte para cada soldado, e mais a túnica. Era a túnica sen costura, tecida dunha peza de arriba abaixo. 24 E falaron entre eles: Non a rachemos: sorteémola a ver a quen lle toca. Así cumpriuse a Escritura, que di: Repartiron entre eles a miña roupa e sortearon a miña túnica. Tal fixeron os soldados. 25 O pé da cruz de Xesús estaban súa nai e a irmá de súa nai, María a de Cleofás, e mais María a Magdalena. 26 Xesús, vendo a súa nai e, onda ela, o discípulo a quen amaba, díxolle á nai: Muller, velaí o teu fillo. 27 Despois díxolle ó discípulo: Velaí a túa nai. Desde aquela hora o discípulo acolleuna con el. Morte de Xesús: 19, 28-37 28 Despois disto, sabendo Xesús que xa todo estaba acabado, para que se cumprise plenamente a Escritura, dixo: "Teño sede". 29 Había alí un xerro cheo de vinagre. Entón, atando unha esponxa empapada de vinagre a unha cana de hisopo, achegáronlla á boca. 30 Cando probou Xesús o vinagre dixo: Está cumprido. E, inclinando a cabeza, entregou o espírito. 31 Entón os xudeus, como era o Día da Preparación, para que non permanecesen os corpos na cruz durante o sábado pois era grande aquel día de sábado, rogáronlle a Pilato que lles rompesen as pernas e os retirasen. 32 Viñeron, logo, os soldados, e rompéronlles as pernas ó primeiro e mais ó outro que crucificaran con el. 33 Pero ó chegaren onda Xesús, como o viron xa morto, non lle romperon as pernas, 34 senón que un dos soldados traspasoulle o costado cunha lanza; e no instante saíu sangue e auga. 35 Quen o viu, dá testemuño e o seu testemuño é verdadeiro; el sabe que di a verdade, para que tamén vós creades. 36 Porque isto aconteceu para que se cumprise a Escritura: "Non lle crebarán óso ningún". 37 E noutro lugar di: Han mirar para quen traspasaron. Sepultura de Xesús: 19, 38-42 38 Despois disto, Xosé o de Arimatea, que era discípulo de Xesús aínda que ás agachadas, por medo ós xudeus, rogoulle a Pilato que lle deixase retirar o corpo de Xesús. Pilato accedeu. Foi e retirou o corpo. 39 Foi tamén Nicodemo aquel que primeiramente viñera onda Xesús de noite, levando unha mestura de mirra e áloe de case cen libras. 40 Colleron o corpo de Xesús e, segundo é costume sepultar entre os xudeus, enfaixárono en panos, con aromas. 41 No sitio onde crucificaran a Xesús había un xardín, e no xardín un sepulcro novo, que aínda non usara ninguén. 42 Puxeron alí a Xesús, por mor da Preparación dos xudeus, pois o sepulcro estaba cerca. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)